Antón Sánchez: "Estamos a tempo de non defraudar"

Antón Sánchez, portavoz nacional de Anova CC-BY-SA Anova

Antón Sánchez vén de ser elixido portavoz nacional de Anova. Na xornada en que a formación vén de fixar a súa postura sobre a tensa elección da coordinadora nacional de En Marea o tamén vicevoceiro deste grupo no Parlamento reflexiona sobre o tempo "acelerado" da política galega nos últimos anos, que deixou nun segundo plano o "debate", e a respecto da necesidade de "reducir o ruído" interno. "A xente" que apoia En Marea e as forzas que a impulsan, di, "acepta as diferenzas políticas" pero afástase cando as formacións políticas se centran no "nominalista e no orgánico" ou non reflicten a súa "pluralidade".

Unha das imaxes que marcou a asemblea nacional de Anova foi a dun violento enfrontamento no plenario. Como o viviu?
Para min aquel momento foi moi sorprendente, porque a asemblea foi moi tranquila no debate. Ese feito para nós foi lamentable e non pode volver suceder. En ningunha organización, e menos na nosa, onde nos tratamos de irmáns. Pero foi un feito illado que non ten nada que ver coa actividade de Anova.

Tomaron medidas contra estas persoas?
Hai dúas persoas que xa non son militantes de Anova e, máis que medidas disciplinarias alén desas, a nova dirección vaino estudar con máis calma a través da comisión de garantías para tentar que non volva suceder.

Alén deste episodio o certo é que mantiveron un debate intenso a respecto da formación de candidaturas e vostede mesmo sinalou que lle tería gustado unha lista “de consenso” e que por iso vai tentar integrar as persoas que non participaron dela. De que xeito?
É das primeiras encomendas: dialogar con moita xente de Anova que tiña discrepancias con algunha das estratexias seguidas despois de anos moi intensos, nos que non houbo moito tempo para traballar na organización. Porque cremos que na maior parte dos casos hai diferenzas estratéxicas, pero non diferenzas políticas de fondo. Ese diálogo debe frutificar en que esa xente que se tentou integrar na lista se incorpore á dinámica de Anova.

"Tivemos que afrontar eleccións sen sermos unha organización consolidada; cómpre crear espazos de debate, de produción de alternativas e discurso"

Que retos diría que ten Anova por diante aparte dese. Vostede mesmo di que lles cómpre fortalecérense…
Os que estivemos dende o principio de Anova temos a sensación de que, dende o seu nacemento, viviu un período apaixonante pero a trompicóns. Non eramos unha organización consolidada e aos tres meses da asemblea fundacional viñeron as eleccións autonómicas de 2012. Agora, en principio, temos dous anos para fortalecer Anova e iso tamén fortalecerá a unidade popular. Cómpre fortalecer sobre todo a conexión coa militancia, crear espazos de debate e produción de alternativas e discurso. Anova aí achega a coherencia de apostar por unha liña e seguila dende o principio, aínda que tivese custos internos.

Cre, daquela, que lles faltan persoas a xerar discurso, a pensar con calma?
Totalmente. O tempo electoral comeunos e unha das cuestións que máis se necesita é reunir e darlle forma de programa político de ruptura ao gran caudal de alternativas que xorde na sociedade. Porque as leis non son neutrais nin inocentes e neste marco non hai posibilidade de transformación profunda. Por iso hai que elaborar alternativas, mesmo no máis concreto.

No seu caso, tocoulle remudar na portavocía unha figura de peso, como é Xosé Manuel Beiras. Como o afronta?
É unha remuda no orgánico pero non de ocupar ese espazo, sería imposible. Eu son Antón Sánchez, Beiras só hai un. E colectivamente, como ten dito moitas veces o propio Beiras, ten que haber máis xente que asuma a súa parte de responsabilidade e iso vai traer cousas positivas. O que tivo de bo o que se deu en chamar nova política é que sempre que se lle dan responsabilidades á xente, aparece xente boa para asumilas.

