O BNG aposta por Rodil, Presas e Bará para acompañar a Pontón á fronte das candidaturas

Ana Pontón e 'Mini' Rivas, nun recente Consello Nacional do BNG CC-BY-NC-SA BNG

Olalla Rodil, Noa Presas e Luís Bará. Os cabezas de lista do BNG nas pasadas eleccións xerais perfílanse para os primeiros postos das candidaturas da formación nacionalista nas provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra, respectivamente, tamén nos vindeiros comicios galegos. Esta é a proposta elaborada pola dirección do Bloque a partir das achegas da militancia, que durante esta semana volverá abordar as candidaturas para, o vindeiro sábado, aprobalas definitivamente xunto á da Coruña, liderada pola portavoz nacional e aspirante á Presidencia, Ana Pontón.

As bases da formación frontista veñen de recibir unha proposta da Executiva Nacional na que, xunto a Pontón, figuran en postos destacados da lista coruñesa nomes como, no número dous, o de Xosé Luís Rivas, 'Mini', que nas xerais concorreu como candidato ao Senado sendo o máis votado dos candidatos do BNG. No tres a proposta é ex-deputada no Congreso Rosana Pérez e o cuarto posto, a antiga concelleira de Cultura da Coruña María Xosé Bravo. O simbólico posto de peche é para o actual voceiro parlamentario, Francisco Jorquera.

Na lista lucense Olalla Rodil irá acompañada, no caso de ser aprobada definitivamente a proposta, por quen no anterior mandato municipal foi responsable de Cultura da Deputación de Lugo, Mario Outeiro, mentres que o peche lle correspondería ao actual deputado Cosme Pombo. En Ourense o número dous da lista liderada por Noa Presas estaría ocupado polo enfermeiro Suso Vilasánchez, coa actual deputada Tereixa Paz no simbólico derradeiro posto. Mentres, en Pontevedra, Luís Bará sería o número 1 e a xa deputada Montse Prado tería o segundo posto, co ata agora voceiro de pesca na Cámara, Daniel Rodas, pechando a candidatura.

Xosé Luís Rivas, 'Mini', é o proposto como número dous pola Coruña

Estas serán as propostas que a militancia teña que debater nun contexto no que, se o BNG repetise os seus resultados de 2012, as únicas que recuncaría na Cámara con relación á lexislatura que remata serían Pontón e Prado, mentres que o resto do grupo sería renovado. Pontón, di a Executiva nacionalista, "achega experiencia parlamentaria e, ao mesmo tempo, o cambio xeracional na dirección", mentres que o resto de candidaturas combinarían igualmente "renovación e experiencia", así como paridade de xénero mediante o modelo de "cremalleira".

O Bloque aprobará definitivamente as candidaturas no Consello Nacional do día 23

"A proposta de candidaturas está integrada -agregan- por homes e mulleres de amplo espectro profesional e alboral, na súa maioría cun amplo compromiso en movementos sociais, feministas, sindicais e de reivindicación dos servizos públicos, de dereitos individuais e nacionais". Uha vez debatidas, o Consello Nacional é o encargado de aprobalas definitivamente.

Olalla Rodil, nun mitin previo ás xerais CC-BY-NC-SA BNG
Noa Presas, nun acto público CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.