Urbanos, precarios e en poucos concellos: as eivas dos servizos de normalización da lingua

Sede do Servizo de Normalización Lingüística no Concello de Ames CC-BY-SA Concello de Ames

As mans que terman do galego en Galicia teñen nos servizos e equipos de normalización lingüística dúas das súas achegas fundamentais. Creados os primeiros a principios dos anos 90 ao abeiro da Lei de normalización lingüística de 1983. Logo de máis de tres décadas de traballo, estes dispositivos públicos "esenciais para a promoción social do galego" padecen aínda demasiadas eivas. As principais, un espallamento claramente desigual no territorio, orzamentos insuficientes e unha dependencia excesiva do voluntarismo

Un informe do CCG realiza a primeira análise dos Servizos de Normalización Lingüística e dos Equipos de Dinamización tras 30 anos de labor

Así o detalla un informe do Consello da Cultura Galega (CCG), a primeira análise dos Servizos de Normalización Lingüística (SNL) na Administración pública galega e dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega (EDLG) nos centros de ensino. O estudo baséase nos datos obtidos a partir de dous cuestionarios, un enviado aos servizos, que respondeu a práctica totalidade deles; e outro aos equipos, contestado por unha mostra representativa de 420 colexios e institutos de toda Galicia. 

Presentación da análise dos SNL e dos EDNL, no Consello da Cultura Galega CC-BY-SA CCG

A conclusión é clara. Estes dous importantes axentes normalizadores da lingua funcionan “grazas á profesionalidade e ao compromiso das persoas que as integran", mais precisan "estabilidade financeira, mellor gobernanza e coordinación efectiva para garantir a continuidade da política lingüística de proximidade", di o documento. 

Só o 17% dos concellos galegos dispoñen de Servizo de Normalización, a maioría na provincia da Coruña e en áreas urbanas

O estudo conclúe que o seu futuro pasa por "reforzar a estrutura e a coordinación entre SNL e EDLG, garantir financiamento estable e formación específica e facer visibles os seus resultados para a sociedade". “A existencia destes servizos é unha condición necesaria para que o galego manteña presenza real nas administracións e nos centros de ensino, pero sen apoio político e recursos adecuados, o seu impacto verase inevitablemente limitado”, advirte o informe.

A notable desigualdade territorial que sinala o informe do CCG é moi evidente nos SNL. Malia ser unha rede "consolidada", non chega nin moito menos a onde debera. De feito, só o 16,9% dos concellos galegos dispoñen deste servizo en activo. Son pouco máis de medio cento de municipios dun total de 313, principalmente en áreas urbanas e a maioría deles concentrados na provincia da Coruña. 

Porque tamén a maioría —máis do 80%— pertencen á administración local (concellos e deputacións), mentres que o resto dependen da Xunta (5,7%) ou da Xustiza (7,5%). Ademais, a estrutura humana é "limitada", segundo advirte o estudo, que destaca que o 75,5 % dos servizos teñen unha soa persoa técnica e unha media de 1,49 persoas por SNL. A inmensa maioría, ademais, está cualificada, co 76% dos traballadores ou traballadoras con titulación en Filoloxía. 

Ademais, a media de funcionamento destes servizos é de 24,5 anos, cunha antigüidade media do seu persoal de 17 anos, e practicamente oito de cada dez SNL non interromperon nunca a súa actividade. "Amosa estabilidade institucional malia a falta de medios e unha estrutura humana limitada", destaca.  

Presentación dun curso de galego para maiores en Ribeira por parte do SNL do Concello, durante o anterior goberno local CC-BY-SA Concello de Ribeira

Máis do 75% dos SNL dispoñen dun só técnico ou técnica e case a metade carece de orzamento propio

Velaí outra das eivas fundamentais, a dos recursos. Case a metade dos SNL (47,2 %) carece de orzamento propio, "o que limita a súa capacidade de planificación". Sobre as funcións, o tempo de traballo distribúese principalmente entre asesoramento lingüístico (25,1 %), dinamización (20,4 %) e xestión administrativa (18,5 %), mentres que as actividades máis estendidas son as dirixidas ao lecer (69,8 %), á mocidade (69,8 %) e ás familias (64,2 %). 

