O BNG presenta as súas candidaturas, que incorporan representantes de movementos sociais

As catro cabezas de lista do BNG para o 5A © BNG

O Consello Nacional do BNG aprobou este sábado as listas da formación para os comicios do 5A, e tamén o seu programa electoral, cualificado por Ana Pontón como un “auténtico programa de goberno” para pedir "o apoio da maioría social que quere un cambio galego”.

O Consello Nacional do BNG aprobou este sábado as listas da formación para os comicios do 5A, e tamén o seu programa electoral, cualificado por Ana Pontón como un “auténtico programa de goberno”

Nas candidaturas, como xa fora anunciado nos últimos días, repiten as mesmas cabezas de lista do ano 2016: Ana Pontón pola Coruña, Luís Bará por Pontevedra, Olalla Rodil por Lugo e Noa Presas por Ourense. Nos postos seguintes atopamos nomes ben coñecidos, a maior parte con experiencia no Parlamento galego ou no Congreso dos Deputados.

Xosé Luís Rivas “Mini”, Mercedes Queixas Zas e Rosana Pérez Fernández.acompañan a Pontón pola Coruña. Montse Prado, Alexandra Fernández e Manuel Lourenzo Sobral secundan a Bará por Pontevedra. Por Lugo, despois de Rodil sitúanse Daniel Castro (membro da Dirección Nacional de Galiza Nova) e Carme Aira Díaz (Secretaria Comarcal da CIG-Saúde). E por Ourense preséntase detrás de Noa Presas Iago Tabarés e María González Albert (ex alcaldesa da Rúa).

Ana Pontón, no Consello Nacional celebrado este sábado, rodeada por Noa Presas, Luís Bara e Olalla Rodil © BNG

Ademais da inclusión de Alexandra Fernández, anunciada onte, nas listas chama atención a presenza de numerosos representantes da sociedade civil ou de movementos e organizacións sociais. Vemos así a Carlos Babío (activista da memoria histórica), Daniela Ferrández (activista LGTB+), Manuel Soto (activista ecoloxista e membro de ADEGA), Xiana González Pico (activista no feminismo e en Avante LGTB), Xosé Deira (activista na Coordinadora Nacional Galega de Emigrantes Retornad@s), Carmela González Igrexas (activista do movemento veciñal en Vigo), Raquel Pérez Fernández (activista na Marcha Mundial das Mulleres) ou Sonia Álvarez Feixóo (presidenta da Asociación “Arrolos de teta” e activista da CIG-Ensino).

Así mesmo, atopamos a inclusión -sobre todo nos últimos postos das listas, de forma simbólica- de pesos pesados da formación e antigos altos cargos do goberno bipartito da Xunta, como o ax conselleiro Alfredo Suárez Canal, que pecha a lista por Ourense, Xosé Carballido (ex-director Xeral na Consellaría do Medio Rural), Rubén Arroxo (tenente de Alcalde da cidade de Lugo), Lois Pérez Castrillo (ex-alcalde de Vigo) ou Suso Seixo (ex- secretario xeral da CIG, e un dos denunciados dos '19 de Meirás')

“Merecemos un goberno que non reciba ordes nin de Génova, nin de Ferraz", afirmou Ana Pontón

“Merecemos un goberno que non reciba ordes nin de Génova, nin de Ferraz", afirmou Ana Pontón, que sinalou que "o cambio galego é rematar co tempo do si bwana ao madridcentrismo e conseguir algo tan simple e tan revolucionario como que Galiza sexa gobernada desde Galiza”. 

"É o momento de ter na Presidencia unha muller nacionalista coas mans libres e as ideas claras para defender, sempre e en todo lugar, os intereses dos galegos e das galegas, para construír un país con oportunidades no que vivir e traballar”, dixo a candidata do BNG, que concluíu que “se hai unha gran mobilización a favor do Bloque o 5A haberá cambio real". "Esa é a garantía para deixar atrás un goberno absolutista do PP, inútil e nocivo para Galiza”, engadiu.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.