Feijóo remata o ano parlamentario acusando o BNG de "traizoar a Galicia" e ao PSOE, de "mentir sobre as mortes" da pandemia

Alberto Núñez Feijóo, nun intre da sesión de control do Parlamento o deste 23 de decembro CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Na derradeira sesión de control do ano tanto a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, como o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, formularon ao presidente da Xunta preguntas sobre a xestión do Goberno galego ante a pandemia da COVID-19. "Aprender dos erros" da primeira vaga ou "reforzar a sanidade pública" cun plan de 250 millóns adicionais para Atención Primaria foron algúns dos puntos clave da intervención da líder do Bloque, mentres que Caballero puxo o foco nas eivas do sistema de rastrexo. Ambos coincidiron, alén disto, en reclamar maiores axudas directas da Xunta aos sectores económicos máis afectados pola pandemia.

Na súa resposta -o presidente do Parlamento decidiu acumular ambas preguntas ao consideralas similares-, Alberto Núñez Feijóo optou en boa medida polas mensaxes en clave estatal que están a marcar as súas intervencións públicas nas últimas semanas. Mais tamén por falar en clave de balance dos primeiros cen días da lexislatura e, por riba disto, en clave de crítica ás dúas formacións da oposición galega.

Ana Pontón diríxese a Feijóo durante a sesión de control do 23 de decembro de 2020 © Parlamento de Galicia

Para o presidente da Xunta, "dicir que xestionamos mal a pandemia" é tanto como "non apreciar os profesionais" do Sergas

Para o presidente da Xunta, "dicir que xestionamos mal a pandemia" é tanto como "non apreciar os profesionais" do Sergas, reprochou a Pontón antes de declararse "sorprendido" por que tanto nacionalistas como socialistas "digan algo sobre a sanidade pública do país" e acusalos de "menosprezar a intelixencia dos galegos" ao cuestionar a súa xestión. No caso concreto do Bloque, sentenciou, debera ter en conta que a súa "xoia da coroa" neste 2020 foi "facer presidente ao señor Sánchez" para despois "queixarse do que fai" e "traizoar a Galicia", sentenciou, mediante pactos co PSdeG en concellos e deputacións.

"É incapaz de saír do guión da bronca e da prepotencia", lamenta Pontón, quen pide "devolver o esforzo que levan feito os galegos e galegas" na pandemia "cun pouco de altura política"

"É incapaz de saír do guión da bronca e da prepotencia", lamentou Pontón, quen comezara a súa quenda reclamando ao presidente "romper o guión" e "devolver, cun pouco de altura política", o "esforzo que levan feito os galegos e galegas" durante o ano. Para a portavoz do Bloque, o titular da Xunta faría ben en "non esconderse por tras" do persoal sanitario para "ocultar o que non fixo". "Isto -advertiuno- non vai do PP, nin do PSOE nin do BNG, vai do que lle está pasando á xente". "Alá vostede -concluíu- se quere quedar no recunchiño da prepotencia e da manipulación".

En resposta a Caballero, Feijóo centrouse en sinalar o que, ao seu ver, é un contraste entre a Xunta e o Goberno de España. "Queremos saber cal é o sistema de rastrexo", reivindicou o secretario xeral do PSdeG, quen lembrou que foi o propio Feijóo quen cifrara en máis de 6.000 as persoas dedicadas a estes labores. Despois, evocou, foi a propia Xunta quen se negou a divulgar as cifras reais.

"Dicir que xestionamos mal a pandemia é ir en contra dos propios datos", proclamou Feijóo como resposta. Fíxoo antes de asegurar que "non vamos, en ningún aso, a mentir sobre as mortes. Iso xa llo deixamos ao PSOE", acusou sen especificar que cifras sobre a mortalidade non se corresponden, ao seu xuízo, coa realidade. [O INE apunta que a COVID puido causar na primeira onda en Galicia cen mortes máis que as rexistradas oficialmente]

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.