O xuíz Luís Villares vén de retornar ao posto de coordinador territorial de Xuíces para a Democracia en Galicia. Faino nun momento no que este colectivo, ubicado no sector máis progresista da xudicatura, xunta forzas co resto de asociacións profesionais para facer fronte común contra a lei de taxas xudiciais. O proxecto abandeirado polo ministro Alberto Ruíz-Gallardón é para Villares un ataque aos "dereitos fundamentais" que trae consigo un retorno "ao século XIX" ao condicionar o acceso á Xustiza en función dos recursos económicos de cadaquén.
A reforma de Ruiz-Gallardón establece unha "xustiza para ricos" e outra "para pobres"?
Para nós é absolutamente evidente dende o comezo e agora que se consolida como texto legal, máis aínda. A xustiza xa non era gratuíta, xa tiña unha serie de custos, porque hai que acudir ao avogado e ao procurador, moitos procedementos requiren informes periciais... A imposición dunhas taxas supón unha difucultade engadida que, dende o punto de vista dos dereitos fundamentais, supón vulnerar o dereito constitucional á tutela xudicial efectiva, a que todo o mundo poida ver ante un tribunal os asuntos nos que considera que se ventila algún dos seus intereses. Isto é un dereito fundamental e o sistema de taxas que se nos vén enriba o que fai é condicionalo absolutamente e limitalo.
Ten sentido xurídico tentar “disuadir” a cidadanía de acudir á xustiza pola vía económica?
"Tememos que as taxas incrementen a conflitividade social e a fraude"
As taxas teñen un carácter disuasorio e é algo absolutamente inaceptable, porque buscan que a xente non exercite os seus dereitos. Nin sequera é un copagamento, é un repagamento porque a Xustiza se financia a partir dos impostos. Ademais, a desproporción que hai entre determinadas taxas e dereitos fai que, na práctica, determinados dereitos non se vaian exercer nunca máis. Esta o caso real de que recorrer unha multa de 100 euros custe 200, pero hai máis: o dereito a que unha sentenza sexa revisada por un xulgado de apelación supón 800 euros, é unha barbaridade. Xa só isto xustificaría a derrogación da lei. Nós ademais temos outro temor: que este sistema aumente a conflitividade social, no sentido de que moitos asuntos que ata agora ían aos tribunais van producir un enconamento nas posicións de conflito entre partes que acaben resolvéndoos por medios menos razoables. Falo de que a xente tome a xustiza pola man. En lugar de contribuír a modernizar, vai causar máis problemas e tamén máis fraudes. Haberá quen pretenda levar asuntos pola vía penal para evitar taxas. Estamos falando por exemplo de accidentes imprudentes de tráfico, que ata agora se levaban como procedementos civís e agora se poden pretender levar como faltas.
Cal é a vía contra a saturación de traballo?
A maneira de solucionar isto é establecer medios alternativos de resolución de conflitos: as arbitraxes, as conciliacións, as mediacións... teñen que funcionar. Na vía contenciosa [procedementos contra a decisión dunha Administración], por exemplo, teoricamente é admisible a mediación pero non hai unha soa administración que apodere os seus representantes xurídicos para levar actividades de mediación. Estes servizos de mediación tampouco están desenvolvidos no ámbito penal, no que só funcionan nalgúns casos. Isto é o o que esquecen cando nos comparan con Europa, porque noutros países teñen un sistema alternativo moito máis desnvolvido. En Francia, por exemplo, a conciliación a mediación e a arbitraxe están moi desenvolvidas.
Rexeitan as taxas xudiciais en todo caso ou este sistema en concreto? Podería haber unhas taxas acaídas?
"A Xustiza é un servizo público e un poder do Estado, non pode aspirar a autofinanciarse"
Nós defendemos que a imposición de taxas, pola incapacidade económica do suxeito litigante, non é algo desexable. Nun momento impuxéronse para as persoas xurídicas en función súa importanica económica. Nós non fomos partidarios e imos seguir sen selo, tampouco se as taxas son proporcionais á capacidade económica de quen litiga. Aínda que un teña capacidade económica ten un dereito fundamental e non hai por que limitarllo. Estamos falando dun servizo público, non pode aspirar a autofinanciarse porque é un poder do Estado que, ademais, controla os outros dous poderes.
Di o ministro de Xustiza que os xuíces, como os avogados, están a defender “intereses corporativos”...
"Somos profesionais preocupados pola defensa dos dereitos fundamentais, aínda que para nós implique máis traballo"
Iso, evidentemente, é que non ten ningún argumento. Hai tempo que se lle acabaron os argumentos e anda con infundios. A proba clarísima de que falta á verdade é que, por exemplo, a xuíces e maxistrados teoricamente beneficiaríannos as taxas, porque reducen o número de procedementos e a carga de traballo. Pero somos profesionais preocupados pola defensa dos dereitos fundamentais, aínda que para nós sexa máis traballo. Como poder do Estado, nos causa un problema sobre a concepción do poder xudicial volver á Xustiza do século XIX. Ademais, neste caso non é unha cuestión dunha opción ideolóxica, porque todos estamos dacordo.
Por todo isto, cre que prosperaría un recurso de inconstitucionalidade contra esta lei de taxas?
Nós cuestionamos abertamente a constitucionalidade desta lei e o Goberno, na propia exposición de motivos, xa fala disto. Cando fala disto sen que ninguén lle pregunte xa deixa en evidencia cales son os seus puntos febles. Eles saben perfectamente que vai ser declarado inconstitucional porque está comprometido o dereito de tutela xudicial efectiva. Só está por ver o que di o Tribunal Constitucional, que xa ten advertido que impoñer garantías ou trabas excesivas para accder ao procedemento ou aos recursos xudiciais vulnera a Constitución.