“O cambio pasa por ter unha presidenta do BNG”, dixo Ana Pontón, voceira da formación nacionalista, logo de que o Consello Nacional a proclamase candidata á Xunta tras un proceso case unánime e cun único voto en contra de entre as máis de 2.000 persoas que participaron nas diferentes asembleas comarcais.
"Somos a única forza que ten un proxecto sólido e solvente pensado desde Galicia, sen ataduras", di Ana Pontón
Nunha intervención aberta aos medios, Pontón apelou á "mobilización" de cara ás eleccións autonómicas previstas para o vindeiro outono e chamou ao BNG a "atraer máis xernte" ao seu proxecto para sumar nun "proceso de cambio" en Galicia que agarda liderar desde a presidencia.
"Somos a única forza que ten un proxecto sólido e solvente pensado desde Galicia, sen ataduras", dixo a portavoz nacional do Bloque, que advirte dunha "maioría social" no país que amosa "os seus desexos de cambio de rumbo" tras cada elección e que defende o acordo de investidura que a formación asinou co PSOE hai unha semana.
"O BNG logrou transmitir que o cambio de ciclo político xa está en marcha mesmo antes das eleccións galegas", dixo Pontón, que ve nese acordo cos socialistas "a antesala" do obxectivo para outono, que non é outro que "o cambio real en Galicia" que finalice "con esta década de recortes e de irrelevancia poítica".
Pontón cre que o acordo entre BNG e PSOE para a investidura "deixa espido a Feijóo" e "é un espello que reflicte o fracaso do seu proxecto"
Pontón, ademais, defendeu o documento asinado co PSOE por recoller "logros que van mellorar o día a día de moitos galegos", así como avances no "recoñemento do carácter de Galicia como nación". Como exemplo, a líder nacionalista sinalou que son máis de 20.000 as persoas que a diario utilizan a AP-9 e que se beneficiarán agora de peaxes "máis baratas".
Segundo Pontón, o documento asinado demostra tamén "ata que punto Feijóo non ten proxecto político" para o país logo de que o BNG "conseguira máis cosas para Galicia nun mes que o presidente da Xunta en dez anos". "Este acordo déixao espido", continuou, tras advertir de que era "un espello que reflicte o fracaso do seu proxecto".