Duascentas mil persoas manifestáronse nas rúas de Vigo a primeiros de setembro para expresar, nun berro colectivo, que o Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC) - recentemente inaugurado e entregado a mans privadas para a súa explotación- non dá resposta ás necesidades da poboación da comarca. A privatización da xestión, as irregularidades e demoras na construción, as numerosas deficiencias do edificio, o abusivo cobro polo aparcadoiro e por outros servizos do hospital: todos estes factores levan a un descontento xeral da poboación. A morte dunha muller ingresada, xusto o día anterior á manifestación (infectada polo fungo Aspergillus que, segundo os expertos, debe ter unha presenza nula nun centro hospitalario) provocou, ademais, unha severa alarma social e profesional que as autoridades sanitarias non son quen de atallar.
A privatización da xestión, as irregularidades e demoras na construción, as numerosas deficiencias do edificio, o abusivo cobro polo aparcadoiro e por outros servizos do hospital: todos estes factores levan a un descontento xeral da poboación
A conselleira Mosquera compareceu no Parlamento galego e o día 15 de setembro; coa displicencia habitual negou calquera deficiencia ou irregularidade e afirmou que “este é un dos centros máis modernos de Europa, na vangarda tecnolóxica”. Afirma garantir a seguridade do hospital e considera a manifestación como “irresponsable”. O portavoz de sanidade do PP, Miguel Santalices (un dinosauro que vive no Parlamento desde os seus inicios), sinala ao Concello de Vigo como causante das deficiencias; o grupo parlamentar do PP utiliza a súa maioría absoluta para vetar unha investigación sobre o HAC e, no colmo dos despropósitos, Núñez Feijoo utiliza o dedo acusador para sinalar ao goberno bipartito como o responsable da participación privada no novo hospital de Vigo.
A xente xa non está disposta a tragar máis rodas de muíño. A realidade é tan evidente que non pode ser agochada
Negan a realidade (a privatización, as demoras, as deficiencias, a presenza de xermes nas análises) e sinalan outras instancias como causantes dos problemas. Este é o relato que pretenden impoñer desde o goberno de Núñez Feijoo, que é, sen dúbida, o principal responsable deste desastre. Pero a xente xa non está disposta a tragar máis rodas de muíño. A realidade é tan evidente que non pode ser agochada. Porque o certo é que o goberno progresista tiña, -no ano 2009- aprobada e presupostada a construción dun hospital 100% público (que custaría 400 millóns de euros, fronte aos 1300 do actual, e que estaría finalizado en 2013), que quedaría baixo dominio da propia Administración sanitaria e sen hipoteca (o canon anual que terá que pagar a Xunta á empresa adxudicataria durante 20 anos).
A sanidade pública queda secuestrada por estas dúas empresas, prevalece o afán de negocio por enriba das necesidades de saúde da xente
Houbo numerosas irregularidades durante a construción do edificio e as deficiencias coñecidas son múltiples e inaceptables. Os recortes introducidos no proxecto son máis que notables: un 32% nas camas de hospitalización e nos quirófanos, máis do 50% no Servizo de Urxencias, e anularon o Laboratorio Central (o que favorece a Unilabs, empresa que xestiona o Laboratorio Central de Galicia –e tamén o de Madrid-). As consecuencias de todo isto son moi graves: a ostensible diminución da oferta hospitalaria fai que o HAC non será capaz de dar resposta ás necesidades sanitarias da comarca, a sanidade pública queda gravada cunha tremenda hipoteca e, ademais, a Administración perde, por completo, o control da sanidade nesa área, que pasa a ser dominada pola empresa concesionaria do HAC e por Povisa (de onde procede a Conselleira), que permanece como hospital de referencia para unha parte importante da poboación. A sanidade pública queda secuestrada por estas dúas empresas, prevalece o afán de negocio por enriba das necesidades de saúde da xente.
Hai presa: a concesionaria quere comezar a cobrar o canon pactado. Hai moito diñeiro polo medio
Como dixo o doutor González Moreira, membro da Xunta de Persoal da área sanitaria, “nun país normal xa estarían cesados os responsábeis do desastre do novo Hospital de Vigo”. Porque neste proceso hai responsabilidades políticas evidentes. Serán os cidadáns os que esixan respostas. Pero tamén deberá actuar a xustiza. O sindicato médico CESM presentou unha demanda na Fiscalía de Vigo contra o Sergas pola presunta responsabilidade na morte da paciente ingresada no HAC. Ademais a a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) presentou unha denuncia ante a Comisión Europea por entender que existen irregularidades na tramitación e execución do proxecto (vulneración de directivas europeas, da disciplina orzamentaria imposta polo Plan de Estabilidade, das normas de contratación estabelecidas para os proxectos financiados polo BEI e por actuacións distorsionadoras da competencia). A AGDSP considera que hai un claro incumprimento do contrato e reclama,-igual que a totalidade da oposición política- o rescate da concesión para dominio publico. Mais o PP non cede no seu empeño: o Sergas xa ordenou o reinicio do traslado para a próxima semana. Hai presa: a concesionaria quere comezar a cobrar o canon pactado. Hai moito diñeiro polo medio.