Oito alcaldes galegos ocupan a alcaldía dende hai 40 anos

Concellos cuxos alcaldes levan máis tempo ocupando o seu cargo CC-BY-SA Praza.gal

O alcalde de Beade, Senén Pousa, vén de anunciar que volverá encabezar a lista do PP á Alcaldía deste concello, que ocupa dende 1974. Accedeu ao cargo aínda con Franco como ditador (segue recoñecéndose como "franquista" e afirmando que "fixo cousas boas e malas, como todo o mundo") e gañou as primeiras eleccións municipais celebradas en 1979 e repetiu nas dez eleccións seguintes. Primeiro con Coalición Democrática, despois con Alianza Popular, posteriormente con Centristas de Galicia e dende 1991 co Partido Popular.

Senén Pousa non é o único alcalde que mantén o seu cargo dende a ditadura. Tamén o fai Manuel Gallego Vila en Taboadela e mesmo dende antes (dende 1972). Ademais, outros seis rexedores galegos acumulan 40 anos nos seus postos, pois foron elixidos nas primeiras eleccións municipais de abril de 1979. Así mesmo, outros dez manteñen a súa Alcaldía de forma ininterrumpida dende 1983.

Senén Pousa (1974) e Manuel Gallego Vila (1972) son os alcaldes galegos que levan máis anos no seu cargo

As eleccións de 2015 supuxeran a marcha dalgúns rexedores igualmente lonxevos. Lonxevas, mellor dito, pois foron dúas mulleres: a alcaldesa de Sandiás (Concepción Méndez Gándara, no cargo dende 1979) e a de Ramirás (Pilar Otilia López, no posto dende 1975). Felipe Traveso García (Agrupación Electores Sandiás) gañou as eleccións, derrotando a Concepción Méndez. Mentres, en Ramirás o BNG ofreceu a súa abstención ao PP para permitirlle manter a alcaldía, pero esixindo o abandono de Pilar Otilia López, o que finalmente sucedeu.

Algo máis durou o rexedor de Vilariño de Conso, Ventura Sierra Vázquez, alcalde dende 1979, primeiro co PSdeG-PSOE e despois co PP. En 1995 perdeu o Goberno a mans do BNG, pero recuperouno un ano despois a través dunha moción de censura. En 2007 volveu perder a Alcaldía, pero en 2009 o voto dun tránsfuga do BNG permitiulle recuperala. Finalmente, en 2017 foi condenado a sete anos de inhabilitación para cargo público por contratar a 29 persoas sen convocatoria pública.

 

Gañadores de eleccións con catro partidos distintos

Mentres que o dominio de Pousa en Beade é esmagador (obtén cando menos 5 dos 7 concelleiros da corporación dende hai décadas), en Taboadela Manuel Gallego Vila mantén unha maioría moito máis exigua, pois en 2015 recibiu o 45% dos votos, o que lle permitiu acadar de forma axustada 5 dos 9 edís en xogo. Gallego Vila, con 82 anos, é un dos rexedores de maior idade, e gañou as eleccións de forma sucesiva con Coalición Galega, Coalición Progresista Galega, Centristas de Galicia e, finalmente, co Partido Popular.

Algúns rexedores, como o de Salvaterra de Miño ou o da Peroxa, foron alcaldes co PSdeG-PSOE e co PP

Tamén pasou por UCD, CG, Coalición Progresista Galega e PP o alcalde de Paradela, José Manuel Mato Díaz, igualmente no posto dende 1979. En 2007 obtivo o seu peor resultado, cun 57%, superando no resto de citas electorais o 70%. Algo semellante sucede en Quintela de Leirado con José Antonio Pérez Cortés, que no 2015 superou o 85% dos votos. En Xunqueira de Ambía o seu alcalde, José Luis Gavilanes Losada, pasou igualmente por UCD, CG, AP e PP, mantendo dende 1979 o seu posto con maiorías moi amplas. En xaneiro de 2000 foi acusado de prevaricación, polo derribo dun muro para ensanchar un camiño, e foi absolto

Máis curioso é o caso da Peroxa, onde o seu alcalde, Manuel Seoane Rodríguez, comezou como alcalde en 1979 co PSdeG-PSOE; dous mandatos despois (en 1987) presentouse por Alianza Popular, despois por Centristas de Galicia, para seguir a partir de 1991 co Partido Popular. Nunca deixou para a oposición máis de tres concelleiros, dous na actualidade, obtendo un 69% dos votos en 2015.

E algo semellante sucede en Salvaterra de Miño, onde o seu rexedor, Arturo Grandal Vaqueiro, comezou sendo alcalde con UCD (1979), despois como independente (1983), despois co PSdeG (1987,1991), para continuar co PP a partir de 1995. A diferenza do resto, as súas maiorías foron decote máis axustadas, mantendo no 2015 a alcaldía por só un concelleiro e cun 45% dos votos.

O único concello gobernado por un alcalde socialista que se mantén no cargo dende 1979 é o de Brión. Con todo, Xosé Luís García García foi primeiro rexedor durante varios mandatos pola Candidatura Galega Independente. Só a partir de 2007 incorporouse ao PSdeG-PSOE, e sempre con amplas maiorías absolutas, mantendo un 67% dos votos en 2015.

Dende 1983

Noutros nove concellos o seu alcalde mantén o seu cargo dende as segundas eleccións municipais, celebradas en 1983. Trátase de Vilar de Barrio (Julio Pérez Carballo, PP), Vilamarín (Amador Vázquez Vázquez, PP), O Páramo (Gumersindo Rodríguez Liz, PP), Mondariz-Balneario (José Antonio Lorenzo Rodríguez, PP), Dumbría (José Manuel Pequeño Castro, PSdeG), Carballedo (Julio Manuel Yebra-Pimentel Blanco, PP), Campo Lameiro (Julio Sayáns Bugallo, PP), Beariz (Manuel Prado López, PP) e Abadín (José María López Rancaño, PP).

Nunha decena de concellos o seu alcalde mantén o seu cargo dende as segundas eleccións municipais, celebradas en 1983

A maior parte manteñen dende entón o seu Goberno municipal con maiorías moi amplas, deixando pouco espazo para a oposición. A maioría pasaron, ademais, por varias formacións políticas, sobre todo por Coalición Galega e Centristas de Galicia antes de rematar no Partido Popular.

Nesta listaxe dunha vintena de rexedores a maior parte das localidades son pequenos concellos rurais, pero ata hai pouco houbo unha excepción. A do socialista Julio Sacristán, que cedeu o bastón de mando de Culleredo en outubro de 2017 tras 33 anos. Culleredo supera os 30.000 habitantes e mantén dende hai décadas o seu crecemento. De feito, cando Sacristán accedeu á Alcaldía, Culleredo contaba con pouco máis de 13.000 habitantes. Neses comicios de 1983 o actual rexedor fíxose con 7 dos 17 edís en xogo, ampliando a súa maioría nas convocatorias seguintes, ata os 12 concelleiros de 17 ou os 13 de 21. En 2015 mantivo o seu dominio nuncha corporación moi fragmentada, con 9 representantes de 21, cun total de seis partidos representados no pleno.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.