Noriega "acelera" a súa marcha do Concello de Santiago tras o fracaso electoral de Galicia en Común

Martiño Noriega e Rafa Peña, en rolda de prensa CC-BY-SA Compostela Aberta

Martiño Noriega, ex-alcalde de Compostela, deixa a súa acta de concelleiro na capital. Nunha comparecencia este martes, unha das figuras referentes do espazo de confluencia e das mareas asegurou que o paso ao lado fora "meditado hai tempo", aínda que recoñeceu que o fracaso de Galicia en Común --onde ocupaba o número tres na lista pola Coruña-- nas últimas eleccións autonómicas "acelerou" a decisión

Noriega admite que a decisión de abandonar o Concello fora "meditada hai tempo", pero tamén que o fracaso de Galicia en Común "acelerouna"

Acompañado de Rafa Peña, concelleiro tamén de Compostela Aberta que tamén dimite como edil por motivos laborais, asegurou que a renuncia a ser concelleiro e a súa incorporación ao seu posto de médico na Atención Primaria non significa que deixe a política que, advertiu, "pódese facer desde fóra das institucións". 

Martiño Noriega, nun acto electoral de Galicia en Común CC-BY-SA Compostela Aberta

"É importante que estea onde máis podo achegar, que é na sanidade pública; 
entendo o exercicio da política máis alá da responsabilidade instiucional. Vou seguir politizado o resto da miña vida", asegurou quen dixo que estaría sempre "a carón de Beiras e de Antón Sánchez", ambos compañeiros en Anova. "Futuro? Xa veremos. Nin cavilei niso. O meu activismo politico e social non vai desparecer", insistiu. 

O ex-alcalde compostelán recoñece que o espazo rupturista "cometeu moitos erros" e que "as "liortas internas pasaron factura"

Preguntado polo fracaso electoral de Galicia en Común, Noriega recoñeceu que non o agardaba e asegurou que, en todo caso, xa advertira de que "unha vitoria de parte, mentres siga gobernando Feijóo, é unha derrota do país", do que lamentou que teña que sufrir "seguir catro anos máis baixo o marco dun PP que non acredita no público nin nos sectores produtivos". 

Ademais, recoñece que o espazo político que uniu as mareas, Podemos, Anova e EU "cometeu moitos erros e non estivo á altura do apoio da xente". "Dilapidou moito apoio popular", dixo, tras advertir tamén de que "as liortas internas pasaron factura": "Se cadra máis elevada do que merecíamos, pero cumpría e toca aprender", asegurou. 

"Hai unha parte do discurso do BNG que importou o que se proxectou nas mareas ao longo destes anos e que obrigou a modular posicións", di Noriega

Con todo, Noriega asegura que todo ese espazo creado nos últimos dez anos "abriu fiestras no país" e que, "ben sexa a través del ou doutros espazos, sempre foi importado" e creou "un camiño". "Hai unha parte do discurso do BNG que importou o que se proxectou nas mareas ao longo destes anos e que obrigou a modular posicións", engadiu. 

"Só hai que ver o discurso de hai dez anos e os de agora, nos discursos sociais, en entender que a sociedade galega é complexa, que importa a maioría socia...", asegurou respecto da espectacular mellora do Bloque, a quen felicitou. "Hai dez anos non se entendía e igual agora si se pode entender", rematou en referencia á que considera unha mudanza nalgúns aspetos na fronte nacionalista. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.