Cando, a principios de agosto de 2016, Luís Villares anunciou a súa disposición a ser candidato de En Marea ás eleccións galegas que Alberto Núñez Feijóo adiantara unha semana antes secundando a data decidida polo lehendakari Urkullu, o seu nome levaba meses a circular polos ambientes políticos do país. Cando menos dende o verán anterior, representantes de mareas municipais e dalgunhas das forzas políticas implicadas na confluencia pensaran en Villares como posible figura de consenso para encabezar un espazo político que saíra con grandes expectativas das municipais de 2015 e dos comicios xerais daquel mesmo ano.
Villares chegou á política activa acompañado da súa sona de xuíz rigoroso, pero tamén comprometido socialmente e de marcado perfil galeguista
Apenas tres anos e medio despois, este mércores, Villares anunciaba a súa retirada da vida política. Polo camiño, unha lexislatura treboenta para o que se quixo chamar espazo de "unidade popular" pero que, paradoxalmente, rematou o cuatrienio electoralmente debilitado e organicamente, outra volta, en reconstrución.
A Villares acompañábao a súa sona de xuíz rigoroso, pero tamén comprometido en materia social e de marcado perfil galeguista. Como coordinador en Galicia de Xuíces para a Democracia pronunciárase abertamente en materias como a defensa da lingua galega ou contra os recortes sociais dos anos da crise. Tanto no eido académico como dos movementos sociais, adquirira unha notable consideración polo seu coñecemento da administración galega ou da ordenación territorial do país.
Con estas credenciais, Villares deu o paso adiante. Levaba meses estudando cifras e datos; dende o funcionamento da Xunta ao estado xeral de Galicia. "A razón de facelo é o meu compromiso social", explicaba nun contexto no que, a apenas mes e medio das eleccións, aínda era unha incógnita como concorrería exactamente En Marea, que se viña de constituír en partido "instrumental" na súa asemblea de Vigo, quen estaría baixo o seu paraugas e se finalmente Podemos se uniría ou non ao proxecto, o cal sucedeu coa intervención directa de Pablo Iglesias a escasos minutos de que pechase o prazo legal.
Apenas mes e medio antes das eleccións, En Marea existía como partido e paraugas da confluencia, pero cunha estrutura mínima, case inexistente
O partido existía como fórmula xurídica e paraugas da confluencia, pero a súa estrutura real era mínima, case inexistente e absolutamente dependente do que quixesen ou non achegar a el cada unha das partes. Así, sen partido como tal e con escasos medios, Villares lanzouse a unha campaña con escasa planificación na que o único debate televisivo non supuxo o revulsivo ao que a formación aspiraba -máis ben todo o contrario- e na que os concibidos como actos máis masivos, con Villares compartindo escenario cos alcaldes das mareas, Pablo Iglesias ou Xosé Manuel Beiras, ficaron mediaticamente opacados polo enfrontamento aberto entre o líder de Podemos e Íñigo Errejón.
Naquelas eleccións a En Marea encabezada por Luís Villares logrou 14 escanos e a condición de primeira forza da oposición. Unha representación tan meritoria para o contexto da campaña como escasa para un espazo político que apenas un ano antes albergaba o convencemento de poder encabezar unha alternativa de esquerdas que desaloxase da Xunta ao PP de Alberto Núñez Feijóo.
O artellamento interno de En Marea oscilou entre as tensións soterradas e o enfrontamento aberto
Con este pano de fondo, Villares marcouse dende o inicio da lexislatura o reto de impulsar o "despregamento territorial" de En Marea como "proxecto nacional" galego. O artellamento interno oscilou, dende apenas dous meses despois das eleccións galegas, entre as tensións soterradas dende a propia campaña e o enfrontamento aberto, entre as diferenzas ideolóxicas e organizativas ata os desencontros persoais de difícil recondución. Mentres, os dirixentes que apostaran abertamente por Villares como candidato afastábanse notoria e definitivamente del, que a súa vez exploraba outras vías e dirixentes para procurar reconducir e reconstituír o espazo, no que malia gañar as eleccións internas seguía, ao cabo, sen partido.
Así chegou o novo ciclo electoral. E unha vez pasadas as eleccións xerais de abril e mais as municipais e europeas, onde a formación encabezada por Villares obtivo uns pobres resultados, En Marea rachaba definitivamente no único lugar onde permanecía unida, o Parlamento. "Non nos resignamos a deixarnos devorar por Podemos", afirmara daquela.
"Vin coa ilusión de axudar a construír unha alternativa para que a xente vivise mellor", pero "sentinme como un becho raro", confesaba Villares na súa despedida
No epílogo da lexislatura Villares amosaba aínda a súa esperanza na enésima reconstrución de En Marea. Non obstante, non ocultaba o seu cansazo político e desgaste persoal dunha batalla interna na que segundo os seus adversarios, escolleu mal as alianzas e a xuízo dos seu partidarios, foi abandonado por quen o animaron a dar o salto. "Sentinme como un becho raro", confesaba este mércores na rolda de prensa da súa despedida. "Vin coa ilusión de axudar a construír unha alternativa para que a xente vivise mellor", asegurou visiblemente emocionado.
Villares marcha da política partidaria e institucional e regresa á xudicatura. No seu adeus mesturáronse as palabras de agradecemento cos reproches e na súa contorna máis próxima, a mágoa e o alivio. Hai quen cre que o partido que encabezou hai tres anos e medio, en realidade, nunca existiu.