O PP veta a investigación sobre o hospital de Vigo e o Sergas ordena reanudar o traslado

Mobilización a prol da sanidade pública ante o Parlamento, este martes CC-BY-SA MNG

Había Aspergillus, pero non haberá investigación. O PP fixo valer este martes a súa maioría absoluta no Parlamento para tombar a solicitude que, formulada conxuntamente por AGE e BNG e apoiada por toda a oposición, pretendía abordar nunha comisión de investigación toda a xestión realizada en torno ao novo hospital de Vigo, dende a súa contratación polo modelo público privado ata o controvertido traslado, paralizado tras detectarse a presenza de xermes e que, segundo anunciou o Servizo Galego de Saúde mentres se desenvolvía o debate na Cámara, será "reiniciado o vindeiro luns".

En ausencia da conselleira e tamén do presidente da Xunta, de viaxe en Italia, os grupos solicitantes apelaron á masiva manifestación contra a xestión de Sanidade en Vigo para ilustrar que a demanda de información non só é das forzas da oposición, senón dun amplo sector da cidadanía en Vigo e a súa contorna. "Acusáronnos de negar a verdade e agora non só sabemos que tiñamos razón, senón que vemos as consecuencias da privatización". "Faciliten que os galegos e galegas coñezan a realidade, non llelo pedimos nós, pídeno as 200.000 persoas que saíron á rúa para dicirlles que non atuarn máis as políticas privatizadoras do PP", reclamou Eva Solla, voceira de AGE.

A xuízo de Montse Prado, do BNG, a investigación non debera restrinxirse ao traslado, unha "actuación temeraria que puxo en risco a saúde e a vida dos doentes e a seguridade dos profesionais", como así acreditan "múltiples denuncias de usuarios, persoal e sindicatos", senón que debería comezar polo "escándalo e sospeitas" ligadas ao modelo público-privado e seguir polo "escándalo da externalización" da oficina de control das obras "á empresa dunha persoa intimamente vinculada ao PP", compañía, abonda Solla, "dunha señora que era a segunda" do departamento sanitario da Comunidade de Madrid "cando se privatizaron" parte dos seus hospitais.

A comisión era solicitada por AGE e BNG e foi apoiada por toda a oposición

Como se prevía, a solicitude bateu no muro dos conservadores, cuxo voceiro, Miguel Santalices, coida que, de haber algunha investigación, tería que ter como escenario o Concello de Vigo, polo seu "labor obstrucionista" na construción do complexo. "Acábaselles o tempo de como desprestixiar isto" porque o hospital xa está "aberto" e o "proceso de traslado é absolutamente seguro", proclama Santalices, que reduce as peticións de explicacións da oposición a meras "descualificacións". "Cada vez que abren a boca para falar da calidade e da seguridade dos pacientes danlle unha patada no corazón aos profesionais", acusa o popular. "Comisión, se queren, no Concello de Vigo, que é onde procede", zanxa, mentres reprocha que o resto de grupos poñan "mortes enriba da mesa".

Santalices (PP): "Cada vez que abren a boca para falar da calidade e da seguridade dos pacientes danlle unha patada no corazón aos profesionais"

"Se están tan convencidos, saian fóra, sexan valentes e vaian onde están os profesionais" que protestaban no exterior do Pazo do Hórreo, retou Prado. "Se non teñen nada que ocultar -agrega- voten para que poidamos investigar". A postura do PP, critica Solla, alén de ser exposta nun ton "digno da barra do bar", implica estar "en contra de investigar por que non se cumpren os criterios de risco, por que o hospital non acada a eficiencia enerxética" propia dun centro sanitario ou por que "ten menos camas e menos quirófanos" dos inicialmente anunciados.

Confirmación do Aspergillus

O Sergas indica que o Aspergillus foi detectado en tres mostras e "en cantidades pequenas"

Mentres o PP premía o botón do "non" no lexislativo, o xerente da área sanitaria de Vigo, Félix Rubial, ratificaba a reanudación do traslado e, xunto co xefe do servizo de Medicina Preventiva, Víctor del Campo, aseguraba que de 300 controis ambieitais realizados no complexo, "o número de resultados non compatibles coa bioseguridade foi duns 10". Segundo os responsables do Sergas nalgunhas desas análises non foi "identificado" o tipo de xerme e en tres das mostras ratificouse a presenza de Aspergillus, pero en "non grandes concentracións", senón "en cantidades pequenas".

A cuestión das análises era abordada, paralelamente, tamén no Parlamento. Na súa quenda de apoio á comisión de investigación a voceira do PSdeG, Carmen Acuña, considerou que esas indagacións serían tamén útiles para investigar por que "todas as mostras" foron remitidas "a unha analista amiga e veciña da conselleira". "Se cadra -sinala- para confirmar que a doente" falecida no Álvaro Cunqueiro "levou o Aspergillus da casa".

Santalices (PP), nun intre do debate CC-BY-SA Praza Pública
Resultado da votación CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.