En Marea comezou a existir como tal ao mesmo tempo que, cunha estrutura provisional, artellou a campaña electoral do 25 de setembro. O achegamento de última hora de Podemos e a consecuente aceleración do proceso de primarias provocou que o candidato á Presidencia, Luís Villares, e o resto de membros das candidaturas apenas dispuxesen de tempo para presentarse nas diversas localidades, e menos aínda para dotar o novo partido instrumental dunha extensión territorial estable. Este é o reto que En Marea se marca para os vindeiros meses e que, segundo vén de avanzar o propio Villares, comezará a abordar xusto despois da investidura do novo Goberno da Xunta.
Na tarde deste luns a Coordinadora Nacional de En Marea reuniuse por primeira vez tras os comicios. "Viñemos para quedar", reiterou Villares, como en campaña, ás portas da xuntanza. O equipo, di, disponse agora a "asentar o traballo que levamos facendo todos estes meses" e a facelo de que cómpre "aceptar" que unha parte importante do electorado "ratificou as políticas" do PP. A vitoria dos de Feijóo foi "clara, sen paliativos" -Villares expresouse neste sentido en conversa telefónica co presidente en funcións tras os comicios- e por iso a "insatisfacción é evidente". Pero o horizonte de En Marea, mantén, é medrar.
"Viñemos para quedar", subliña Villares, quen evidencia a "insatisfacción evidente" por que o PP lograse repetir a absoluta
Fronte á instisfacción polo resultado existen tamén puntos positivos, di Villares. "Estamos moi satisfeitos de todo o traballo realizado para integrar todo o espazo político de En Marea", alargado, di, "con todos os movementos municipalistas e cidadáns, cos que agora traballaremos para chegar a toda a cidadanía". Unha das eivas da carreira electoral, mantén, foi a "falta de tempo" para espallar o proxecto no conxunto do país. "Se o tivésemos -coida- a maioría do PP non tería sucedido", e por iso a asemblea que a formación celebrará tras o inicio formal da lexislatura "marcará o despregamento como organización, que será de aquí a final de ano", indica o partido instrumental nun comunicado.
Villares garante o "compromiso do grupo de 14 deputados e deputadas para ocupar a segunda forza no Parlamento"
Neste intervalo de tempo, no entanto, En Marea xa terá que tomar decisións que serán tamén os primeiros sinais do seu funcionamento. Non en van, nas vindeiras semanas terán que abordar a distribución de responsabilidades no grupo parlamentario. Neste sentido, Villares garante o "compromiso do grupo de 14 deputados e deputadas para ocupar a segunda forza no Parlamento" e "liderar, claramente, a oposición dende a que se defenderá ás maiorías do país en clave de defensa dos dereitos sociais, da dignidade nacional de Galicia e do autogoberno". "Ábrese un tempo no que trasladaremos o nso proxecto para a sociedade e esperamos, de aquí en diante, ter o apoio da maioría", mantén.
O candidato e previsible voceiro na Cámara galega traza estas primeiras liñas nun contexto no que, á obvia "falta de tempo", Villares engade outro factor. "Os problemas da campaña -asegura- viñeron, entre outras cousas, pola pouca capacidade qeu tivemos de colocar a nosa mensaxe nos medios de comunicación". Isto sucedeu, sinala, "entre outras, cousas, porque non se nos deu a cobertura propia de AGE" nos medios públicos, "que era a que nos correspondería, pero foi moito menor". En calquera caso, reitera, "agora traballaremos para chegar a toda a cidadanía".