Pontón retoma a súa axenda pública "convencida" da fin da década de Feijóo

Ana Pontón, flanqueada por Goretti Sanmartín e Olalla Rodil, na Executiva Nacional do BNG que analizou o adianto electoral CC-BY-NC-SA BNG

Ana Pontón é candidata do BNG á Presidencia da Xunta dende a semana anterior ao nacemento da súa primeira filla, o pasado xaneiro. No seo do Bloque eran conscientes dende hai meses da posibilidade de que un adianto electoral decidido por Alberto Núñez Feijóo irrompese na baixa por maternidade da súa portavoz nacional, obrigando a adaptala ou mesmo a interrompela. O anticipo anunciado por Feijóo para o 5 de abril foi máis rápido do estimado na formación nacionalista que, así e todo, resalta que a súa maquinaria para os comicios leva meses en marcha e ten o seu principal activo na propia candidata, que vén de reincorporarse á axenda pública.

"Agora teño un motivo máis para loitar por unha Galiza mellor", afirma a portavoz nacional e candidata do BNG á Presidencia tras reincorporarse da súa baixa de maternidade por mor do adianto electoral

"Agora teño un motivo máis para loitar por unha Galiza mellor", resaltaba Pontón o pasado martes no marco dos agradecementos polos parabéns recibidos tras o nacemento da súa filla. A primeira aparición pública da candidata do Bloque produciuse tras unha xuntanza extraordinaria da Executiva Nacional da formación, que asumiu a necesidade de acelerar lixeiramente os prazos de procesos internos como a conformación de listas ou o peche dun programa electoral que pode ser programa de Goberno porque, di Pontón, retorna "convencida" de que ese cambio é posible.

O BNG abordou o adianto electoral nunha Executiva Nacional extraordinaria con Ana Pontón CC-BY-NC-SA BNG

Lonxe de incomodarse por ter que someterse xa ás urnas, asegura, o 5A é "unha gran oportunidade para poñer unha nova Galiza en marcha que deixe atrás a desfeita de dez anos de Feijóo". E agora, asegura, "o Bloque está preparado para liderar" un goberno da esquerda. "Sería unha revolución que por primeira vez teñamos unha presidenta do BNG!", considera.

"Xa hai unha maioría social que lle dá as costas ao PP", cre a candidata do BNG no inicio do proceso para conformar candidaturas e pechar o programa electoral, que será máis rápido do previsto por mor do anticipo dos comicios 

Poucas horas despois de que Feijóo ratificase que optará a un cuarto mandato na Presidencia, Pontón coidaba que "con bágoas ou sen bágoas de crocodilo", o certo é que para o actual presidente resulta cada vez máis difícil "tapar a desfeita" da súa década de Goberno. "Deixa unha Galiza peor que a que atopou, cuns servizos básicos deteriorados" e cun país "conducido á irrelevancia política, porque sempre estivo atado de pes e mans, primeiro a Rajoy e agora, a Casado".

"Xa hai unha maioría social que lle dá as costas ao PP" e agora cómpre "ratificalo nas urnas" mediante "unha gran mobilización social". O seu propósito, avanza, será convencer a cidadanía de que aposte por "sumar no BNG" para "empezar a construír unha Galiza máis xusta, con oportunidades, con benestar social, con igauldade e na que poder vivir e traballar. "Teñen o meu compromiso e o de todo o Bloque, non lles imos fallar", asegura.

Con Pontón reincorporada, o BNG prepárase para unha "campaña intensa, porta a porta e a pé de rúa" mentres acelera os prazos para ter as candidaturas definidas a mediados do vindeiro mes, a máis tardar. Tamén deberá adaptar ao novo escenario os encontros abeirados na iniciativa Pensar Galiza, o proxecto concibido como laboratorio de ideas para complementar o programa electoral, que hai poucos días botaba a andar cun encontro sobre I+D+i con persoal investigador.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.