O Diario Oficial de Galicia xa publicou as candidaturas presentadas polas forzas políticas para as eleccións ao Parlamento do vindeiro 5 de abril. Alén dos axustes que poidan producirse por erros formais ata a proclamación definitiva das listas, este 9 de marzo, xa é coñecido que un total de cincuenta e cinco candidaturas dunha vintena de forzas políticas optarán aos 75 escanos da Cámara da XI Lexislatura, que se constituirá o 5 maio.
A Coruña
Dúas das catro forzas políticas que, segundo todas as enquisas, sentarán no novo Parlamento, sitúan ás persoas que designaron para cadansúas candidaturas á Presidencia da Xunta como cabezas de lista pola provincia da Coruña. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e mais o secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino, figuran no primeiro posto das candidaturas coruñesas do Bloque e Galicia en Común. O PP elixiu á actual conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, e o PSdeG aposta por Pablo Arangüena, ata agora deputado no Congreso e membro do equipo de confianza de Gonzalo Caballero na Executiva Nacional do PSdeG.
Ademais destas catro formacións, na provincia coruñesa concorren nove máis. Algunhas xa se presentaron hai catro anos, como Ciudadanos, Compromiso por Galicia ou o PACMA, e outras é a primeira vez que o fan, como a formación de extrema dereita Vox. Completan as candidaturas da provincia as listas de Equo, Partido Comunista dos Traballadores, Partido de Los Autónomos, Por un Mundo Más Justo e Recortes Cero, este último en coalición con Espazo Común, a formación fundada polo ex-socialista Pachi Vázquez. A composición íntegra das candidaturas pódese consultar aquí.
Lugo
En Lugo só a nacionalista Olalla Rodil repite como cabeza de lista dunha das principais forzas políticas con relación a hai catro anos. O PP optou desta volta pola súa presidenta provincial e ata agora alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, e o PSdeG tamén aposta pola súa secretaria xeral lucense, Patricia Otero. Galicia en Común sitúa nese primeiro posto a un representante de Anova, Miguel Anxo Fernán-Vello, escritor que foi deputado no Congreso por En Marea como coalición.
Como nas outras circunscricións, en Lugo tamén se presentan pola dereita Ciudadanos e Vox. Igualmente, repiten Compromiso por Galicia con Converxencia 21. O electorado lucense tamén pode optar por Equo, PACMA, Partido Comunista dos Traballadores, Por un Mundo Más Justo e a coalición de Recortes Cero con Espazo Común. Nesta ligazón, todas as candidaturas.
Ourense
En Ourense, as candidatas de PP e BNG de hai catro anos repiten encabezando cadansúas candidaturas: Marisol Díaz Mouteira e Noa Presas. O PSdeG renova o seu número un con Marina Ortega, antiga integrante do goberno municipal do Carballiño e elixida deputada no Congreso nas dúas últimas eleccións xerais. Por Galicia en Común, o número 1 é David Bruzos, que xa fora deputado no Congreso por En Marea como coalición na breve lexislatura iniciada tras as xerais de decembro de 2015.
Na circunscrición ourensá unha das principais novidades é a do partido de Pachi Vázquez, Espazo Común, que neste caso encabeza a coalición con Recortes Cero. Asemade, Ciudadanos e Vox presentan as súas candidaturas e o mesmo fan CxG, PACMA, PCT ou Por un Mundo Más Justo. Neste caso, tamén presentou lista a formación Contigo Somos Democracia. A composición íntegra das listas, nesta ligazón
Pontevedra
En Pontevedra concorren os aspirantes á presidencia da Xunta polo PP e o PSdeG. Alberto Núñez Feijóo volve liderar a lista pontevedresa do PP e Gonzalo Caballero debuta nesa posición pola banda socialista. Luís Bará volve ser o número un de Pontevedra polo Bloque e Galicia en Común elixe a Eva Solla, líder de Esquerda Unida, que xa foi deputada nas dúas últimas lexislaturas, primeiro por AGE e despois por En Marea.
A circunscrición pontevedresa é a que rexistra un maior número de candidaturas, cun total de 16. Ás formacións políticas que presentan listas nas catro provincias únense outras como Escanos en Branco, Ciudadanos de Galicia, Unidos por el Futuro e UPyD. Neste espazo poden consultarse todas as listas