“O cambio pasa por que Galiza teña unha presidenta do BNG”, asegura a nacionalista, xa que “fan exactamente o mesmo os progres, a dereita ou esa nova vella política enferruxada”
“Galiza non necesita substituír un presidente submiso por outro que vai practicar a mesma submisión a Madrid”. Así, dando por feito que nas eleccións galegas deste ano o presidente Feijóo vai deixar de estar á fronte da Xunta, presentouse este domingo a candidata do BNG, Ana Pontón, ante os seus no acto organizado polos nacionalistas para lanzar a súa carreira a San Caetano. Unha apelación a votar en clave galega que lanzou ás portas do auditorio de Santiago á xente que non puido entrar no acto por estar xa cheo o recinto.
Coa convocatoria de máis xente da que cabía no auditorio, o BNG escenificou este domingo na presentación de Pontón como candidata, tras a súa ratificación hai unha semana polo Consello Nacional da formación, que a maquinaria nacionalista está engraxada e lista para a carreira electoral. A súa é a segunda candidatura que se confirma oficialmente, tras a do socialista Gonzalo Caballero hai xa máis dun ano e á espera de que Feijóo diga se se presenta por cuarta vez, mentres que a incógnita segue a ser a configuración electoral do resto da esquerda.
Con Caballero xa elixido candidato do PSdeG e á espera de que Feijóo diga se se presenta por cuarta vez, a incógnita segue a ser o resto da esquerda
Este domingo, no seu discurso xa no interior do auditorio, Pontón quixo reclamar o feito diferencial do BNG ao asegurar que o resto de formacións, na súa suposta “submisión a Madrid”, “fan exactamente o mesmo, os progres, a dereita ou esa nova vella política enferruxada”. Fronte a eles, dixo, está o BNG, “unha forza seria, cohesionada, renovada e moderna”, ao que pediu “saír a gañar” para “liderar o cambio” que ao seu ver se producirá na presidencia da Xunta tras os comicios.
Ese cambio neste 2020, admitiu Pontón, chegaralle persoalmente pola vía da maternidade, cun embarazo xa moi avanzado. Pero asegurou que a súa filla “Icía non vai ser o único que naza neste 2020, vai nacer unha nova Galiza. “Traballemos para que teñamos unha presidenta nacionalista neste país”, reclamou, asegurando que quere ser “a candidata da Galiza dinámica e traballadora que sabe que o futuro será mellor se confiamos en nós mesmos”.
Pontón presentou o BNG como “unha forza seria, cohesionada, renovada e moderna”, ao que pediu “saír a gañar” para “liderar o cambio”
Como exemplo do que pode lograr o BNG, Pontón salientou os acordos acadados para a investidura de Pedro Sánchez como presidente do Goberno central, gabando que o deputado Néstor Rego “logrou máis para Galiza que os outros 22” do resto de forzas políticas. Igualmente, Pontón lembrou o traballo de Ana Miranda no Parlamento Europeo. “Representamos o nacionalismo do século XXI que mira ao futuro sen esquecer a súa historia”, sentenciou.
Antes de Pontón, no acto deste domingo, presentado pola actriz Iria Pinheiro, interviron representantes da universidade, o feminismo, o mundo da cultura ou da industria. Todos intentaron transmitir un discurso optimista e salientaron o exemplo de Verín como proba de que a mobilización cidadá logra mudanzas políticas.