En xuño de 2012, hai agora oito anos e nos peores momentos da crise, Syriza daba a gran sorpresa nas eleccións gregas, acabando co bipartidismo, superando o PASOK e sentando as bases da súa gran vitoria en 2015. Aquela Coalición de Esquerda Radical --nome da formación que dá lugar ao acrónimo polo que é coñecida-- de varios partidos serviu de inspiración nunha esquerda galega que viña da saída de varios sectores do BNG, da fundación de Anova e atravesada pola forza do 15M. As apelacións á creación da "Syriza galega" de cara ás autonómicas de 2012, sobre todo desde a EU de Yolanda Díaz, tornou en AGE, que con mes e medio de vida irrompeu no Parlamento con nove escanos, nunha campaña que puxo as bases da futura esquerda rupturista e que supuxo, como explicaría Pablo Iglesias, a inspiración para a creación de Podemos.
As apelacións á creación da "Syriza Galega" deron lugar en 2012 a AGE, xermolo do que logo sería En Marea, xurdida á calor do éxito das mareas municipais
Aquela unión do soberanismo e o federalismo deu a sorpresa, superou o BNG e recompuxo as pezas á esquerda do PSdeG, dominada polo Bloque durante anos. O xurdimento de Podemos e a súa unión a candidaturas municipalistas colaborou no éxito nas locais de maio de 2015 das mareas, que lograron gobernar na Coruña, Santiago ou Ferrol, entre outras localidades. Nas xerais de meses despois, En Marea, o espazo que unía todas aquelas forzas, acadaba o 25% dos votos, seis escanos e superaba amplamente os socialistas, duplicando os votos de AGE.
Nas galegas de 2016, e malia non lograr acabar coa maioría absoluta de Feijóo, irrompeu na Cámara con 14 escanos e como primeira forza da oposición. Catro anos despois, Galicia en Común, coalición que agrupa todo ese espazo, quedou sen representación no Parlamento, caendo máis de 15 puntos. Un lustro antes chegara a atraer un cuarto do electorado galego.
Galicia en Común quedou sen representación tras caer máis de 15 puntos en catro anos e un lustro despois de que En Marea atraese un cuarto do electorado
Galicia, lugar onde encetou a unidade popular, colleu pulo a denominada esquerda rupturista, e supuxo o laboratorio electoral de Podemos, pode ser tamén a fin daquela aventura, polo menos na forma na que se coñeceu até agora. "Os resultados son malos, moi malos, un fracaso", dixo o secretario xeral de Podemos Galicia e candidato da coalición á presidencia da Xunta na noite electoral, tras chamar á reflexión e á análise.
Esta, será a varias mans e coa sombra dunha nova ruptura interna ameazante, pero coa diferenza de que agora non hai grupo parlamentario que romper, como si ocorreu co de AGE e En Marea. Esta última deu lugar no Parlamento a En Común da Esquerda --marca de Galicia en Común na Cámara-- e a un grupo mixto que virou en Marea Galeguista nestes comicios e que antes quedara coa marca orixinal.
Se o espazo que lidera Podemos non alcanzou nin o 4%, o que liderou Pancho Casal quedou por baixo de Pacma, co 0,22% de apoio e menos de 3.000 votos. Nin entre as dúas formacións se achegan ao 5% que dá entrada ao Parlamento. O desgaste do partido morado e as divisións internas explican en parte un fracaso que, malia a baixada anunciada, non se prevía tan duro.
Na campaña en máis clave galega dos últimos anos, Galicia en Común apostou por pór en valor o labor de Podemos no Goberno central; non funcionou
Nas eleccións en máis clave galega dos últimos anos, coa obvia e directa mensaxe de país do BNG e o insistente "Galicia, Galicia, Galicia" de Feijóo, o espazo arredor de Podemos tirou de Pablo Iglesias e da ministra Yolanda Díaz, entre outros, tentando facer valer o "escudo social" que departamentos morados no Goberno central impulsaron durante a pandemia. Non funcionou.
