O PSOE expulsa catro dos seus seis edís en Santiago

Edís de BNG, PSdeG e CA votan a prol da ordenanza que culminaba a limitación dos pisos turísticos en Santiago CC-BY-NC-SA CA

Ferraz expulsa os catro dos seis edís que ten en Santiago. A Comisión Executiva Federal do PSOE, segundo informa a agrupación provincial do partido, acordou a expulsión provisional das concelleiras Mercedes Rosón, Milagros Castro e Marta Álvarez pola súa "negativa a nomear o voceiro municipal aprobado pola dirección local do partido" e tamén a do concelleiro Gonzalo Muíños "pola súa negativa a acatar a resolución do expediente e permanecer no cargo de voceiro en contra do criterio" da formación.

Recrúa así unha crise no PSdeG en Compostela que se agravou cando o pasado 17 de xaneiro Ferraz comunicara xa a suspensión temporal de cargo público e militancia para Gonzalo Muíños por "indisciplina reiterada" e que acabou por partir o grupo municipal en dous. Nunha banda as concelleiras, agora expulsadas tamén, en apoio de Muíños; pola outra, Sindo Guinarte e Marta Abal, do lado da dirección local. 

Gonzalo Muíños, portavoz municipal do PSdeG en Santiago, con María Rozas e Goretti Sanmartín CC-BY-SA Concello de Santiago

Ferraz expulsa a Mercedes Rosón, Milagros Castro e Marta Álvarez pola súa negativa a nomear voceiro a Sindo Guinarte e a Gonzalo Muíños por permanecer no cargo de portavoz

Desta vez, foi a negativa por parte dos catro edís agora sancionados a aceptar o nomeamento de Guinarte en lugar de Muíños como portavoz o que acabou de avivar o conflito. A dirección socialista acusa estes concelleiros de incumprir a normativa e os estatutos do PSOE en numerosas ocasións, mentres que os sinalados advirten dunha operación orquestrada para colocar no grupo municipal a Aitor Bouza, actual secretario xeral dos socialistas en Santiago

Pero as discrepancias veñen de moito máis atrás, enmarcadas nas longas disputas no socialismo compostelán desde hai anos, e teñen un feito como fundamental: a aprobación da norma que completaba o freo aos pisos turísticos en Santiago, aprobada o pasado mes de xuño cos votos do PSdeG malia a orde contraria da dirección do partido

Daquela, o Grupo Municipal Socialista de Santiago decidiu non acatar a orde de abstención ditada pola dirección local do partido e mantívose no voto a prol na aprobación inicial da ordenanza coa que o goberno municipal de BNG e Compostela Aberta aspira a completar a regulamentación e limitación de pisos turísticos impulsada no anterior mandato, precisamente, durante o período de goberno do PSdeG. Os 6 votos socialistas uníronse así aos 8 do goberno (6 do Bloque e 2 de CA) e o texto foi aprobado malia ao "non" dos 11 do PP.

As diferenzas veñen de moito antes, cun momento clave: a aprobación da norma para o freo aos pisos turísticos en Santiago co voto dos socialistas malia a orde contraria da dirección

Aquelas diferenzas arranxáranse cun apercibimento aos concelleiros implicados pero a crise non fixo máis que agudizarse. Agora, no caso de confirmarse a expulsión definitiva, os catro concelleiros abandonarán o PSdeG pero xa avanzaron publicamente que non deixarán a súa acta de concelleiro, polo que pasarían ao grupo de non adscritos. O grupo municipal socialista quedaría con tan só dous dos seis edís que obtivo nas eleccións locais, o que complicaría tamén a gobernabilidade en Raxoi, ao ter que negociar o goberno local —liderado pola nacionalista Goretti Sanmartín— os asuntos que queira aprobar tanto co PSOE como cos concelleiros expulsados. 

Xoaquín Fernández Leiceaga, Sindo Guinarte, Mila Castro e Mercedes Rosón (PSdeG), con Goretti Sanmartín, Míriam Louzao, Xesús Domínguez e Pilar Lueiro (BNG), na primeira xuntanza das negociacións para o novo goberno de Santiago, este 1 de xuño de 2023 CC-BY-NC-SA BNG

Segundo aclara a agrupación provincial socialista, as concelleiras e concelleiros expulsados teñen agora un prazo de tres días para presentar alegacións á Executiva Federal, que logo decidirá se fai a expulsión definitiva, como todo parece indicar, se a fai cautelar ou se a arquiva. 

Segundo explica a dirección provincial, as sancións polas que se motiva a expulsión "enmárcanse no incumprimento de faltas graves e moi graves da normativa socialista", fundamentalmente “a obstrución ao labor e decisións dos órganos do Partido” e “actuación, por acción ou omisión, en contra de acordos adoptados polos órganos de dirección do Partido que afecten ás institucións”.

No caso de Gonzalo Muíños, "tamén se lle inclúe a sanción moi grave de “desempeñar cargos públicos ou asimilados sen a autorización expresa dos órganos competentes do Partido”.

Os catro edís rexeitan a decisión de Ferraz

Os catro edís expulsados, nun comunicado emitido na tarde deste venres, rexeitaron a decisión de Ferraz e insistiron en que a reunión de cambio de portavoz municipal foi nula. No texto, sosteñen que o informe do secretario do Concello avala o seu proceder ao "certificar que Gonzalo Muíños non perdeu a súa condición de concelleiro do grupo desde a súa suspensión non definitiva de militancia que se comunicou hai unha semana por parte do PSOE". 

Ademais, aseguran que a convocatoria efectuada por Sindo Guinarte para realizar un cambio de portavoz foi "nula de pleno dereito" ao estar "promovida por un concelleiro que non sustentaba a condición de voceiro e que, ademais, excluíu dela o lexítimo portavoz e membro do grupo, Gonzalo Muíños". Así, ven "incongruente" e "incomprensible" a medida tomada polo PSOE e lamentan o "dano reputacional" á imaxe do partido en Compostela. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.