Falan de responsabilidades internas en Anova, pero tamén en En Marea. Como ve o panorama tras a elección da coordinadora nacional e da portavocía? O proceso non estivo exento de tensión e teñen un conflito por resolver.
Cara a fóra trasladouse un debate moi nominalista e eu creo que é un erro colectivo. Debeu haber moito máis espazo para debater politicamente o que debe ser En Marea. Ese período de reflexión e debate era necesario, e se cadra debémolo dar máis abertamente. En Marea non pode ser unha organización política asimilable ao sistema ou simplemente unha alternativa institucional preocupada só dos tempos electorais. As institucións deben ser ferramentas, son útiles e hai que facer un bo traballo, pero temos que ter unha organización capaz de conectar na sociedade e axudar nas loitas que se dan na rúa. E isto non é demagoxia; todos os avances que se conseguiron producíronse cando tivo protagonismo a sociedade civil, cando houbo xente pelexando fóra: as preferentes, a minaría de Corcoesto, os desafiuzamentos… Nós temos que ser unha ferramenta ao servizo desas transformacións. Hai que dar ese debate, pero tamén reducir o discurso sobre o orgánico e o xurídico, que ás veces substitúe ao político. 

"Cremos que a elección da coordinadora non reflicte a pluralidade do espazo; é reconducible porque facemos unha análise crítica, pero comprometémonos a traballar en En Marea"

Diría que a fenda é reconducible?
Nós como Anova xa fixemos un balance construtivo e crítico. Cremos que a elección da coordinadora non reflicte a pluralidade e a diversidade do espazo, e iso tampouco é un tema baladí se partes do diagnóstico de que a maioría que sofre as políticas da dereita é diversa e plural. Se non es quen de integrar iso baixo mínimos comúns non vas ser quen de plantarlle cara. É reconducible dende o punto de vista de que nós facemos unha análise crítica, pero nos comprometemos a traballar para que En Marea sexa o que cremos que debe ser. Estamos dicindo que imos dar o debate político, pero estamos xogando no campo de En Marea.

Como cre que pode ver este proceso a xente que non siga tan de cerca a vida interna das formacións políticas e ata agora simpatizase con En Marea ou coas formacións que a impulsan?
Á xente que nos apoia gústalle que o debate se dea en termos políticos. Pero cando se dá en termos nominalistas ou orgánicos dálle impresión de ruído, de que non se fan ben as cousas. Todas as mensaxes que se dan teñen que ser entendibles: nós estamos loitando por que esta organización que nace coa mensaxe de rachar coas formas que nos impón o sistema responda tamén a iso a nivel organizativo.

"Hai que escoitar á xente que nos apoia, que non quere ruído nin loitas polo poder"

Cren que se enfrontan á desilusión, ao picazo das expectativas de cambio dos últimos anos?
Existe, pero tamén existe a posibilidade de traballar correctamente e construír. Existe se asumimos que o único obxectivo é ter un grupo parlamentario, edís ou alcaldes. Xestionar o existente. A xente pode comprender que atendamos os compromisos electorais, pero tamén hai que fortalecer a organización. Estamos a tempo de non defraudar. É certo que sempre é complicado partir de expectativas tan altas, pero hai que escoitar a xente que nos apoia. E saber que o que non queren é ruído nin loitas polo poder sen argumentos por tras.

Houbo, daquela, unha loita polo poder?
Eu creo que hai diferenzas de modelo. Lexítimas todas, non estamos en posesión da verdade absoluta, pero hai diferenzas niso. Non son cuestións persoais, iso podo afirmalo. Outra cousa é que só se traslade o balbordo. Son diferenzas de modelo, de obxectivos prioritarios, nas que hai que chegar a unha síntese. Pero non creo que fose unha cuestión de egos.

Sánchez, nun acto de En Marea CC-BY-SA En Marea

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.