O empeoramento posterior á Ponte da Constitución non semella desembocar nun estoupido de novos contaxios do coronavirus en Galicia, pero a senda claramente descendente trazada durante o mes de novembro non regresa. Así, estancada ou estabilizada, é a situación epidemiolóxica xeral do país ás portas das semanas clave do Nadal, cunha media diaria a sete días superior aos 300 novos casos entre alertas sobre o impacto da posible terceira vaga, que no caso galego sería, como amosa o gráfico baixo estas liñas, máis ben a cuarta.
O Sergas suma 249 novos casos e a media diaria dos novos diagnósticos segue na contorna dos 300
Mentres o Servizo Galego de Saúde se prepara, ao mesmo tempo, para o inicio da vacinación tras a autorización da vacina de Pfizer e para un eventual incremento de contaxios derivado dos desprazamentos e encontros do Nadal, este 22 de decembro suma 249 novos casos da COVID-19 (202, diagnósticos mediante PCR). Este rexistro, correspondente ás vinte e catro horas transcorridas entre as seis da tarde do domingo e a mesma hora do luns, é o máis baixo nunha xornada dende antes da ponte de comezos de decembro e contribúe a estabilizar a media diaria de contaxios.
Mentres, nos últimos días, semella comezar a acougar o número de falecementos ligados á pandemia. Este martes entran no rexistro oficial outros 5, todos eles de xornadas previas. O total de mortes ligadas oficialmente ao coronavirus en Galicia chega ás 1.346.
Santiago xa é a cidade con maior incidencia acumulada
Esta estabilización chega tamén ás cifras de incidencia acumulada (novos casos por cada 100.000 habitantes) a 14 días para o conxunto de Galicia, estancadas na contorna dos 180 casos aínda que, segundo apuntaba este martes a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, cunha certa mellora no indicador a 7 días. Así e todo, a propia Consellería de Sanidade admite a necesidade de manter a cautela nun contexto de fortes disparidades entre áreas sanitarias, concellos e comarcas.
A incidencia a 14 días para o conxunto de Galicia estáncase arredor dos 180 casos novos por cada 100.000 habitantes
Así, como amosan o gráfico e mais o mapa baixo estas liñas, redúcese o número de concellos sen ningún caso rexistrado nas últimas dúas semanas, que chegou a superar o centenar a comezos de mes e que agora queda en 87. Mentres, en xeral, a incidencia acumulada a 14 días segue sendo maior canto máis ao oeste, aínda que tamén preocupa a evolución en comarcas interiores como Verín e a súa contorna ou Valdeorras, entre outras.
No que atinxe ás sete principais cidades -todas elas, agás Ourense, continúan baixo peches perimetrais-, Sanidade destaca a tendencia á estabilidade de todas elas agás unha, Santiago, que continúa o seu empeoramento e xa é, cos últimos datos, a que presenta unha maior incidencia acumulada. Este indicador xa se achega aos 200 casos por cada 100.000 habitantes na capital galega, que antes da ponte da Constitución era, con diferenza, a cidade cunha menor incidencia acumulada a 14 días, con arredor de 74.
A positividade media das PCR permanece estable arredor do 4% e o número de persoas hospitalizadas segue sen baixar de arredor das 350
Mentres as cifras de positividade media das probas PCR, aínda influídas polos cribados masivos, seguen enviando sinais de certa calma (para o conxunto de Galicia seguen na contorna do 4% e só unha área sanitaria, a de Pontevedra-O Salnés, cun 6%, está claramente por riba o 5% que a OMS fixa com limiar para dar a pandemia por controlada nun territorio), as liñas planas son tamén as que seguen marcando os indicadores de hospitalización.
O número de persoas ingresadas con test positivo do coronavirus continúa alternando pequenas subas e baixadas. Agora son 357 (+3), con 51 na UCI (-2) e 306 en unidades ordinarias (+5).
Son, non obstante, unha vintena menos de persoas hospitalizadas con test positivo que hai unha semana, aínda que cómpre ter igualmente en conta que a carga hospitalaria ligada á pandemia adoita ser maior que a reflectida nestas cifras. A razón é que, en virtude dos protocolos vixentes, as persoas infectadas pola COVID-19 que precisan de hospitalización só permanecen nesta estatística mentres o seu test é positivo, pero desaparecen dela cando pasan a dar negativo aínda que teñan que continuar ingresadas polo seu estado xeral de saúde.