No debate electoral da CRTVG, e ante as acusacións de Gómez Reino de querer marchar a Madrid, Feijóo foi contundente: "Estame falando de ir a Madrid cando vostede está en Madrid no Congreso. É o mesmo que me dicía a ministra Yolanda Díaz, e ao final a que acabou en Madrid foi ela".
Para fontes deste espazo, os comicios demostraron que "nas eleccións galegas son necesarias lecturas desde Galicia". "Somos un país e non valen lecturas desde fóra...E vale para a dereita e para a esquerda, como se puido comprobar", insisten. "A abdicación de facer política en Galicia e para Galicia no espazo vén de lonxe; usar como único argumento o conseguido no Goberno central para unhas eleccións autonómicas non era a mellor idea", engaden outras, que fan unha pregunta. "Cales foron as mensaxes derrotadas este 12X? Pois iso".
A derrota foi dura, sobre todo na Galicia urbana, onde o espazo rupturista acadara sempre os seus mellores resultados. Galicia en Común non retivo moitos dos sufraxios acadados por En Marea en 2016 ou por AGE en 2012. Quedou en 23.677 votos, 95.000 menos que En Marea en 2016 e 68.000 menos que AGE en 2012. Os 33.000 votos perdidos en Vigo, ou os 23.000 da Coruña son unha boa mostra do fracaso, aínda peor de comparar coas eleccións xerais de 2015 e 2016, cando chegou a ser a primeira forza, por exemplo, na cidade viguesa.
Desde este espazo, varias fontes critican o excesivo protagonismo de Podemos na campaña e o interese por reivindicar a súa marca e menos o resto. Mesmo non optar por un aspirante á Xunta que vinculara a coalición a forzas ou experiencias propias e exitosas. Destacados persoeiros vinculados a gobernos municipalistas ou ao nacionalismo, que antes apoiaron, optaron polo silencio ou pediron directamente o voto para o BNG.
"Non esperaba non ter representación, pero non sorprende porque os erros cometidos foron moitos e moi persistentes nos últimos anos", explica unha relevante figura dun espazo, onde son moitos cren que a cidadanía que os apoiou acabou cansa: "Perdeuse credibilidade". "As guerras intestinas foron claves, pero non o único, o devalo foi continuo e, aínda que o castigo pode que sexa excesivo, era esperado", din outras fontes.
E o resultado, á vista das cifras, foi evidente: o Bloque absorbeu --e recuperou-- a inmensa maioría do electorado antigo de En Marea, como xa fixera con parte del nos últimos comicios. Desta vez, fagocitouno. Todo, nun espazo electoral á esquerda do PSOE que se mantén estable nos últimos anos e que muda só en función do transvasamento de votos dunhas a outras forzas. A eterna recomposición.
A suma de En Marea e BNG en 2016 acadou o 27,4% dos votos; a do Bloque, Galicia en Común e Marea Galeguista en 2020, o 27,95%
Nas eleccións galegas de 2016, hai só catro anos, a suma da antiga En Marea (19%) e o BNG (8,4%) alcanzou o 27,4% de apoio e 20 escanos, 14 para a formación que lideraba Luís Villares e 6 para o Bloque. Neste 12X, a suma de Galicia en Común (3,9%), Marea Galeguista (0,22%) e BNG (23,8%) é practicamente idéntica: 27,95% e 19 escanos. Nesta ocasión, todos os deputados para unha mesma formación e arredor de 55.000 votos, os do antigo espazo rupturista, que non supuxeron representación ningunha. "É evidente que a esquerda gaña coa mobilización, restando abstención", advirten as mesmas fontes. "Se non rompe o cerco de Feijóo, non hai nada que facer", engaden outras.
Agora, toca reconstruír. "Pero de cero", din. Malia todo, si cren que na sociedade segue a ser necesario e demandado algún tipo de fórmula de unidade popular e de ruptura. Aínda que, "seguramente, con outras fórmulas e xa moi diferente".