Este xoves publicouse a primeira das conversas que forman parte do programa Referentes, impulsado pola Deputación da Coruña e que nos vindeiros meses reunirá a mulleres galegas rerefentes nos seus ámbitos para manter un "diálogo desenfadado e motivador". No primeiro vídeo a música Mercedes Peón e a cociñeira estrela Michelín Lucía Freitas, propietaria de A Tafona, denuncian un "abuso nas horas traballadas" que dificulta o acceso das mulleres en igualdade de condicións a postos de responsabilidade.
Referentes, impulsado pola Deputación da Coruña, reúne mulleres galegas rerefentes nos seus ámbitos para manter un "diálogo desenfadado e motivador"
Ás portas do 8M, Freitas e Peón denuncian no decurso da súa conversa sobre a vida e sobre as súas profesións a existencia dunha fenda entre a vida persoal e a carreira profesional que dificulta o acceso das mulleres a postos de responsabilidade en igualdade de condicións. "Hai un erro de base", di Freitas, "abúsase das horas traballadas". "Para chegar ao nivel no que traballo eu, deixei unha vida atrás", lamenta, "tardei dous anos en poder sentirme nai, porque non podía saír do traballo para estar co meu cativo".
"Se tiveramos unha xornada de 8h, as mulleres iriamos por diante dos homes", conclúe Freitas, "pero, mentres isto sexa así, sempre estaremos en desigualdade, porque a eles ninguén os cuestiona por ser pais de fin de semana"
"Cando tes un fillo non podes estar 14h traballando", explica a chef, propietaria d'A Tafona, "falo cando é teu e non che queda máis remedio, pero é que iso non debería facelo ninguén". "Se tiveramos unha xornada de 8h, as mulleres iriamos por diante dos homes", conclúe, "pero, mentres isto sexa así, sempre estaremos en desigualdade, porque a eles ninguén os cuestiona por ser pais de fin de semana".
Na conversa, conducida pola xornalista Marga Pazos, gañadora dun Premio Mestre Mateo á Mellor Comunicadora, Freitas e Peón falan da vida e da paixón coa que elas a afrontan e ese diálogo desenfadado ofreceralle ao público unha oportunidade única para ver a actualidade dende un novo prisma, reflexionando sobre a nosa cultura e sobre as ferramentas que nos ofrece para reinventarnos.
Referentes busca recuperar o pracer do diálogo amable e construtivo entre persoas con diferentes perfís e intereses. A área de Cultura da Deputación da Coruña impulsa esta proposta para "afondar na diversidade do noso pobo a través dunha serie de conversas entre artistas, intelectuais e pensadoras de diversos ámbitos e disciplinas que nos amosarán unha visión da nosa realidade cultural e social inspiradora e motivadora". O obxectivo que persegue a Deputación da Coruña é o de "imaxinarmos novos mundos dende o agora, empregando a cultura como bálsamo e motor con ánimo analítico, propositivo e transformador da nosa realidade".
Referentes busca recuperar o pracer do diálogo amable e construtivo entre persoas con diferentes perfís e intereses
"Unha cultura, unha lingua e un país precisan ter os seus propios referentes", explica Xurxo Couto, responsable de Cultura no ente provincial. "No caso galego, temos figuras de relevancia que están a abrir camiños e tamén a exportar a nosa cultura e presentarnos e representarnos máis alá das nosas fronteiras... e este programa quere que se coñezan a fondo e que se escoiten", di.