Paridade? 4 de cada 5 candidatos á alcaldía son homes

Xénero das persoas que encabezan as candidaturas nas eleccións municipais Dominio Público Praza Pública

A Lei Orgánica 3/2007 para a igualdade efectiva de mulleres e homes, chamada tamén Lei de Igualdade, determina a presenza equilibrada de homes e mulleres nas listas electorais, movéndose un e outro sexo entre o 40% e o 60% en toda a lista e en cada treito de cinco persoas. Hai formacións que van máis aló e decidiron que todas as súas listas se estruturan en forma de cremalleira (home-muller-home ou muller-home-muller). A lei e a propia evolución da sociedade española conseguiron que na última década a porcentaxe de deputadas e concelleiras se incrementase notablemente, deixando atrás os tempos en que a súa presenza era case excepcional ou moi minoritaria.

Porén, a lei non indica nada sobre quen debe encabezar as listas, ou sobre se as distintas formacións deben presentar unha proporción mínima de candidatas ou candidatos. E aí, analizando o xénero das persoas que encabezan as candidaturas para as vindeiras eleccións municipais nos concellos galegos, atopamos que a paridade está aínda moi lonxe. 

Só 1 de cada 5 listas electorais está encabezada por unha muller (o 21,8%)

Só 1 de cada 5 listas electorais está encabezada por unha muller (o 21,8%), unha proporción que se reproduce en todas as provincias, sendo Lugo (24%) o territorio con maior proporción de candidatas á alcaldía, seguido de Pontevedra (23%) e A Coruña e Ourense (21%). De feito, hai 128 concellos nos que ningunha das listas electorais que se presentan está encabezada por unha muller. Noutros 119 só unha das candidaturas ten unha muller á fronte, mentres que en 56 hai dúas mulleres candidatas e en unicamente 8 hai tres ou máis. Aínda que as proporcións son moi semellantes, chama especialmente a atención o caso de Ourense, onde en 47 localidades (máis da metade) non hai mulleres liderando candidaturas.

Hai excepcións, por suposto, algúns concellos (poucos) nos que hai máis candidatas que candidatos á alcaldía: Irixoa (dúas mulleres e un home), Oza-Cesuras (2-1), Cerdido (2-1), Porto do Son (3-2), Carballedo (2-1), Barreiros (2-1), Lourenzá (2-1), Trabada (2-1), Folgoso do Courel (2-1), Monforte de Lemos (3-2), Cospeito (2-1), A Bola (2-1), Allariz (2-1), Nogueira de Ramuín (2-1), Castro Caldelas (2-1), Meis (2-1), Vilaboa (2-1) ou Marín (catro mulleres e dous homes). Noutros lugares, como Arteixo (5 homes, 3 mulleres), Ferrol (6 homes, 4 mulleres), Vimianzo (3 homes, 3 mulleres), Pontevedra (5 homes, 3 mulleres) ou Vigo (12 homes, 5 mulleres), as mulleres non son maioría, pero teñen unha presenza notable.

Hai 128 concellos nos que ningunha das listas electorais que se presentan está encabezada por unha muller

E, nomeadamente, cómpre salientar o caso de Oímbra, único concello de Galicia non que ningún home encabeza as listas: tres candidaturas, tres mulleres. Tamén é obrigado recoñecer que, aínda que os homes son maioría en todas as formacións, hai máis mulleres nas candidaturas de esquerda e, especialmente, no BNG. 

Cómpre salientar o caso de Oímbra, único concello de Galicia non que ningún home encabeza as listas: tres candidaturas, tres mulleres

Pola contra, hai algúns concellos nos que o dominio masculino nas cabeceiras das listas e a ausencia de mulleres é rechamante. Lugares como Valdoviño, con seis candidaturas e ningunha liderada por unha muller; ou Rois (5 candidaturas, cero mulleres), Val do Dubra (7 candidaturas, cero mulleres), Padrón (7 candidaturas, unha muller), Burela (5 candidaturas, cero mulleres), Lobeira (5 candidaturas, cero mulleres), Ribadavia (5 candidaturas, cero mulleres), Nigrán (6 candidaturas, cero mulleres), Tui (8 candidaturas, unha muller), O Porriño (7 candidaturas, unha muller) ou Gondomar (7 candidaturas, unha muller). Chama a atención, igualmente, que en cidades coma A Coruña (só unha muller), Compostela (1), Lugo (1), Ourense (2) ou Vilagarcía (1), o número de alcaldables femininas sexa tan baixo .

 

Só 31 alcaldesas

Veremos, a partir do 24 de maio cantos alcaldes e alcaldesas resultan. Na pasada lexislatura 283 concellos estiveron gobernados por homes, e só 31 (o 9,87%) tiñan unha muller á fronte da alcaldía, por debaixo da media española, situada no 17%. De feito, só Cantabria presenta unha porcentaxe inferior de alcaldesas. Galicia sempre se situou por debaixo da media neste aspecto, aínda que coma todos os territorios foi incrementando (moi de vagar, iso si) o número de rexedoras: En 1983 eran só o 1,9% e en 1995 eran o 4,46%, en 2007 creceran ata o 7,96%.

Na pasada lexislatura 283 concellos estiveron gobernados por homes, e só 31 (o 9,87%) tiñan unha muller á fronte da alcaldía, por debaixo da media española, situada no 17%

A proporción de concelleiras rolda na actualidade o 40% fixado pola Lei de Igualdade, situándose en Galicia no 36,54%, experimentando un crecemento constante dende o 2007 (31,83%), 2003 (20,66%), 1999 (15,42%) e 1995 (11,28%). Cómpre salientar, igualmente, que Galicia a presenza feminina se situaba cinco ou seis puntos por debaixo da media española ata o ano 2007, cando comezou a superar a proporción media de mulleres nas corporacións.

Xénero das persoas que encabezan as candidaturas nas eleccións municipais Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.