A coordinadora de En Marea comeza o seu funcionamento ordinario nun contexto aínda marcado polas discordancias na súa elección. Despois de ser escollido sen a participación dunha ducia de membros da candidatura Máis Alá, maioritaria nas eleccións internas, polo desacordo coa mudanza de criterios como os que rexen a elección da portavocía, o órgano directivo do partido instrumental mantivo este luns a súa primeira xuntanza ordinaria, xa con Luís Villares a exercer de portavoz orgóanico. Na orde do día do encontro figuraba a aprobación dun "plan de traballo inicial", se ben sobre a xuntanza pairou tamén a reivindicación da "lexitimidade" coa que, salientan, conta a coordinadora.
Na compaña de Ana Seijas e Victoria Esteban, que serán "propostas" ao Consello das Mareas como "vicevoceiras" das áreas órgánica e de acción política, Villares amosou a súa confianza en que o desacordo non vaia alén da "percepción deste momento inicial". "En canto desenvolvamos as tarefas pendentes isto quedará atrás", afirma o tamén voceiro parlamentario, xa que "esta coordinadora vai desenvolver un proxecto político compartido". "Ninguén de nós representa unha parte, representamos a totalidade, tamén o punto de vista das persoas que discrepan, só faltaría", mantén.
Luís Villares: "Esta coordinadora vai desenvolver un proxecto compartido; ninguén de nós representa unha parte, representamos tamén ás persoas que discrepan, só faltaría"
Nun sentido semellante Esteban subliña que "esta coordinadora foi elixida por unha maioría lexítima do Consello das Mareas" nun contexto no que "as bases estaban pedindo empezar a traballar xa". "Hai puntos de vista diferentes", admite Seijas, dende cuxo punto de vista unha vez que a organización está "en marcha, o resto de cousas iranse solucionando". "O traballo irá falando desta coordinadora", resume.
Entre as primeira tarefas deste "plan de traballo", detallan, está a "proposta de regulamento interno" da formación, redactado sobre a "base" dos documentos do plenario e que pasará "previamente" polo Consello das Mareas. Tamén, adiantan, prevén iniciativas en materia de transparencia, cun "portal novo" para difundir "documentos estatutarios, políticos e actas" e mais a carta financeira da organización, coa que "as persoas con dobre militancia" poderán "cumprir coas achegas aos seus partidos". Do mesmo xeito, afirman, dispóñense a abordar a "territorialización", xa que aínda que as mareas locais, especialmente "as que se constitúan a partir de agora" van "manter a súa independencia", pero tamén van "aceptar os documentos dos que nos dotamos e terán apoio humano e material".
As discrepancias
As discrepancias polas que foron cuestionados Villares, Seijas e Esteban nesta primeira comparecencia manifestáronse na última semana a través de membros electos do Consello das Mareas, pero tamén de referentes de mareas municipais como os alcaldes da Coruña, Santiago e Ferrol. Así, nos últimos días o rexedor coruñés, Xulio Ferreiro, consideraba ao ser cuestionado ao respecto que a nova coordinadora "non responde ao proxecto político" de En Marea "como foi concibido", xa que "deixa fóra sensibilidades importantísimas, eu diría maioritarias", en referencia á propia Marea Atlántica, a outras plataformas municipais ou o sector preponderante en Anova.
Nesta liña, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, manifestouse tras a elección "preocupado" por que a coordinadora de En Marea non "reflicta o espazo político" da formación na súa totalidade e o novo portavoz nacional de Anova, Antón Sánchez, considerou que "a elección da coordinadora non reflicte a pluralidade do espazo", se ben coida que "é reconducible, porque facemos unha análise crítica, pero comprometémonos a traballar en En Marea", sinalou na xornada en que a nova dirección da formación transmitiu á súa militancia a postura ao respecto. Do mesmo xeito, dende Esquerda Unida a súa coordinadora nacional e deputada no Congreso, Yolanda Díaz, viu na elección da coordinadora "un paso atrás" xa que "excluír" implica "división", dixo.