O BNG propón repetir a configuración dos primeiros postos das listas para as eleccións galegas do vindeiro 5 de abril e que Olalla Rodil, Luís Bará e Noa Presas lideren as candidaturas por Lugo, Pontevedra e Ourense, respectivamente, como xa ocorrera nos comicios de setembro de 2016. A portavoz nacional da formación e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, encabeza a lista por A Coruña e Xosé Luís 'Mini' Rivas sitúase como o número dous nesta provincia. Montse Prado figura como segundo nome por Pontevedra.
O Consello Nacional, que se reunirá este sábado, día 29, deberá dar a aprobación definitiva ás candidaturas. As listas manteñen nos mesmos postos aos até agora seis deputados e deputadas do BNG no Parlamento de Galicia, pero Pontón avanzou que incluirán tamén "novidades importantes que suporán unha achega relevante".
A formación nacionalista formula esta proposta unha vez rematadas 25 asembleas comarcais, nas que participaron 1.450 militantes e se recibiron 234 suxestións de candidatos. Neste proceso, o Bloque entende que houbo un "apoio unánime" ao traballo do grupo parlamentario.
Pontón: "Apostamos por aquilo que funciona, por persoas capaces e formadas que lle deron voz aos grandes problemas da sociedade galega"
Pontón asegurou que estes candidatos propostos "avanzan o perfil das listas" do BNG para as eleccións galegas, nas que se van combinar "renovación e experiencia, cunha aposta decidida pola presenza das mulleres e da xente nova". "Apostamos por aquilo que funciona, por persoas capaces e formadas que lle deron voz aos grandes problemas da sociedade galega", engadiu.
A aspirante á Presidencia da Xunta afirmou que "urxe abrir unha nova etapa e a única garantía de cambio real é o BNG coas mans libres" para defender os intereses galegos. "O que non precisamos é máis sucursalismo de forzas estatais ás que lles marcan o paso desde as súas direccións madrileñas", agregou.
Pontón considerou que "a palabra de Feijóo vale moi pouco e está claro que, se o PP precisa de VOX, dá igual votar VOX que PP porque o resultado vai ser o mesmo". "Se non fose así, Feijóo non tería avalado os pactos coa extrema dereita", criticou.