O presidente da Xunta e do PP en Galicia, Alberto Núñez Feijóo, vinculou en numerosas ocasións no último ano o estoupido da pandemia do coronavirus coas mobilizacións feministas do 8M do 2020. Fíxoo aínda que os estudos xa realizados ao respecto citen aquelas manifestacións como unha máis das moitas aglomeracións de persoas que, ao comezo da pandemia, implicaron risco de transmisión do virus en semanas nas que aínda non se aplicaba restrición ningunha a respecto da distancia interpersoal ou uso de máscaras.
No último ano, Feijóo vinculou en diversas ocasións a expansión do coronavirus coas manifestacións feministas do 8M
Tamén o fixo esta mesma semana, instando o Goberno de España a aclarar se as manifestacións van estar "prohibidas" este 8M, obviando que este dereito fundamental non require autorización a priori, senón comunicación para cada unha tras o cal, se é o caso, podería producirse un veto gobernamental como o que vai ser aplicado en Madrid (recorrido ante a Xustiza por colectivos feministas). Neste contexto, dende a oposición galega a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, advertiu da necesidade de "defender o dereito democrático a manifestarnos" nesta data sinalada de reivindicación feminista.
En comparecencia ante a prensa coas deputadas Olalla Rodil e Noa Presas, a líder do principal grupo da oposición resalta que os colectivos feministas convocantes das mobilizacións do 8M e o propio Bloque, que as secundará, son conscientes de que as manifestacións deste ano "teñen que ser diferentes", porque "hai condicións sanitarias que obrigan a que non haxa mobilizacións masivas". Ao longo deste ano, resalta, "o feminismo estivo nas rúas" en diversas ocasións, caso do día contra a violencia machista, "con distancia e todas as garantías" e así o volverá facer o 8 de marzo.
A líder do BNG ve unha "campaña orquestrada polo PP e Vox" para "abonar o terreo para culpabilizar as mulleres" dunha eventual cuarta vaga da pandemia
A xuízo de Pontón, nas últimas semanas está a espallarse unha "campaña orquestrada polo PP e Vox" que, di, "semellan querer abonar o terreo para culpabilizar as mulleres" dunha eventual cuarta vaga da COVID-19, "igual que fixeron hai un ano, cunha mentira repetida mil veces". "Non imos permitir que se nos trate como irresponsables ás que hai que tutelar" e por iso, subliña, o BNG apoia o "dereito democrático a manifestarse" que colectivos feministas prevén exercer o 8 de marzo.
De Olano (PP) pide que o Goberno de España estenda a todo o Estado "por lei" a prohibición das manifestacións do 8M en Madrid
Este chamamento da líder do BNG chegaba escasas horas despois de que a dirección central do PP, a través do seu vicesecretario de Participación e deputado por Lugo, Jaime de Olano, criticase a prohibición das marchas en Madrid por parte do Goberno de España, mais por insuficiente. En declaracións que recolle Infolibre, De Olano di "non entender" como "a decisión de que non se celebren as manifestacións polo 8M en Madrid" non se estende a todo o Estado. Dende o seu punto de vista, o presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, "por lei, debería, como máximo responsable, decidir que non se celebrasen ao longo e ancho de todo o territorio nacional. Non ten sentido que non se permitan en Madrid, pero si noutras comunidades". O deputado non especifica a que se refire, exactamente, cunha prohibición "por lei" destas manifestacións.
Mentres, en Galicia, tamén pola banda socialista emerxen voces contrarias á prohibición. Así o expresou en rolda de prensa a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que se manifesta "disconforme con impedir as manifestacións das mulleres. Dáme igual quen tome esa decisión, non estou de acordo", afirmou en declaracións que recolle Pontevedra Viva.
Carmela Silva: "Estou disconforme con impedir as manifestacións das mulleres (...) Canta ideoloxía hai nesta decisión, canto de culpabilizar ás mulleres?"
Como Pontón, Silva resalta que ao longo do último ano veñen desenvolvéndose diversas manifestacións que non foron prohibidas. "En Madrid, un concerto con case cinco mil persoas con Raphael e a concentración das mulleres, non? Canta ideoloxía hai nesta decisión, canto de culpabilizar ás mulleres?", pregúntase Silva. A presidenta da Deputación de Pontevedra resalta que ela, persoalmente, non acudirá a ningunha concentración e participará das actividades organizadas pola propia institución ao fío do 8M, se ben "os colectivos feministas xa anunciaron que as concentracións e manifestacións serán con todas as medidas sanitarias", polo que "xa está ben de que se prohiba somentes cando son actividades realizadas polas mulleres que demandan os seus dereitos".