Primeiros nomes ratificados para as listas electorais da coalición Galicia en Común-Anova-Mareas, que os socios de Unidas Podemos pecharon con Anova e mais Marea Atlántica e Compostela Aberta a pasada semana, pouco antes do peche do prazo para rexistrar estas alianzas cara ás eleccións galegas do 5 de abril. Podemos Galicia fixo públicos este xoves os resultados das súas primarias e nelas, o 89,78% das 1.712 persoas que participaron deron o seu apoio a Antón Gómez-Reino como cabeza de cartel.
Tras Gómez-Reino, Luca Chao perfílase como número dous de Galicia en Común pola Coruña
Gómez-Reino fica, daquela, certificado como aspirante á presidencia da Xunta pola coalición, na que en virtude dos pactos acadados ocupará o primeiro posto da lista da Coruña. Os postos xa asignados no seo da coalición outorgaron a Podemos tamén o número dous por esta circunscrición, no que se situará Luca Chao; quen xa foi deputada na última lexislatura foi a candidata máis apoiada na votación para conformar o resto das listas.
O segundo candidato ás primarias de Podemos con maior apoio foi Marcos Cal, tamén deputado na última lexislatura -primeiro con En Marea e despois, no grupo Común da Esquerda-. Previsiblemente, Cal situarase no terceiro posto da candidatura de Pontevedra, circunscrición que encabezará Esquerda Unida -agás sorpresa, coa súa coordinadora nacional, Eva Solla-.
Marcos Cal e David Bruzos foron os seguintes candidatos máis votados nas primarias de Podemos
Na terceira posición destas primarias quedou David Bruzos. Quen fora deputado no Congreso por En Marea como coalición perfílase deste xeito como cabeza de lista de Galicia en Común por Ourense ao Parlamento. No cuarto posto quedou José Manuel Pérez Afonso, que podería ser número dous de Galicia en Común por Lugo se o número 1 desa provincia, pactado para Anova, fose unha muller. En caso contrario, dada a aposta polas listas cremalleira nesta formación, a súa posición descendería cando menos ata o cuarto lugar.
A incógnita de Noriega
Cos nomes de Podemos despexados -nas primarias foron elixidas ata un total de 75 persoas, tantas como escanos ten o Parlamento-, as principais incógnitas que restan por aclarar nos primeiros postos da coalición pasan por Anova. Moi especialmente, polo nome da persoa que será situada no terceiro posto da candidatura da Coruña.
O nome que soou con máis forza nas últimas semanas para ser a referencia de Anova nestes comicios foi o de Martiño Noriega, ex-alcalde de Santiago e voceiro de Compostela Aberta que, como responsable de relacións políticas da formación que lidera Antón Sánchez, asumiu boa parte das negociacións con Podemos. Segundo as fontes consultadas por Praza.gal, Noriega segue a considerar a posibilidade de concorrer, o que sería visto con bos ollos en sectores de Podemos.
O prazo de rexistro de listas finaliza o día 2; antes, o 29, Pablo Iglesias e Yolanda Díaz apoiarán a proclamación da candidatura de Gómez-Reino cun mitin na Coruña
A vindeira fin de semana preséntase como horizonte para a decisión de Anova tanto para o terceiro posto da Coruña como para o segundo de Pontevedra e o primeiro de Lugo. Para encabezar a candidatura lucense soa con forza o nome do escritor Miguel Anxo Fernán-Vello, ex-deputado no Congreso.
As fontes consultadas aclaran que todas as partes da coalición se dispoñen a ultimar a asignación do resto de postos das candidaturas que non foron pactados antes do rexistro da propia coalición. O prazo para o rexistro das listas ante a Xunta Electoral finaliza o 2 de marzo. Xusto antes, o sábado 29, Gómez-Reino recibirá o apoio da plana maior de Podemos nun mitin na Coruña, no que o candidato estará acompañado polo líder do partido e vicepresidente segundo do Goberno central, Pablo Iglesias, ademais de pola ministra de Traballo, Yolanda Díaz, tamén deputada de Galicia en Común no Congreso.