O primeiro goberno de coalición en Santiago en case década e media xa botou a andar. A nova alcaldesa, Goretti Sanmartín, asinou o propio día da súa toma de posesión o decreto no que distribúe as competencias do gabinete municipais entre os seis integrantes do grupo do BNG, entre eles a propia rexedora, e mais os dous edís de Compostela Aberta, con María Rozas como primeira tenenta da Alcaldía.
Sanmartín e Rozas presentaron en comparecencia conxunta ante a prensa unha estrutura do goberno na que o Bloque asume áreas que xa xestionara no pasado, nas etapas en que cogobernara co PSdeG, xunto con outras máis tranversais. Así, por exemplo, a formación da alcaldesa xestionará áreas especialmente sensibles na capital galega como Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica, co edil Iago Lestegás, e tamén terá baixo a súa responsabilidade, con Manuel César, as finanzas e organización do Concello con Economía e Facenda, que inclúe as competencias administrativas, de persoal e contratación.
A segunda tenenta da Alcaldía e número dous da candidatura do Bloque, Míriam Louzao, será a nova concelleira da área denominada Capital Cultural, que inclúe as competencias de Turismo, Educación e Memoria Histórica. A ela correspóndelle, ademais, ser a voceira do goberno local.
Tamén son para o BNG as competencias de Sustentabilidade Ambiental, área que inclúe un departamento clave no funcionamento cotián do Concello, como Vías e Obras, e que queda baixo a responsabilidade do nacionalista Xesús Domínguez. Ademais, a concelleira Pilar Lueiro dirixirá Deportes, Relacións Veciñais, a área do rural e mais a de Festas, así como a Unidade Municipal de Atención ás Drogodependencias.
Por parte de Compostela Aberta, a primeira Tenencia da Alcaldía para María Rozas leva aparelladas as competencias de concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, área que tamén se encargará de organizar os orzamentos participativos. Xan Duro, pola súa banda, xestionará a área de Mobilidade, que inclúe o transporte urbano, xunto con Convivencia -que inclúe a Policía Local- e a rede de Centros Socioculturais.
Goretti Sanmartín afirma que esta é a estrutura dun goberno "cohesionado e forte e "preparado" para "transformar". Rozas, "satisfeita" co reparto de área, di que o gabinete se dispón a "afrontar con rapidez e valentía" os retos da cidade
Defende Sanmartín que esta é unha estrutura deseñada para un goberno "cohesionado e forte" que comparte a ansia por "transformar" e está "preparado" para facelo. A súa intención, di, é a de "chegar a acordos, a pactos polo ben do conxunto da veciñanza" nun contexto no que os votos do PSdeG (6 edís), que votou a súa investidura pero non entrou no goberno, serán clave para sacar adiante todos os asuntos que precisen do referendo do pleno municipal.
Rozas, pola súa banda, asegura estar "satisfeita" coas competencias que asume CA, "acaídas para os perfís" das persoas que as asumen. O Goberno, di a primeira tenenta da Alcaldía, disponse a "traballar arreo e de forma conxunta" para que "os principais retos de Santiago sexan afrontados con rapidez e valentía". Nos vindeiros días, agrega a alcaldesa, os membros do novo goberno dispóñense a reunírense coas xefaturas de cada servizos e demais persoal directivo do Concello para "analizar moi polo miúdo os informes de traspasos" achegados polo goberno de Bugallo e "establecer solucións de urxencia" alí onde sexa preciso.