A crise económica e social ligada á pandemia de Covid-19 provocou efectos moi negativos en amplos sectores da poboación, especialmente nas persoas máis afectadas polo cese de actividades en diversos ámbitos e, sentido amplo, pola situación económica xeral. Os concellos son a administración que ofrece unha primeira atención e axuda a estas persoas, a través dos seus servizos sociais, que viron incrementada notablemente a súa actividade nestes meses de pandemia, así como o número de solicitantes de atención.
Os colectivos máis afectados foron traballadores/as á espera de recibir a axuda por ERTE, autónomos/as afectados polo cese de actividade, familias monoparentais e persoas con traballos vinculados á economía sumerxida.
A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) vén de publicar un informe que estuda os efectos da pandemia nos servicios sociais municipais ao inicio da crise sanitaria, concretamente durante o período de confinamento. A FEGAMP destaca de que entre marzo e xullo os concellos galegos atenderon máis de 17.000 novos solicitantes de axudas servizos sociais e alerta de que as localidades galegas, a pesar de ter uns sobrecustos medios de case seis millóns de euros ao mes, "non recibiron fondos extraordinarios".
Así mesmo, denuncia que "os servizos sociais municipais sufriron unha sobrecarga burocrática considerable por
asistencia en trámites relacionados con outras administracións", en referencia sobre todo ao Ingreso Mínimo Vital.
O maior incremento asistencial dos servizos sociais produciuse na demanda de axudas económicas para necesidades básicas, que aumentou un 51,10%, seguido do Servizo de Axuda no Fogar (18,48%)
En concreto, as novas e novos demandantes de axuda foron 17.317. Entre elas e eles, unha parte importante (seis de cada dez) foron traballadoras e traballadores á espera de recibir a axuda por ERTE ou autónomos e autónomas afectadas polo cese de actividade. Un 42,86% do total foron familias monoparentais ou con menores a cargo, un 40% usuarias e usuarias do Servizo de axuda no Fogar (SAF) e un 28,57% persoas en risco de exclusión social con traballos vinculados á economía sumerxida. A vulnerabilidade entre persoas afectadas polo cese de actividade profesional foi moi superior en cidades e vilas, mentres que nos concellos de menos de 5.000 habitantes, o perfil predominante foi o de persoas que solicitaban asistencia a domicilio.
O maior incremento asistencial dos servizos sociais produciuse na demanda de axudas económicas para necesidades básicas, que aumentou un 51,10%, seguido do Servizo de Axuda no Fogar (18,48%), medidas de reinserción social (15,72%) e comedores e outros dispositivos de atención a persoas sen fogar (11,42%).
"A pesar das reiteradas peticións de fondos económicos e solucións para as carencias do sistema de resposta, os concellos non recibiron ningún tipo de soporte das outras administracións", denuncia a FEGAMP
A FEGAMP destaca que a resposta social municipal nesta primeira fase da pandemia supuxo un sobrecusto medio de case seis millóns de euros ao mes (5.875.680). Porén, "a pesar das reiteradas peticións de fondos económicos e solucións para as carencias do sistema de resposta, os concellos non recibiron ningún tipo de soporte das outras administracións, cos riscos ou consecuencias que iso puido levar na calidade asistencial de forma puntual, pero tamén co desgaste que os concellos puideron sufrir a todos os niveis e que pode comprometer futuras actuacións".
A entidade destaca que os concellos galegos achegan o 87,4% dos fondos das prestacións sociais básicas, fronte ao 8,6% da Xunta e o 4% do Goberno central. E alerta de que "os prexuízos nas arcas municipais, afectadas tamén por custos extraordinarios de limpezas e desinfeccións extraordinarias, adquisición de materiais de protección e posta en marcha de novos servizos, son evidentes e dificilmente soportables cara ao prolongamento da crise socioeconómica".
A FEGAMP denuncia "a sobrecarga de traballo para atender ás persoas para suplir a falta de
asistencia doutras administracións" e reclama a "integración" das axudas
O inicio do confinamento para conter a crise sanitaria desencadeou unha importante reconfiguración da prestación social dos concellos, tanto polo aumento dos requirimentos como polo rango da natureza dos mesmos, destaca o informe, pois os concellos tiveron que organizar recursos materiais e humanos para manter os seus servizos habituais e reaccionar á nova demanda.
O cese de actividade profesional levou novos usuarios ás portas dos servizos sociais en busca de axudas para necesidades básicas, o peche dos centros de ensino fixo necesario levar deberes aos nenos e nenas a casa, a ameaza do virus obrigou a prover de teito a persoas sen fogar, comida a dependentes ou a ofrecer asistencia telefónica e telemática.
O inicio do confinamento para conter a crise sanitaria desencadeou unha importante reconfiguración da prestación social dos concellos
Así mesmo, a FEGAMP denuncia "a sobrecarga de traballo para atender ás persoas para suplir a falta de
asistencia doutras administracións" e reclama a "integración" das axudas. Nestes meses produciuse "un notable aumento da carga burocrática", ao redor do 31,9% pola asistencia para demandas sociais non competencia dos concellos, coma o Ingreso Mínimo Vital e outro tipo de axudas.