"Que coja el toro por los cuernos". "Que no se oculte en los burladeros de la Xunta". O presidente do PP, Pablo Casado, botou man de metáforas taurinas nunha explotación de gando vacún de Sisoi (Cospeito) para facer o pasado luns a súa primeira incursión na campaña electoral sen a compaña de Alberto Núñez Feijóo, que á mesma hora preparaba o debate da TVG. Cando restan doce días para a cita coas urnas, Casado xa consumiu tres das seis visitas a Galicia que anunciou a cúpula estatal do partido, concentrada na provincia de Lugo neste inicio de campaña por medio do propio Casado e tamén do seu número dous, Teodoro García Egea.
Na súa terceira intervención na carreira electoral galega, segunda en campaña, Casado botou man de metáforas taurinas para preguntarse "a que vén" Pedro Sánchez a Galicia
Mentres a dirección do partido en Galicia admite por primeira vez ás claras que as siglas da formación son secundarias na súa campaña pola reelección -isto non vai "de partidos", reitera Feijóo-, a cúpula do PP desembarca en Galicia en xeral e en Lugo en particular., onde o partido obtivo 8 dos 14 escanos en xogo en 2016, clave para aspirar a reter a maioría. Faino procurando non xerar un ruído excesivo que dea en mobilizar tamén á esquerda. Pero cun discurso que, malia todo, remite á confrontación de Casado con Pedro Sánchez, a mesma que hai apenas un ano lles serviu aos socialistas para obter o mellor resultado da súa historia nunhas eleccións xerais en Galicia.
En Cospeito ou Mondoñedo, Casado deu en preguntarse "para que vén a Galicia" o presidente do Goberno de España e líder do PSOE, se non é para "falar de Alcoa, Ence, Endesea, Citroën ou as conserveiras". Segundo o líder conservador, "Alberto Núñez Feijóo máis non puido facer" polas industrias en dificultades e por iso agora é a "quenda" de Sánchez. "A que veu? A insultarme a min e a Feijóo?", reiterou.
Alén dos aspectos sectoriais de industria ou agro, razón oficial da visita á provincia lucense xunto á número un do PP nesta circunscrición, Elena Candia, Casado pediu o voto para Feijóo porque "nunca defraudou aos galegos". El, mantén, "valora, recoñece e agradece o seu labor á fronte da Xunta" e di estar "convencido" de que "reunirá a confianza maioritaria dos galegos".
García Egea, que este mércores continúa facendo campaña en Galicia, atribúe a Feijóo a salvación de "miles de vidas" por ser "o primeiro presidente en realizar test rápidos" do coronavirus
Feijóo non compartiu evento con Casado o luns e tampouco o fixo este martes con García Egea, que visitou con Candia as instalacións dunha empresa no polígono lucense do Ceao á mesma hora en que Feijóo ofrecía un mitin en Cangas. García Egea, que este mércores continúa facendo campaña en Galicia, gabou o aspirante á reelección como un "seguro en materia de saúde de emprego", un "deses políticos imprescindibles cando veñen situacións difíciles".
Nesta liña eloxiosa, o número dous do PP mesmo sinala a Feijóo como "o primeiro presidente en realizar test rápidos [de coronavirus] á poboación", o que "permitiu salvar miles de vidas". En realidade, no pico da pandemia a Xunta receou deses test de anticorpos, que despois si empregou para o seu estudo epidemiolóxico e, máis tarde, para eidos específicos como o do persoal sanitario.
No seu desembarco en Galicia, García Egea tamén quixo transmitir unha mensaxe de concordancia co PP galego. "O PP nacional comparte as prioridades de Feijóo para Galicia" e "falamos do que falan os galegos: Alcoa, Navantia ou As Pontes -en referencia á térmica de Endesa". Mentres, acusa, o PSOE "demostra estar con [Pablo] Iglesias e non cos mozos e os maiores".