A lista de Villares propón que o voceiro de En Marea no Parlamento non o sexa do partido

Xulio Ferreiro, Luís Villares e Xosé Manuel Beiras, votando no plenario de En Marea CC-BY-SA En Marea

Portavocías "colexiadas, paritarias e rotatorias", sen implicar un cargo de "dirección" e incompatibles coa función de voceiro no Parlamento ou no Congreso. É a proposta que lanza a candidatura 'Máis alá', a lista que concorre ás eleccións internas de En Marea encabezada por Luís Villares e que, en verbas de quen fora candidato do partido instrumental á Presidencia da Xunta, aspira a ser o proxecto que aglutine o "consenso" para conformar a primeira dirección ordinaria da formación, o Consello das Mareas. Unha vez rematado o prazo de reclamacións e correccións En Marea ratificou este luns que son tres as candidaturas que concorren ao proceso: a que lidera Villares, a que ten no seu primeiro posto ao deputado David Rodríguez, 'Somos quen', e unha terceira, 'Queremos participar', que ten á fronte á ex-deputada Consuelo Martínez (Cerna).

Ademais da relación de nomes para conformar o órgano directivo da formación cada unha das opcións formula tamén, na liña do fixado no regulamento da elección, as liñas básicas do seu proxecto político e organizativo. No caso de 'Máis Alá' a proposta é unha "organización líquida e non xerarquizada" cun "tipo de relación transversal" na que "todas as persoas da Coordinadora e do Consello" estean "integradas en dúas grandes áreas": Acción Extratéxica, que aglutinaría as funcións de "comunicación, relato, formación e relacións políticas" e Coordinación e Extensión, que se ocuparía de "administración e finanzas, coordinación interna e extensión territorial, ferramentas e metodoloxías e coidados". "Transversais ás dúas áreas", engade a proposta, figurarán as de "feminización, municipalismo e relacións cos movementos sociais".

'Máis alá' propón unha portavocía de dúas mulleres e un home que non exerzan esa función no Parlamento nin no Congreso

Xunto á proposta de estrutura organizativa esta candidatura detalla o precepto que, segundo fontes próximas ao proceso, suscitou un debate máis tenso. Segundo a redacción proposta "os portavoces de En Marea no Parlamento de Galicia e no Congreso dos Deputados formarán parte, con voz e sen voto, do Consello das Mareas e da Coordinadora", e "non ostentarán ningunha das tres portavocías" que esta lista propón, "que serán ocupadas por dúas mulleres e un home", quen terán ademais outras funcións no organigrama do partido instrumental. A lista 'Máis Alá' inclúe tamén unha proposta de once nomes para a Coordinadora, na que figura Xosé Manuel Beiras, Victoria Esteban, Gladys Afonso, Iago Martínez, Noemi Ramos, Javier de Toledo, Sara Torreiro, Pedro Rivera, Ana Seijas, Rafael Dopico e Borja San Ramón.

'Somos quen' e 'Queremos participar' apostan por que a Villares sexa voceiro tamén no partido

Fronte a esta estrutura de portavocías tanto a candidatura 'Somos quen' como 'Queremos participar' apostan por que sexa Luís Villares quen exerza a portavocía de En Marea tanto no Paralmetno como no partido. A candidatura que lidera David Rodríguez formula unha proposta de organización que presenta como "primeira e máis urxente tarefa" a "comarcalización" da estrutura da formación. "Sen estruturas de base, En Marea dificilmente pode superar a dinámica actual, que sobrerrepresenta os grupos territorialmente implantados mentres ignora a base militante", sinala. En cada comarca, indica, unha persoa sería elixida como portavoz, exercendo ademais de "enlace coa Coordinadora e cos grupos parlamentarios estatal e galego". No horizonte, a xuízo de Somos Quen, debera estar unha "estratexia" para "concorrer co nome de En Marea" ás municipais de 2019.

O Consello das Mareas formarase en función do apoio que reciba cada lista mediante un sistema proporcional puro

A candidatura 'Queremos participar', pola súa banda, explicita no seu documento o "apoio a Luís Villares como portavoz unipersoal da Coordinadora de En Marea" e propón unha estrutura do órgano de dirección "colexiada", pero con responsabilidades "persoais" divididas en áreas: "portavoz, Programa, Acción Social, Acción Feminista, Acción e Participación Democrática Cidadá, Relacións Sociais, Relacións Institucionais, Acción Cultural, Organización, Finanzas e mais Comunicación e Redes. "En Marea debe ser un espazo de participación cidadá" composto por "nacionalistas e non nacionalistas a prol da radicalidade democrática". Nesta lista, politicamente ligada a Cerna, figuran nos primeiros postos xunto a Consuelo Martínez nomes como o de Mario Lóprez Rico, a deputada Paula Vázquez Verao, Carlos Méixome ou Francisca Rodríguez.

Segundo as normas que rexen este proceso o Consello das Mareas que xurda das votacións dos días 21, 22 e 23 estará formado por representantes das listas en función dos votos que recibisen mediante un sistema "proporcional puro" con "corrección de xénero", de xeito que a composición garanta a presenza de 18 mulleres e 17 homes. Ademais, segundo estas normas, a presenza de persoas con cargos institucionais non pode superar o 20% do total do organismo, que á súa vez elixirá os once membros da Coordinadora.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.