En Marea anunciou na tarde deste sábado a súa intención de concorrer ás eleccións xerais do vindeiro 10 de novembro. O Consello das Mareas acordou iniciar conversas con outras forzas para formar "unha ampla alianza política galega, progresista e responsable" que "facilite un goberno de esquerdas".
En Marea acordou iniciar conversas con outras forzas para formar "unha ampla alianza política galega, progresista e responsable" que "facilite un goberno de esquerdas"
O obxectivo de En Marea é "constituir unha candidatura galega de forzas políticas e sociais, aberta á participación individual" que busca "garantir a representación directa da cidanía galega nas Cortes do Estado”. Para iso fai un chamamento a outras forzas políticas. O consello tamén decidiu que esta plataforma “podería cooperar con forzas doutros espazos nacionais”, tendo como punto de partida o “carácter progresista e as respectivas axendas políticas nacionais”.
A formación acordou participar nas vindeiras eleccións xerais pola “decepción provocada polas dúas forzas políticas responsables de non ter chegado a un acordo para gobernar, o PSOE e Podemos”, segundo explicou o voceiro de En Marea, Luís Villares.
"Galicia desapareceu por completo da axenda política, pese as numerosas urxencias da cidadanía galega”
En Marea subliña a “reacción cidadá de enfado coas forzas políticas que conduciron á cidadanía a unhas novas eleccións” e afirma que "hai moitas persoas “replantexando o seu voto e queremos ser a resposta a ese desencanto para evitar o abstencionismo na esquerda e contribuír a fomentar a participación electoral da xeito máis ilusionante posible”.
A formación tamén denuncia que "Galicia desapareceu por completo da axenda política, pese as numerosas urxencias da cidadanía galega”, sinalando Villares que "a presenza protagonista de Galicia na política estatal é un desexo compartido por outras formacións políticas e sociais galegas que comparten con En Marea a defensa dunha axenda política galega para o espazo estatal, sen sometemento a outros intereses que non sexan os propios do benestar e o progreso das galegas e galegos”.