O último mitin que no que Pedro Sánchez participara en Galicia ata este sábado fora o 23 de febreiro, apenas dúas semanas antes de que estourase a crise do coronavirus. Alí, o secretario xeral do PSOE e presidente do Goberno de España evocara a campaña electoral galega do ano 2005, durante a que se integrara no equipo da candidatura de Emilio Pérez Touriño, para augurar que Gonzalo Caballero ía poder ser presidente da Xunta despois das eleccións do 5 de abril, que nunca chegaron a celebrarse por mor da pandemia.
Este 27 de xuño, case catro meses despois, Sánchez volveu a Galicia para participar por primeira vez nun acto público de partido tras o confinamento pola covid-19. Foi en Ourense, nun xardín do Posío inzado de máscaras vermellas para evitar contaxios, con entrada limitada para garantir distancias de seguridade e cun ambiente político marcado polo virus. Alí, o líder socialista reivindicou o labor do seu Executivo en materia sanitaria, social e económica durante a crise e evocou outro triunfo, o seu, nas dúas eleccións xerais celebradas en 2019.
"O que nos xogamos o 12 de xullo é que resposta imos dar á crise: ou sálvese quen poida ou non deixar a ninguén atrás, ou PP ou PSdeG", afirma Pedro Sánchez, e "para iso hai que votar a Gonzalo Caballero como presidente da Xunta"
Aqueles comicios, lembrou Sánchez, supuxeron tamén senllos éxitos para o PSdeG -o 28A chegou a ser primeira forza en Galicia por primeira vez na súa historia- e por iso se dirixiu especialmente ao electorado galego que o apoiou hai apenas un ano. "A esquerda que se mobilizo" daquela "ten que volver mobilizarse en Galicia para cambiar as cousas, para ter un Goberno progresista con Gonzalo Caballero á fronte", agora tamén porque será a ese Executivo da Xunta ao que lle corresponda comandar a saída da crise da covid-19.
"O que nos xogamos o 12 de xullo -advertiu Sánchez- é que resposta imos dar á crise" e "está claro que sabemos a do PP; sufrímola 8 anos en España e dende hai 11 anos en Galicia" e consiste en "sálvese quen poida". Por iso, proclama, a cuestión a dilucidar o 12X nas urnas galegas é "ou sálvese quen poida, ou non deixar a ninguén atrás; ou PP, ou PSdeG" e "para que ninguén quede atrás" o que cómpren son "gobernos comprometidos en Madrid e e Santiago, por iso hai que votar a Gonzalo Caballero como presidente da Xunta". Tamén, pediu, para "ter a seguridade de que, á fronte da Xunta, o Goberno de España ten un aliado neste reto que temos por diante".
"Non é o mesmo que goberne a dereita" ante unha crise sen precedentes coma esta, advertiu Sánchez, e o mesmo PP que "impón, recorta e bloquea" dende hai unha década é o que agora pide a reelección de Alberto Núñez Feijóo. "Aquí o PP leva gobernando dez anos" aínda que "pareza que non existe cando chegan as eleccións" e "haxa que mirar con lupa a cartelaría" para atopar as súas siglas, ironizou.
Fronte a isto, Gonzalo Caballero apela ao "orgullo" socialista. "Amosamos as nosas siglas, estamos orgullosos" tamén "fronte aos relatos que nos queren facer pequenos". "Eu -advertiu o aspirante socialista á Presidencia- non me resigno ao relato da dereita" e por iso pide ao electorado da esquerda que tampouco "se resigne". "A dereita quere ao Partido Socialista parado, porque saben que se este partido se mobiliza, é imparable" e logrará "sacar a Feijóo do goberno do país".
"Eu non me resigno ao relato da dereita; hai outra Galicia posible e unha maioría de progreso na que a referencia do cambio é o PSdeG", proclama Gonzalo Caballero
Como Sánchez, Caballero encadra a necesidade dun cambio de goberno no xeito de afrontar a crise do coronavirus e as súas consecuencias. "O que recortou sanidade e privatizou residencias de maiores non está en condicións de liderar unha reconstrución de futuro para o noso país"; "desta crise hai que saír pola esquerda" e "para non ter que saír durante os próximos catro anos" a protestar por recortes na sanidade, no ensino público ou na atención aos maiores, advertiu, "hai que saír o 12 de xullo" a votar. "Hai outra Galicia posible", clamou en varias ocasións durante o seu discurso.
Se o Parlamento que se constitúe o 7 de xullo o inviste presidente da Xunta, promete Caballero, as mudanzas no eido social serán palpables dende poucos meses despois. Por exemplo, avanza, utilizando "os millóns de euros que chegarán a Galicia" procedentes do Goberno de España "para que todos os nenos e nenas teñan un ordenador e datos e poidan facer as actividades docentes. "Educación pública e ningún alumno sen ordenador en Galicia", ademais de regresar ao sistema de gratuidade universal dos libros de texto, prometeu.
No eido sanitario, subliñou, o compromiso do PSdeG ten tamén cifras: "á fronte do Goberno da Xunta convocaramos 5.000 prazas estables no Sergas". Estas son só dúas mostras, asegura, do que pode facer unha "maioría de progreso" na que "a referencia do cambio é o PSdeG". "Ergámonos todos, saiamos a gañar", pediu á militancia do PSdeG, á que advertiu de que a dereita "está tentando meter medo, xogando a que o medo a outros cambios inmobilice ao electorado moderado e socialista". "Se nos mobilizamos todos os que votamos para que Pedro Sánchez fose presidente, o cambio en Galicia vai ser imparable", alentou.