O pasado 11 de xuño o número dous de Alberto Núñez Feijóo na estrutura orgánica do PP en Galicia, o secretario xeral, Miguel Tellado, aseguraba que o actual titular da Xunta e candidato á reelección decidira "renunciar á precampaña" cara ao 12X. Feijóo, defendeu, non participaba en actos de partido porque "está centrado no realmente importante", a "loita contra a pandemia", e todos os eventos aos que acode en calidade de presidente teñen ese obxectivo, afirmou. Que as forzas da esquerda si estivesen a organizar actos de seu amosaba, sinalou, as súas "prioridades".
Tras anunciar o que definira como "renuncia á precampaña", o PP galego confirma o reinicio das súas actividades preelectorais nunha presentación de candidaturas con Feijóo e Casado
Apenas cinco días despois o propio Feijóo evidenciaba que esa renuncia non é tal, tampouco no que atinxe aos actos de partido, que si regresan máis tarde que os doutras forzas. O PP retómaos este domingo en Santiago coa participación do líder estatal da formación, Pablo Casado, nun mitin co propio Feijóo e outros cargos, concibido como acto de presentación das candidaturas. O acto incluirá intervencións a través de internet das cabezas de lista dende outras cidades como primeiro acto dunha "campaña que será máis dixital", sinala o partido.
Foi o propio Tellado quen detallou este xoves en rolda de prensa a celebración dese mitin despois de que Feijóo o adiantase, dous días antes, nunha entrevista con Onda Cero Galicia. Segundo Feijóo, Casado desprázase o domingo a Galicia porque "Madrid sae, por decisión gobernamental", do estado de alarma polo coronavirus -en realidade, Casado participou en diversos actos fóra de Madrid durante o confinamento-.
Defende o candidato á reelección que en realidade o "compromiso" do PP fora "retomar a campaña no mesmo momento en que se suspendeu a anterior" e así o argumenta agora tamén Tellado. "A suspendemos cando quedaban quince ou vinte días para votar e imos tentar retomala no mesmo punto", agregou Feijóo.
Os últimos eventos de precampaña para as eleccións suspendidas do 5A nos que participou Feijóo celebráronse o 11 de marzo, cun acto sectorial nun hotel de Ferrol ao que acudiran unhas 500 persoas, segundo o partido, e outro encontro de partido en Sober baixo o lema Galicia é verde. O primeiro cara ao 12X será o do domingo e dende o día 26, coma o resto de forzas, o PP fará campaña dentro do período oficial.
Casado e Rajoy
Mentres algunhas análises apuntan ao interese de Feijóo por distanciarse da liña oficial do PP para evitar riscos cara ao 12X, a dirección estatal do partido prevé media ducia de presenzas de Casado en Galicia
Dez días antes deses últimos actos, o 1 de marzo, Feijóo compartira escenario con Casado en Ourense nun mitin convocado para conmemorar o undécimo aniversario da súa primeira vitoria electoral por maioría absoluta, en 2009. Catro días despois, o 5 de marzo, Casado volveu a Galicia para facer campaña por Feijóo entre o persoal de Alcoa en San Cibrao.
Agora, mentres algúns analistas len as eleccións galegas como unha pugna entre sectores do PP no que Feijóo avogaría por distanciarse das liña oficial do seu partido para evitar riscos cara ao 12X, o partido confirmou xa a varios medios -a comezar pola axencia Europa Press- que Casado ten previsto participar en Galicia en media ducia de actos de campaña, os mesmos que en Euskadi. Tellado evitou "precisar" en cantos actos estará, pero si admite que terá presenza "activa", o mesmo que sucederá con Mariano Rajoy, se ben a "protagonista", di, "é Galicia".
Alén dos actos con Casado, o propio Feijóo evidenciou xa que o PP traballa na organización dun número de mitins semellante ao de calquera outra campaña, aínda que condicionados pola "situación epidemiolóxica". A principal diferenza, sinalou, é que reducirán o número de asistentes para adaptárense aos límites autorizados para evitar contaxios e, "durante as primeiras semanas", mesmo por baixo dese limiar.