Unidas Podemos, Anova e as principais mareas presentaranse en coalición ás eleccións galegas do 5 de abril. Hai acordo e desta volta, sen chegar ao minuto final do prazo legal para a inscrición de coalicións electorais, que rematou ás 23:59 deste 21 de febreiro, aínda que as negociacións dos flocos finais si estiveron preto dese limiar. Este venres ficou pechado nos seus trazos básicos o pacto polo que as formacións que integran Unidas Podemos e mais Anova, así como as principais mareas municipais urbanas, as da Coruña e Santiago, concorrerán en alianza aos comicios do 5A co secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino, como candidato á Presidencia da Xunta.
Unha vez culminada a consulta á militancia de Podemos Galicia sobre a fórmula de concorrencia, celebrada case ao mesmo tempo que a asemblea de Compostela Aberta e a Rede da Marea Atlántica daban, no serán do xoves, luz verde á confluencia, para este venres aínda ficaban sobre a mesa algúns flocos da negociación. Entre outros, concretar de vez o encaixe das formacións aliadas nalgúns dos primeiros postos das candidaturas ao Parlamento pola Coruña e Pontevedra.
Segundo puido confirmar Praza.gal, o acordo pechado este venres atinxe ás listas, pero tamén á conformación dos órganos internos da coalición, nos que preponderará Podemos, e tamén as regras que rexerán o financiamento da alianza. No referido estritamente á candidatura, unha das cuestións pendentes está a ser, no remate das conversas, a presenza ou non nas listas de Martiño Noriega, ex-alcalde de Santiago por Compostela Aberta, responsable de relacións políticas de Anova e un dos principais negociadores da coalición.
O seu nome foi manexado mesmo como eventual cabeza de cartel. Tamén como número tres da candidatura pola circunscrición da Coruña. Na contorna de Noriega asegúrase que, na liña do manifestado a pasada semana en declaracións á Cadena SER, "priorizou" a participación de Anova e as mareas "en pé de igualdade" e esta, aseguran, é a razón pola que é altamente probable que mesmo non opte a sentar no Parlamento. A súa presenza final nas listas, así como os equilibrios entre as partes nos postos a priori de saída noutras circunscricións están a ser negociadas, informan fontes coñecedoras das conversas, que non desbotan tampouco a posibilidade dun posto destacado para Antón Sánchez, portavoz nacional de Anova.
Contactos contra o reloxo, a varios niveis e con 'plan b'
Os contactos estiveron marcados polos axustados prazos provocados polo adianto electoral e chegaron a estar ao bordo da ruptura. Non en van, fontes coñecedoras das negociacións confirman que Anova abordou como posibilidade máis que real a vía de tecer unha candidatura á marxe de UP xunto a membros das principais mareas municipais. Participantes neses contactos mesmo apuntaban á posibilidade de que, de activarse ese plan b, fose valorada a posibilidade de explorar a participación de En Marea, ata esta semana encabezada por Luís Villares.
Boa parte do peso das negociacións asumírono Noriega e Gómez-Reino, se ben tamén participaron neles outros dirixentes, entre eles Beiras e Iglesias
Segundo puido confirmar Praza.gal, as negociacións que agora frutifican transcorreron a varios niveis e nelas tiveron un peso fundamental Gómez-Reino e Noriega, que mantiveron varias xuntanzas nos últimos días. Por Esquerda Unida, a principal negociadora foi Eva Solla, coordinadora nacional. Tamén se desenvolveron negociacións nunha mesa con delegacións de dirixentes de cada unha das formacións, sen Noriega nin Gómez-Reino. As mesmas fontes confirman que, ademais, existiu cando menos un contacto telefónico do líder de Podemos e vicepresidente segundo do Goberno central, Pablo Iglesias, con Xosé Manuel Beiras e que nas conversas se implicou tamén Yolanda Díaz, ministra de Traballo e deputada de Galicia en Común no Congreso.
Aínda que nas horas previas ao acordo volveu estar publicamente sobre a mesa a cuestión da marca, coa consulta de Podemos á súa militancia a respecto de formaren unha coalición "baixo a forma de Galicia en Cómun", o certo é que nas negociacións tivo máis peso o encaixe das diferentes formacións nas candidaturas. Neste sentido, Podemos defendeu a súa primacía electoral e a súa preponderancia á hora de designar a candidatura á Presidencia da Xunta.
A previsión coa que traballan todas as partes é a de obteren, mesmo no escenario máis optimista, unha representación notablemente menor á acadada por En Marea en 2016, cando a candidatura que daquela si aglutinou a toda esquerda rupturista acadou os 14 escanos. De aí a importancia, por exemplo, dos segundos e terceiros postos das listas pola Coruña e Pontevedra. Ligado con isto estiveron tamén as reticencias, pola banda de Unidas Podemos, de situar en pé de igualdade cos partidos a algunhas das principais mareas municipais, especialmente Marea Atlántica ou Compostela Aberta.
A nova alianza ten, a priori, un escenario electoral máis complexo que as súas antecesoras, que no seu mellor momento chegaron a acadar o 25% dos votos en Galicia
A nova alianza ten, a priori, un escenario electoral máis complexo que o das súas antecesoras. Excluíndo as eleccións municipais de 2015 e 2019 -nas que a pluralidade de siglas e o feito de que este espazo político non concorrese de xeito homoxéneo en todo o país fai difícil establecer comparacións- dende a primeira experiencia de Alternativa Galega de Esquerdas (AGE) en 2012, como coalición de Anova, Esquerda Unida e Equo, estas formacións chegaron a tocar teito electoral nas eleccións xerais de 2015, cando acadaron o 25% dos votos emitidos en Galicia coa fórmula de En Marea como coalición.
De alí en diante, En Marea como partido achegouse ao 20% nas eleccións galegas de 2016 e no ciclo electoral iniciado en 2019, xa con Galicia en Común e En Marea por separado, este espectro político moveuse entre o 12% e o 15% de apoio cidadán, cadrando tamén cunha notable recuperación de votos do PSdeG-PSOE e mais do BNG.