Só o 11,3 % conta cun plan xeral de normalización e un 13,2 % carece de calquera instrumento de planificación. Precisamente, as respostas á enquisa indican que as principais fortalezas identificadas son "a estabilidade e continuidade dos servizos e a proximidade á cidadanía", mentres que "as debilidades máis destacadas son a escaseza de orzamento (41,5 %) e a falta de valoración institucional (35,8 %)".

De aí que os aspectos máis urxentes de mellora, segundo o propio persoal, sexan o aumento da dotación orzamentaria (4,29 sobre 5) e mais o reforzo do compromiso político e da planificación estratéxica.

Os equipos de dinamización dos centros de ensino destacan a escaseza de orzamento e a falta de valoración institucional como as dúas maiores debilidades

Pola súa banda, no ámbito educativo, os EDLG —presentes na maioría dos perto de 1.300 centros de ensino en Galicia— seguen a depender en boa medida do profesorado de Lingua Galega (44,4 %) e contan con equipos reducidos (seis docentes de media)

A maior parte das súas actividades céntrase en efemérides, campañas e accións simbólicas. Nos centros rurais, segundo a análise, celébranse con máis frecuencia actividades como o magosto, o Samaín e o festival de Nadal. Os centros urbanos, pola súa banda, amosan maior participación en efemérides sociais como o 8M e o 25N. Con todo, máis da metade das persoas enquisadas asegura que as actividades aumentaron e melloraron nos últimos tempos

Actividade dun EDLG nun colexio galego CC-BY-SA Xunta

Ademais, o estudo conclúe que “hai un desaxuste claro entre as horas asignadas ao coordinador ou coordinadora do equipo e as horas reais investidas, que son máis do dobre” e recolle a demanda dunha “maior anticipación e volume das axudas e máis coordinación interinstitucional”.

Os EDNL piden de maneira "urxente" estabilidade orzamentaria, formación específica e coordinación efectiva entre centros e administracións

"Non existe unha estrutura estable nin formación específica para o persoal", destaca o estudo, que sinala que a motivación principal dos coordinadores e coordinadoras é o seu compromiso persoal coa lingua (78,8 %), mentres que só unha minoría cita incentivos institucionais ou recoñecemento profesional. 

En canto ás necesidades de mellora, o informe destaca a "urxencia" de "estabilidade orzamentaria, apoio institucional real, formación específica e coordinación efectiva entre centros e administracións".

En canto aos orzamentos, o 65% dos EDLG consultados considera que o orzamento do seu equipo se mantivo estable nos últimos anos, mentres que un 21,7% afirma que aumentou e un 13,3% sinala que se reduciu.

Escasa valoración desde o alumnado

Tamén avalía o estudo o grao de satisfacción con respecto a diversos aspectos dos EDLG, destacando que a valoración do equipo por parte do alumnado (cunha nota de 3,17 sobre 5) "está por debaixo da que fai o claustro, o que podería indicar unha menor visibilidade ou comprensión do labor do seu labor entre o estudantado".

Ademais, case o 90% dos EDLG consultados considera que "non existen no seu centro outros proxectos que contribúan máis á normalización da lingua galega ca os impulsados polo seu propio equipo". E a enquisa revela tamén que os centros semiburbanos e urbanos lideran en implicación e compromiso dos EDLG, descendendo considerablemente nos rurais. 

Destaca tamén a maior valoración xeral nas respostas de centros privados ou concertados en canto á implicación do EDLG (32,7%) e compromiso coa lingua e cultura galega (12,7%), porcentaxe que duplica practicamente a media dos centros públicos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.