Alexandra Fernández incorpórase á candidatura do BNG ao Parlamento por Pontevedra

Alexandra Fernández, durante un pleno no Congreso dos Deputados CC-BY-SA EM

Alexandra Fernández, ex-deputada da antiga coalición En Marea no Congreso, incorporarase á candidatura do BNG ao Parlamento pola circunscrición de Pontevedra para as eleccións galegas do 5 de abril. Como adiantou Diario de Pontevedra, nas últimas semanas intensificáronse as conversas entre a ex-parlamentaria e o Bloque e, segundo puido confirmar Praza.gal, o seu nome estará nas candidaturas que o Consello Nacional da formación soberanista prevé aprobar este sábado.

A proposta que abordará o Consello Nacional do BNG implica que Fernández sexa a número tres por Pontevedra

As fontes consultadas por Praza.gal ratifican que a proposta que a Executiva Nacional da formación someterá este sábado ao Consello implica que Fernández sexa a número tres da candidatura do BNG por Pontevedra, tras Luís Bará e Montse Prado, que xa foron deputados na lexislatura que vén de rematar. As expectativas electorais coas que traballa o Bloque, de ascenso electoral a respecto dos comicios de hai catro anos, converten a posición que ocupara Fernández nun posto de saída. Así, por exemplo, tanto no período 2009-2012 como no 2012-2016, a formación logrou ese terceiro escano por Pontevedra.

Membros do grupo parlamentario do BNG na décima lexislatura CC-BY-NC-SA BNG

Fernández foi elixida deputada no Congreso por En Marea como coalición nas eleccións xerais de 2015 e nas repetidas de 2016. Na recta final da pasada lexislatura estatal amosara abertas desavinzas políticas coas outras forzas do grupo parlamentario que compartían con Unidas Podemos. 

Así ficou reflectido, por exemplo, na votación das emendas á totalidade do proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para 2019, emendas que Fernández apoiara ao considerar que os investimentos previstos polo Executivo central para Galicia eran insuficientes. Pouco despois, en febreiro, Fernández anunciaba a súa intención de non optar a concorrer ás eleccións xerais.

"Deséxolle o mellor ao BNG; agardo que consiga representación e que sirva para que en Galiza se recupere o pulso e o debate político", sinalara Alexandra Fernández antes das xerais do 10N

Tras esa retirada da política institucional, Alexandra Fernández amosara o seu achegamento público ao Bloque antes das eleccións xerais de novembro de 2019. "Deséxolle o mellor ao BNG (...) Agardo que consiga representación e que sirva para que en Galiza se recupere o pulso e o debate político", sinalara a través das redes sociais no marco dunha reflexión sobre o "intento fracasado de alianza entre a esquerda soberanista galega e a esquerda española". 

Fernández integrarse agora no proxecto do BNG que encabeza Ana Pontón para o 5A nunhas candidaturas cuxos primeiros postos corresponden aos integrantes do grupo parlamentario da formación nestes últimos catro anos. Así, ademais de Bará por Pontevedra, tras Pontón pola Coruña sitúase Xosé Luís Rivas, Mini. En Lugo recunca Olalla Rodil e en Ourense, Noa Presas. Tras ratificar estes primeiros nomes, a propia Pontón avanzara que as listas do BNG ían incluír "novidades importantes, que suporán unha achega relevante".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.