Pontón: "Comprométome a trasladar á acción do Goberno o clamor feminista do 8M"

Pontón intervén no encontro do proxecto 'Pensar Galiza' sobre feminismo e políticas de igualdade CC-BY-NC-SA BNG

A portavoz nacional e candidata do BNG vén de reincorporarase á actividade pública por mor do adianto electoral e un dos seus primeiros actos no retorno foi, este sábado, a segunda mesa de Pensar Galiza, o proxecto do Bloque para "enriquecer" os contidos do seu programa do 5A con voces expertas de diversos sectores. A cita deste sábado estaba centrada na igualdade de xéneo e, nela Ana Pontón expresou o seu propósito político: "trasladar á acción do Goberno o clamor feminista do 8M".

Na mesa de traballo coordinada por Carme Adán, Pontón subliñou o compromiso de "destinar o 1% do Orzamento da Xunta a recursos contra a violencia machista"

Na mesa de traballo coordinada pola profesora Carme Adán, Pontón repasou algunhas das propostas do Bloque na materia durante a lexislatura, dende "destinar o 1% dos Orzamentos da Xunta a recursos contra a violencia machista" a "crear unha nova lei de igualdade". Estas, cre, son mostras dun "cambio en clave feminista, para situar as demandas das mulleres nun primeiro plano. E ese é o compromiso que adquirimos como BNG e que adquiro como candidata á Presidencia: ser a presidenta da igualdade".

Un intre da sesión de 'Pensar Galiza' sobre feminismo, este 15 de febreiro CC-BY-NC-SA BNG

Neste sentido, a líder do Bloque advirte de que no programa da formación se incluirán tamén outras medidas que repercutirán de xeito positivo na igualdade entre mulleres e homes. É o caso, destaca, de "incluír o ensino infantil no sistema público educativo", toda vez que as escolas infantís dependen na actualidade da Consellería de Política Social malia ao anuncio, hai unha década, de transferilas a Educación. 

O Bloque, avanza Pontón, levará no seu programa "incluír o ensino infantil no sistema público educativo" e a gratuidade destas escolas

Esta transferencia, asegura, implicará a súa gratuidade, na liña do implantado nalgúns concellos e aínda non estendido á Xunta, que comezará a implantar a gratuidade a partir do segundo fillo dende o vindeiro 1 de abril, catro días antes dos comicios. Esta medida "non abonda", cre Pontón, nun contexto no que as escolas infantís son recursos educativos e ao tempo, resalta, "recursos para a conciliación e a corresponsabilidade"

No marco da sesión de Pensar Galiza, a profesora Carme Adán chamou a contrastar a "traxectoria do BNG de compromiso co feminismo" fronte ao "ermo en políticas feministas" do "tempo de Feijóo". A que fora secretaria xeral da Igualdade do Goberno de coalición de PSdeG e BNG e deputada do Bloque no Parlamento lamentou que nestes anos se "desfixese o avanzado", ao "non crear novos programas nin desenvolver a lei contra a violencia machista que temos en Galiza, que é moi avanzada e mesmo no Estado agora recollen propostas que xa están nesta norma".

"Imos superar ás enquisas"

O encontro do BNG sobre políticas de igualdade celebrábase escasas horas despois da publicación dunha enquisa de Metroscopia para El Confidencial que sitúa o PP dous escanos por riba da maioría absoluta, con 39 escanos, e o BNG como a forza de maior crecemento, recuperando a terceira praza e con ata 14 escanos, oito máis que na actualidade. Preguntada ao respecto, Pontón ve a tendencia indicada nesa sondaxe como mostra de que "o BNG é unha forza á alza" que "vai a por todas" o 5A, pero tamén se amosa "convencida de que imos superar todas as enquisas".

O 5 de abril, cre Pontón, "imos celebrar un cambio político e tamén que teremos unha muller nacionalista do BNG na Presidencia", porque "esa é a garantía do cambio real". Esta afirmación, asegurou a preguntas da prensa, responde "ao que sinto na rúa, que o BNG está despuntando". Tamén ao feito de "vermos tan nervioso ao PP, atacando ao BNG porque saben que somos a garantía de que non continúe" o actual Goberno, pero "tamén, dun cambio real".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.