Villares e Iglesias chaman "dar un paso adiante" nas urnas contra o "amigo do narcotraficante"

Mitin de En Marea na Coruña CC-BY-SA En Marea

"É o momento de que ninguén quede na casa, de non renderse", advertiu Luís Villares, que apelou a Stéphane Hessel para asegurar que, tras a "indignación", hai que pasar a "comprometerse" e "dar un paso adiante" o vindeiro domingo nas urnas. Nun mitin ateigado -e con xente que quedou fóra- no paraninfo da Universidade da Coruña, o candidato de En Marea á presidencia da Xunta contou co apoio de Pablo Iglesias que, á marxe do seu discurso a nivel estatal, centrouse en contradicir con datos a sona de "bo xestor" dun Feijóo que ve "ineficaz" e ao que botou en cara, entre outras cousas, a súa "amizade" cun narcotraficante.

"É o momento de que ninguén quede na casa, de non renderse e dar un paso adiante", di Villares

"A escolla é entre un presidente do PP e un presidente, non de En Marea, senón de todos os galegos e galegas e que vai defender os intereses de todos os galegos e galegas", advertiu Iglesias, que recoñeceu que "non foi fácil" a unidade arredor de En Marea pero que se amosou "orgulloso" de que a referencia da súa formación en Galicia sexa o partido instrumental. "Ás veces hai que ceder", insistiu ante máis de 500 persoas e logo de facer "autocrítica", recoñecer que a xente está "cansa" pero reivindicar a coherencia do seu partido. 

Iglesias, que deixou claro que non pactará no Estado en ningún caso con Ciudadanos, gabou a Beiras e preguntouse que "bo xestor" é un presidente que "triplica a débeda, deixa unha Galicia con 150.000 empregos menos, é responsable da estafa das caixas ou ten dous membros do sue goberno imputados por non proporcionar medicamentos contra a hepatite C". Ademais, reivindicou En Marea como "a alternativa ao PP" e a uns dirixentes que "non só son corruptos, senón que xestionan mal". "Os alcaldes das mareas demostran que non só son mellores, senón que tamén xestionan mellor", dixo quen tamén avisou que "se deixamos de darlle medo aos poderosos, non teremos sentido como partido". "Non somos coma eles", manifestou. 

Iglesias pregúntase se pode ser "bo xestor" quen "triplica a débeda, deixa 150.000 empregos menos ou ten imputados por non dar medicamentos"

Villares, pola súa banda, di ver un PP "nervioso" e chamou a "acabar co feudalismo do PP". "Feudais son os que manteñen o dereito de pernada en Ourense", dixo en referencia ao caso Baltar e preguntouse "como pode ser aspirante a´Xunta un dirixente que non cesa un acosador sexual". Malia aventurar o cambio o vindeiro domingo, o candidato de En Marea insistiu na necesidade de mobilizarse, tamén porque "ata a troika mira para Galicia". "Somos o futuro, aquí empeza a política social e é posibel cambiar as políticas en Europa", engadiu quen se comprometeu a "identificar e levar aos tribunais a todos os que saquearon as arcas públicas para que devolvan ata o último euro roubado e vaian a prisión". Ademais, preguntouse se o Partido Popular se financiaría nesta campaña "legal ou ilegalmente", dadas as múltiples revelacións sobre prácticas pasadas da trama Gürtel. 

 Ferreiro apelou a "facer a milagre outra vez". "Hai moita xente cansa, pero non estamos rendidos", di

Antes, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro apostou por "facer a milagre outra vez" o 25S e advertiu da "responsabilidade de ir votar". "Dicídello a todo o mundo porque votando estamos xuntos", dixo o rexedor, tras lembrar que "se fose polas enquisas, nin eu estaría aquí agora". "Hai moita xente cansa, pero non estamos rendidos", insistiu tamén logo de que Antón Sánchez, número un do partido pola provincia, asegurase que "non se pode permitir un día máis" co PP nin darlle "o apoio á corrupción". "Este domingo temos un traballo que facer", engadiu quen lembrou as políticas de recortes do goberno popular e dun presidente ao que lembrou "os seus paseos no iate dun narco". 

Pola súa banda, Luca Chao, número dous pola Coruña, lembrou que o PP "Ten toda a maquinaria facéndonos crer que é imposible, como o facían crer nesta cidade". "Desta vez, a carreira pódese gañar; estámonos xogando un cambio real e a nosa vida xógase nas urnas", rematou, antes de pedir "seguir soñando" e logo de que os berros de "sí se puede" fosen sobrepasados polos de "hai marea" nun mitin co que a formación busca coller impulso nos últimos días de campaña. 

Un intre do acto no Paraninfo da Coruña CC-BY-SA En Marea

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.