A Xunta muda o emprazamento de 125 locais electorais para a votación do 12 de xullo

Formación en Vigo de parte dos 133 coordinadores de prevención fronte ao coronavirus para as eleccións do 12X CC-BY-SA Xunta de Galicia

O Goberno galego asegura que os seus 133 inspectores revisaron nunha semana os 2.405 lugares de votación de toda Galicia, dos que o 95% “cumprían xa de inicio coas condicións” do seu protocolo contra o coronavirus

Hai doce días, o xoves 4 de xuño, a Xunta comezou a formación de 133 persoas como coordinadores de prevención fronte ao coronavirus nas eleccións do 12 de xullo. Tras empregar a pasada semana en revisar os 2.405 lugares de votación habitualmente distribuídos por toda Galicia (a unha media de 18 por inspector), este martes o Goberno galego informou de que “2.280 locais -case o 95%- cumprían xa de inicio coas condicións do Protocolo da Xunta [fronte ao coronavirus nas eleccións] e buscouse unha ubicación alternativa para os 125 que non estaban en condicións de cumprila segundo as inspeccións”.

O enderezo de cada colexio electoral debera figurar na tarxeta censual que recibe cada votante no seu domicilio nos días previos ás eleccións, pero este martes a Xunta non divulgou ningún listado dos 125 locais que anuncia que mudan de emprazamento. Porén, segundo asegura o goberno galego, eses novos locais xa están decididos e “a día de hoxe e case un mes antes da xornada electoral, o 100% dos locais designados contan coas características necesarias para cumprir coas medidas de seguridade”. “O traballo dos 133 representantes da Administración desenvolveuse en colaboración fluída e total cos concellos, tanto á hora de facer as inspeccións como nos casos nos que foi necesario buscar locais alternativos, asegura a Xunta.

Formación en Ourense de parte dos 133 coordinadores de prevención fronte ao coronavirus para as eleccións do 12X CC-BY-SA Xunta de Galicia

O Goberno galego asegura que na propia xornada de votación os 133 inspectores volverán visitar os locais electorais, 2.405 en toda Galicia, a 18 por cabeza, "para comprobar que se están seguindo as medidas do Protocolo"

Segundo o Goberno galego, “a semana antes das eleccións haberá unha segunda revisión de todos os locais para facer unha última comprobación de que cumpren coas medidas sanitarias logo da instalación do mobiliario para a votación”. “Ademais, durante o 12 de xullo, os representantes da Administración tamén se achegarán a visitalos para comprobar que se están seguindo as medidas do Protocolo”. Isto suporá que cada un dos inspectores terá que visitar nesa mesma xornada unha media de 18 colexios electorais distintos.

Canto ao persoal que supervisou os locais electorais, a Xunta salienta deles que todos “contan con formación técnica, con titulacións como arquitecto superior ou técnico ou enxeñeiro superior ou técnico, ou con formación suficiente en prevención de riscos laborais”.

O 12X “será obrigatorio usar máscaras e hixienizar as mans antes de proceder ao voto”

A Xunta tamén lembra que o seu protocolo para a xornada de votación contempla que “deberase gardar en todo caso unha distancia dun metro, tendo en conta que todas as persoas estarán usando equipamentos de protección”, e que “se organizará a entrada dos votantes, que deberán acceder por norma xeral de forma individual” priorizando “a entrada dos maiores de 65 anos ou das persoas con algún tipo de discapacidade”. Tamén “será obrigatorio usar máscaras e hixienizar as mans antes de proceder ao voto”. “A Xunta porá a disposición dos locais electorais o material de protección necesario para poder cumprir estas pautas”, asegura o Goberno galego.

Colexio electoral en Lugo CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.