Galicia, Galicia, Galicia. Sobre fondo azul, co apelido Feijóo en grande, e outro Galicia á esquerda coas siglas do PP en pequeno, case inapreciables. Ante ese cartel no atril compareceu o presidente da Xunta no acto que a formación celebrou en Santiago para a presentación das candidaturas para o 12X. Nel, acompañouno o líder do Partido Popular a nivel estatal, Pablo Casado, que situou o candidato galego como a "referencia de xestión para o PP" e como símbolo da "confianza e orgullo" da súa formación.
"Galicia é sinónimo de PP", dixo Casado, ante un Feijóo que pediu priorizar Galicia "ante calquera ideoloxía ou interese de partido"
Casado apoiou a Feijóo advertindo de que "Galicia é sinónimo de PP" e confirmando que acudirá seis veces á campaña galega para arroupar un candidato que, no entanto, foxe da identificación e advirte de que tanto el como os seus compañeiros na candidatura "se teñen que elixir entre o seu partido e Galicia, sempre deben ter Galicia por diante".
"Ante calquera ideoloxía ou interese de partido", insistiu Feijóo, que di que non se presenta "para unha vitoria sobre outro partido nin para derrotar a ninguén", pero que aclara que "Galicia merece un presidente que gañe as eleccións e non un que as perda". "Hai dúas opcións: este equipo [en referencia ás candidaturas do PPdeG] ou a suma de catro partidos", dixo logo, tras asegurar que se atopa "con máis forza e máis experiencia" para intentar revalidar a maioría absoluta. Casado, pola súa banda, asegurou que a alternativa ao Partido Popular en Galicia "é a nada".
Con todo, Feijóo pide non confiarse e advirte de que non gañou "nada" e que a campaña debe traballarse. Ademais, lamentou que sempre lle tocou "ser presidente en ´pocas de vacas fracas", como a que agora vén, dixo, pero dixo confiar na xestión do seu equipo, do que puxo o exemplo sanitario: "A mellor xestión da sanidade pública foi a que fixemos nós nos últimos anos".
"A mellor xestión da sanidade pública foi a que fixemos nós nos últimos anos", asegura Feijóo
Pablo Casado, pola súa banda, gabou a situación económica, educativa e sanitaria de Galicia e aproveitou a súa intervención para cargar contra o Goberno de Pedro Sánchez. Así, pediu coñecer "a verdade" sobre o número de vítimas do coronavirus e avisou: "Descoidouse a saúde dos españois".
Segundo dixo, o Executivo central "ocultou información" sobre a pandemia e contrastou a actitude do seu partido coa doutros. Feijóo, ademais, aproveitou para agradecerlle a súa preocupación por Galicia durante a crise sanitaria. "Interesácheste moito máis que a maioría de membros e ministros do Goberno de España", díxolle.
Ademais, asegurou que lle "causa vergonza" ver como desde o Goberno central "tiran as cifras das residencias de anciáns ás comunidades autónomas do PP". "Lamentablemente, a nivel nacional, as estatísticas deixan moi claro que onde máis falecidos houbo, por desgraza, foi en comunidades autónomas nas que o Partido Popular non gobernaba", asegurou.