Pablo Casado fai campaña por Feijóo entre o persoal de Alcoa en San Cibrao

Casado, en Alcoa San Cibrao con Miguel Tellado, Elena Candia e Jaime de Olano © PP

Entre as múltiplas análises sobre a vitoria do PP nas eleccións galegas de 2009 unha foi especialmente recorrente. O daquela líder estatal do partido, Mariano Rajoy, implicárase de cheo nunha carreira electoral que era vista como clave para a súa propia supervivencia política. Aquela intensa axenda derivou en que, a efectos prácticos, os conservadores duplicasen a súa campaña e presenza mediática con mitins, eventos e encontros de Rajoy, por unha banda, e pola outra do seu candidato, Alberto Núñez Feijóo.

Máis dunha década despois, o panorama político é moi diferente en moitos ámbitos. O PP fai campaña dende o Goberno en Galicia e o líder estatal da formación, Pablo Casado, non é precisamente un activo para a formación á procura dunha cuarta maioría absoluta en Galicia. Así e todo, en menos dunha semana, Casado leva xa dúas aparicións en Galicia en clave obviamente electoral. A primeira, un mitin o pasado domingo en Ourense ante a plana maior do partido acompañado por Feijóo e José Manuel Baltar. A segunda, este xoves en San Cibrao, sen Feijóo pero coa cabeza de lista popular por Lugo, Elena Candia, e outros cargos.

Menos dunha semana despois do seu mitin en Ourense, Casado acudiu a Alcoa coa cabeza de lista do PP por Lugo para, dixo, lanzar unha "mensaxe en positivo" sobre o estatuto electrointensivo

Nun ton máis calmo do que adoita ser habitual nel, Casado reuniuse con representantes do comité de empresa da compañía e asegurou que a súa presenza na vila mariñá non estaba vinculada á campaña electoral, senón á súa promesa de "devolver a visita en San Ciprián" que, asegura, fixera ao propio comité durante unha xuntanza en Madrid. Por iso, asegurou, "pactou" co propio comité que ofrecería unha "mensaxe en positivo", ofrecendo un voto a prol do estatuto electrointensivo se o Goberno central incorpora ao texto as alegacións da Xunta e doutras autonomías atinxidas.

Feijóo, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta deste 5 de marzo CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

"Terán ao PP ao seu carón, como tiveron á Xunta e a Alberto Núñez Feijóo durante todo este proceso", sinalou Casado tras criticar, non obstante, ao PSOE e o BNG. A estes grupos, asegura, tamén apela para dar resposta ás súas demandas antes dos comicios do 5 de abril.

"O señor Casado ten a súa axenda e eu teño a miña; por suposto que o acompañaría, pero hoxe teño Consello"

O feito de que Casado non estivese acompañado por Feijóo nesta visita non pasou desapercibido para a prensa que cubriu o acto, que culminou cunha comparecencia sen preguntas porque, xustificou o líder conservador, se ía limitar a falar da política industrial. Tampouco para os medios que, case á mesma hora, cubrían a comparecencia de Alberto Núñez Feijóo tras o Consello da Xunta.

"O señor Casado ten a súa axenda e eu teño a miña", xustificou o actual titular do Goberno galego e candidato á reelección. "Por suposto que o acompañaría, pero hoxe teño Consello e mañá espero ter unha reunión co presidente de PSA en París", dixo nun contexto no que asegura que non pode "máis que agradecer ao presidente do partido que estea en Alcoa.

Feijóo asegura que "houbo políticos que foron detidos por defender a Alcoa e agora están no Goberno", o cal non sucedeu

Neste contexto, Feijóo tamén cargou contra o Goberno de España. "Houbo político que foron detidos por defender a Alcoa e agora están no Goberno e din que todo vai ben", dixo no que semellou unha referencia á participación da actual ministra de Traballo, Yolanda Díaz, nunha manifestación de persoal de Alcoa ás portas do Congreso en marzo do pasado 2019. En realidade, naquela manifestación Díaz non foi detida. Si foi citada como imputada meses despois por unha xuíza que obviou a súa condición de aforada e que meses despois acabou arquivando a causa tanto contra Díaz como contra o actual candidato de Galicia en Común á Presidencia da Xunta, Antón Gómez-Reino, e outros membros de Unidas Podemos. Si continuaron as actuacións contra varios traballadores.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.