Expertos calculan mil millóns de sobrecusto no financiamento escollido pola Xunta para o hospital de Vigo

Vista aérea do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo cando comezou funcionar e conclusión do informe do grupo GEN da UVigo CC-BY-SA Montaxe: Praza.gal

"A mellor opción sería a creación dunha empresa pública para financiar a construción e posta en marcha do hospital", conclúe o estudo que analiza as opcións de financiamento que tiña a Xunta para o Cunqueiro

Dous meses e medio antes de que o Consello de Contas fixese público o seu informe sobre todo o que rodea á construción do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, no que certifica un sobrecusto de 470 millóns pola decisión da Xunta de Alberto Núñez Feijóo de facer o novo hospital vigués a través dunha concesión público-privada, na Universidade de Vigo remataban unha análise financeira que incrementa ese sobrecusto ata os mil millóns de euros.

A análise parte de Francisco Reyes Santías, membro do grupo de investigación GEN (gobernanza, economía e natureza) da UVigo no seu campus de Ourense, centrado na área da economía e da empresa, e vén de publicarse na revista especializada International Journal of Healthcare Management baixo o título Is the mortgage model appropriate for financing hospitals? A case study (É axeitado o modelo hipotecario para financiar hospitais? Un caso de estudo).

Feijóo, nunha imaxe de arquivo no segundo aniversario do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, que puxo como exemplo de investimentos da Xunta na cidade CC-BY-SA Xunta de Galicia

“Tiñamos os datos para analizar o proxecto de financiamento de iniciativa privada (tamén chamado de colaboración público-privada) e decidimos facer unha análise do modelo de financiamento. Para avaliar a toma de decisión é necesario ter outras perspectivas, probablemente máis do campo da ciencia política, pero nós decidimos centrarnos puramente no económico e analizamos as tres opcións que eran as máis probables neste caso: o financiamento tradicional vía Orzamentos da Xunta, o emprego da Sociedade Pública de Investimentos (SPI) ou o sistema que se seguiu”, conta o economista Francisco Reyes.

"Para avaliar a toma de decisión é necesario ter outras perspectivas, probablemente máis do campo da ciencia política, pero nós decidimos centrarnos puramente no económico", explica Francisco Reyes

“A mellor opción sería a creación dunha empresa pública (SPI) para financiar a construción e posta en marcha do hospital”, conclúe o traballo publicado o 31 de xaneiro na citada revista internacional, para o que foi avaliado e revisado por outros expertos na materia antes da súa divulgación.

O estudo baséase nunha avaliación financeira sen apriorismos, que ten en conta os elementos críticos que teñen este tipo de proxectos do eido sanitario, como son o atraso na entrada en funcionamento ou a redución de recursos –nomeadamente as camas de hospitalización– en función de cada modelo de financiamento.

“Fixemos a análise, calculamos o valor actual neto –fixemos, polo tanto, unha análise de custo/beneficio– e iso o sometemos a dez mil interaccións cun ordenador”, detalla Reyes, quen agrega que tendo en conta o custo/beneficio e sometido todo iso, coas diferentes variables, ao modelo de simulación “o que saía, nunha grandísima porcentaxe das múltiples interaccións que se fixeron, era que o modelo máis custo/beneficio era telo financiado pola Sociedade Pública de Investimentos”.

Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo CC-BY-SA Xunta de Galicia

Esta análise das opcións de financiamento apunta que a diminución dos servizos é frecuente nos proxectos que empregan a vía preferida pola Xunta, como sucedeu no Cunqueiro

“En comparación co uso dunha SPI, co financiamento de iniciativa privada escollido sáenos un sobrecusto de preto de mil millóns de euros repartidos en vinte e pico anos. É un sobrecusto superior ao do informe do Consello de Contas porque nós partimos do que foi a proposta que se publicou para o concurso público para a concesión, o que acontecía é que era unha cantidade descontada toda ao presente. Nós o que fixemos foi actualizala para ver canto serían os pagos nos diferentes anos que se recollían no concurso. Polo tanto, saíanos o dobre do que aparecía no concurso”, detalla Reyes.

Esta análise das opcións de financiamento que tiña a Xunta para o novo hospital de Vigo, que entrou en funcionamento no ano 2015 tras unha importante redución de camas de ingreso que impediu finalizar o convenio do Sergas co hospital privado Povisa, ao non poder atender na sanidade pública a toda a poboación da área sanitaria como estaba previsto, non só sinala a que se van gastar máis de mil millóns de euros de cartos públicos coa vía da colaboración público-privada, senón que ademais apunta que a diminución dos servizos é frecuente nos proxectos que empregan esta vía de financiamento.

"Margaret Thatcher introduciu este modelo de financiamento no sistema nacional de saúde británico. Cando o goberno autónomo de Escocia accedeu ás competencias de sanidade formulou un proceso de reversión deses hospitais ao sistema público"

“Margaret Thatcher introduciu este modelo de financiamento no sistema nacional de saúde británico. Foi moi criticado no seu momento, de feito, cando o goberno autónomo de Escocia accedeu ás competencias de sanidade formulou un proceso de reversión deses hospitais ao sistema público; algo que tamén se plantexou en Gales. Pero hai que recoñecer que anos despois, os gobernos de Tony Blair tamén apostaron por este modelo, aínda que as críticas foron moi importantes por cuestión de sobrecustos e que os hospitais non se facían no tempo previsto, que era unha das vantaxes que parecía presentar o modelo en principio; ademais, nalgúns casos había unha redución dos recursos inicialmente deseñados: un hospital de mil camas que abría con 750. Isto non é raro nos proxectos que empregan este financiamento, como puidemos comprobar”, debulla Francisco Reyes.

No eido académico non hai consenso: existen traballos publicados que seguen as mesmas conclusións que este, mais tamén hai outros estudos que indican o contrario, que ten beneficios empregar a vía de financiamento de iniciativa privada. “O noso traballo é unha achega máis, coa vantaxe de que publicou nunha revista con factor de impacto e foi avaliado por pares e cegos, polo tanto, houbo que darlle resposta a todas as súas disposicións”, indica Francisco Reyes. 

Feijóo, Almuíña e Corina Porro, no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo en febreiro de 2020 CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

O equipo liderado por Francisco Reyes, profesor da área de Organización de empresas e márketing na Facultade de Ciencias empresariais e Turismo da Universidade de Vigo, está formado por Mª Fe López Juiz, xuíza agora destinada nos xulgados do Social da Coruña e profesora do departamento de Dereito Público da UVigo e Sergio Cinza Sanjurjo, médico de Atención Primaria, investigador no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) e profesor na Universidade de Santiago de Compostela.

"Curiosamente, este modelo de financiamento público-privado non computaba como débeda pública", afirma Francisco Reyes sobre o momento económico tras a crise de 2008 no que se enmarca o proxecto do hospital

Reyes insiste en que é preciso ter en conta o contexto no que se construíu o Hospital Álvaro Cunqueiro, aínda con gran impacto da crise financeira de 2008 e nun momento de restricións de débeda pública ditadas desde a Unión Europea. “Curiosamente, este modelo de financiamento público-privado non computaba como débeda pública”, afirma.

Con todo, Francisco Reyes non se mete a valorar se a decisión da Xunta foi “eficaz ou eficiente”, pois considera que “outro estudo que habería que facer para o Álvaro Cunqueiro é a avaliación da eficiencia no seu desenvolvemento, en comparación con outros centros financiados só con cartos públicos”. O que si sabemos é que Xunta non volveu empregar este modelo de financiamento, non o fixo co hospital da Coruña nin para a ampliación do hospital de Pontevedra. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.