Con garabata lila e camisa con tons similares, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tentou este xoves nadar entre a marea feminista cun discurso no que salientou que o importante é o que se faga pola igualdade o resto dos días do ano, minimizando a importancia das protestas deste 8 de marzo: “Vamos a ver cal é o resultado”.
O presidente salienta que o dereito de folga é “individual” e di que “sendo importante o que ocorra hoxe, é importante o que fagamos mañá”
Un día despois de acusar de machismo ao resto de grupos da oposición do Parlamento de Galicia con expresións que acabou retirando por ofensivas, este xoves o presidente celebrou a reunión semanal do seu Goberno. Ao seu remate participou na concentración celebrada ás portas da sede central da Xunta en San Caetano na que a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, leu unha declaración institucional baixo o lema Iguais e libres na que salientou que “o emprego é a principal ferramenta para combater a desigualdade”.
Posteriormente, Feijóo compareceu na súa rolda de prensa semanal que este xoves, fronte á maioría de mulleres existente no día a día dos medios de comunicación composteláns, foi cuberta por 20 homes e 4 mulleres, a maioría de medios públicos. Na súa intervención inicial o presidente non fixo ningunha referencia ao 8M e foi só a preguntas dos xornalistas cando valorou a folga, os paros e as diversas protestas convocadas. “Había distintas iniciativas, había unha iniciativa de folga, había outra iniciativa de paros, vamos a ver dado que as dúas están superpostas, vamos a ver exactamente cal é o resultado”, dixo, para engadir que “o dereito a folga, a manifestación ou paro é un dereito constitucional que se exerce libremente, individualmente”. Feijóo dixo “respectar” tanto ás persoas que decidiron secundar as protestas como ás que non e salientou que a “causa da igualdade” é “común” a todas as persoas “con independencia do seu xénero”. O presidente rematou insistindo en que a reivindicación da igualdade non pode darse nun só día senón “os 365 días do ano”. “Sendo importante o que ocorra hoxe, é importante o que fagamos mañá, e pasado”, rematou.
A rolda de prensa semanal tras a reunión do Goberno galego estivo este xoves cuberta de xeito extraordinario maioritariamente por homes
Mentres Feijóo se sometía ás preguntas dos xornalistas varóns, boa parte das xornalistas mulleres de Santiago participaban na concentración convocada ás doce do mediodía na Praza Roxa. Tras fotografarse varias delas previamente xunto ás estatuas das irmás Maruxa e Coralia Fandiño, símbolo compostelán da liberdade da muller, difundiron un manifesto no que salientaron como sofren “o mesmo machismo que as mulleres do resto de sectores (precariedade, inseguridade laboral, fenda salarial, teito de cristal, acoso sexual ou ninguneos) pero coas particularidades asociadas á nosa profesión”. Nesa liña, o manifesto salienta a “preocupación pola visión parcial da realidade que tantas veces ofrecen os medios e na que falta a presenza e achegas das mulleres”