Dezaseis forzas políticas e 52 listas para as eleccións xerais en Galicia

Actos preelectorais de PP, PSdeG, En Común, En Marea, BNG e Ciudadanos CC-BY-SA PP/PSdeG/En Común/En Marea/BNG/Cs

A carreira electoral do 28 de abril está oficialmente en marcha dende os primeiros días de marzo e este mércores, 27 de marzo, cumpriu un dos seus trámites esenciais coa publicación no Boletín Oficial do Estado de todas as candidaturas presentadas polas forzas políticas que aspiran a formar parte das vindeiras Cortes Xerais. Polas catro circunscricións galegas concorren desta volta un total de dezaseis formacións, tres máis que nas eleccións xerais de 2015 e catro máis que nas de 2016.

No caso do Congreso, as candidaturas que máis olladas adoitan concentrar, son doce as forzas políticas que terán as súas papeletas nos colexios electorais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra. Ás formacións que xa obtiveron nalgunha ocasión representación polas provincias galegas engádense cinco máis. Xunto a PP, PSdeG e BNG están desta volta En Marea e En Común-Podemos, representando aos espazos políticos que nas dúas anteriores convocatorias concorreran unidas baixo as siglas de En Marea, daquela como coalición, e mais Ciudadanos.

Doce formacións políticas preséntanse en todas as circunscricións galegas e outras catro, só nunha delas

Tamén se presentan en todas as circunscricións outras forzas que, polo momento, nunca obtiveron escanos. É o caso de Compromiso por Galicia, o PACMA, o PCTG, o partido Por Un Mundo Más Justo, Recortes Cero-Grupo verde e tamén a formación de extrema dereita Vox, que nas anteriores xerais só se presentara pola Coruña obtendo apenas 1.000 votos.

Alén de todas estas formacións, outras catro preséntanse só por unha provincia. Na Coruña faino o Partido Comunista Obreiro Español (PCOE) e en Lugo súmase Converxencia 21. En Ourense faino o partido Vivir Ourense (VOU) e en Pontevedra, a formación Escanos en Branco, que en anteriores convocatorias electorais acadara certa notoriedade por manifestar a súa intención de non ocupar os escanos que puidese obter, algo que nunca ocorreu. Son, en total, cincuenta e dúas listas.

A Xunta Electoral aínda pode emendar ou excluír candidaturas que non cumpran os requisitos para participar nas eleccións; as definitivas son proclamadas o 2 de abril

Para o Senado as formacións políticas que presentaron candidaturas son dúas menos, xa que o PCOE e VOU, que si concorren ao Congreso na Coruña e Ourense, non fan o mesmo na Cámara Alta. Todas as demais formacións si optan a obteren representación.

A publicación destas candidaturas no BOE deste 27 de marzo non implica, necesariamente, que todas elas vaian ser exactamente as que finalmente poidan ser elixidas nos comicios do 28 de abril. As Xuntas Electorais de zona e, por exensión, a Xunta Electoral Central, continúan a examinar as candidaturas e poden excluír algunha se non cumpre os requisitos legais para participar nas eleccións. É o caso da presentación de avais para as forzas que non se presentaran ou non obtiveran representación nos anteriores comicios; estes, por exemplo, xa lle foron esixidos a En Marea pola Xunta Electoral de Ourense.

Do mesmo xeito, os partidos políticos poden subsanar erros e introducir correccións formais. As candidaturas serán proclamadas definitivamente o 2 de abril.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.