Cando o debate rematou, a campaña aínda seguía aí. Once días por diante que farán que poucos votantes consideren fundamental para a súa decisión de voto o que os cinco candidatos dixeron na noite deste luns na CRTVG, nun debate co que chegaron a conectar nalgún momento un máximo de 475.000 galegos (o 17% do censo electoral) pero cunha media de só 151.000 espectadores. Destacados dirixentes e estrategas consultados por este diario en PP, PSdeG, BNG e En Marea coinciden este martes en limitar a relevancia do que alí sucedeu.
Un máximo de 475.000 galegos (o 17% do censo electoral) chegaron a conectar nalgún momento co debate, cunha media de só 151. espectadores
Malia reducida relevancia que lle conceden ao debate a cinco e as súas rixideces, os partidos de esquerda coinciden en que, aínda así, foi unha boa ocasión para pór en evidencia no prime-time dos medios públicos galegos que o discurso de Alberto Núñez Feijóo ten puntos febles. “Os galegos viron que o rei está espido”, di un dos consultados.
Outro dos elementos que salientan os responsables dos partidos de esquerda é que terían logrado evidenciar que hai unha alternativa ao goberno do PP, ao coincidir PSdeG, BNG e En Marea no seu discurso de emerxencia social e non lograr o candidato popular dividilos nas cuestións identitarias ou relacionadas coa xestión dun hipotético goberno conxunto. “Inxección de optimismo” é a expresión empregada por outro dos consultados para resumir a sensación coa que sae do debate.
Os populares cren que o presidente pouco podía gañar nun “catro contra un” pero que tampouco perdeu nada e confían na súa capacidade de impor o seu discurso nos próximos dez días
Desde o PP, a visión é distinta. Consideran que Feijóo pouco podía gañar nun “catro contra un” e que “o normal sería que este debate o perdésemos, e non foi o caso”, di un dos responsables da campaña popular. A figura de Feijóo, segundo a súa tese, sae reforzada mesmo no ámbito no que máis incómodo se amosou, o da rexeneración democrática, xa que a maioría dos casos de presunta corrupción que os candidatos da esquerda lle botaron en cara son de fóra de Galicia.
Porén, os consultados nos catro partidos insisten en que a campaña comeza agora. Tanto na esquerda como no PP son conscientes da maior capacidade de Feijóo para acaparar protagonismo mediático no que queda de campaña. Polo pronto, este martes, un día despois de que se fixera público que espera un fillo, o popular retomou a súa campaña presentando en Vigo o PP como o “partido da familia” e prometendo que estenderá o seu cheque bebé de 100 euros ao mes durante toda a próxima lexislatura.