Nas eleccións xerais do 28 de abril, convocadas oficialmente este martes, poderán participar 58.093 persoas nas catro circunscricións galegas que aínda non tiñan dereito a voto nos anteriores comicios para renovar o Congreso e o Senado, celebrados en xuño de 2016, por seren aínda menores de idade. Son case 60.000 novos votos de mozas e mozos que non impiden, nin de lonxe, que o peso electoral da mocidade galega siga a descender ata outro mínimo histórico nestes comicios.
En apenas década e media a mocidade deixou de ser o grupo electoral máis numeroso ata tornar no menos relevante no conxunto do electorado galego
Cadrando co inicio do período electoral xa son públicos os principais datos do censo destes comicios. E, no caso galego, volven reflectir outra volta a crise demográfica do país: o número total de persoas residentes en Galicia con dereito a voto volve descender en consonancia coa perda de poboación e o peso do voto xuvenil afonda no seu devalo.
Así, apenas 388.000 persoas de entre 18 e 34 anos poderán votar en Galicia no 28-A, un 7% menos que nas últimas eleccións celebradas en Galicia, as galegas de 2016, e case un 40% menos que a comezos de século. Mostra evidente da perda de peso do voto xuvenil no país é que, atendendo aos datos da Oficina do Censo Electoral, a poboación de entre 18 e 34 anos deixou de ser o grupo electoral máis numeroso en 2005 e poucos anos despois era xa o de menor relevancia numérica.
A poboación maior de 65 anos afianza a súa posición como grupo de idade con máis peso electoral en Galicia
Como amosa o gráfico sobre estas liñas, mentres o peso electoral da mocidade descendía pronunciadamente o da poboación maior de 65 anos non deixaba de subir. Desta volta serán máis de 685.000 persoas que xa superaron este limiar as que teñan dereito ao voto -sen contar o censo exterior-, un 3% máis que nas xerais de 2016. Tamén volve aumentar o electoral de entre 50 e 64 anos, mentres que tamén descende o de entre 35 e 49 anos.
Esta evolución do censo galego debuxa unha pirámide de poboación cuxa base ascende cada vez máis. Por grupos quinquenais de idade, a franxa máis numerosa é xa a da poboación de 40 a 44 anos e destaca xa tamén o peso das persoas maiores de 85, moi especialmente das mulleres desta idade. Mentres, a pirámide está xa claramente invertida entre a mocidade.
Dada a cada vez maior preponderancia do electorado de idade máis elevada sobre a mocidade, cada vez con menos relevancia electoral, as diferentes formacións políticas terán que modular as súas mensaxes galegas atendendo a estas variables. E tendo en conta ademais que o comportamento electoral é dispar entre as franxas de idade. Ou, cando menos, iso é o que din os inquéritos de recordo de voto.
Os inquéritos de recordo de voto máis recentes indican que en Galicia o dominio do PP é esmagador na poboación maior de 55 anos
No caso de Galicia as enquisas públicas máis recentes a este respecto son as elaboradas polo Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) despois das eleccións galegas. Nos tres últimos comicios ao Parlamento (2009, 2012 e 2016) as respostas do electorado indican que o PP foi o partido máis apoiado na maior parte das franxas de idade. Non obstante, mentres que entre o electorado máis mozo está próximo e mesmo nalgunha ocasión foi superado por candidaturas de esquerda, entre a poboación maior de 55 anos o seu dominio é esmagador.