O éxito do proxecto municipal que publicita Vigo como a cidade "onde vive o Nadal" é innegable. Pero, onde queda a identidade de Vigo en todo isto?
“Cal é realmente o obxectivo? Acaso búscase crear un ambiente confortable de Nadal? Tal vez preténdese que os cidadáns paseen comodamente polas rúas? Ou quizais trátase de favorecer a sociabilidade en harmonía? Coido que nada disto forma parte dos obxectivos da decoración luminosa de Nadal, xa que o que se anuncia, se publica, se reitera, en definitiva o que realmente importa é o dato: once millóns e medio de luces LED este ano, e coidado coa ameaza de que o ano que vén serán máis. Isto debera facernos pensar”, salienta a doutora en Historia Mercedes Bangueses, que pertence ao Instituto de Estudos Vigueses, aínda que sobre este asunto fala a título persoal.
O éxito do proxecto municipal que publicita Vigo como a cidade “onde vive o Nadal” é innegable. Como campaña de marketing a gran escala cumpre todos os requisitos, pois logrou un posicionamento de marca no seu público obxectivo, unha visibilidade máis alá das súas fronteiras e a chegada de visitantes que reservan con antelación a súa viaxe, e mesmo a vinculación de Vigo como meme para calquera referencia humorística á decoración natalicia. Pero, onde queda a identidade de Vigo en todo isto?
O Nadal de Vigo que vén impulsando o alcalde socialista Abel Caballero é un decorado que carece de vínculos coa cidade. Todo o que compón ese gran decorado que ocupa as rúas do centro resulta perfectamente intercambiable e, de facto, sábese que o é porque a empresa contratada, Ximenez, alterna as decoracións entre as diferentes cidades que a contratan. Por moito que cada ano a iluminación festiva chegue a máis rúas, toda unha parte de Vigo vive de costas a este fenómeno por decisión municipal, falamos das parroquias da zona periurbana, como son Beade, Bembrive, Candeán, Coruxo, Lavadores, Valadares ou Zamáns que non deben pertencer ao público obxectivo da campaña das luces.
"O que temos agora é un espectáculo máis do capitalismo. Non me parece que sexa o ocio cara ao que temos que camiñar como sociedade", di Carme Adán
“Parece que se quere vender un tipo de cidade ou un modelo de cidade”, sinala Xoán Carlos Abad, historiador e arqueólogo, presidente do Instituto de Estudos Vigueses, que tamén fala a título persoal. Non hai rastro dos símbolos que identifican a Vigo, como os cabalos do conxunto escultórico de Juan José Oliveira, o home-peixe de Francisco Leiro, os redeiros do monumento ao traballo de Ramón Conde, o ferreiro de Guillermo Steinbrüggen, a porta do Atlántico de Silverio Rivas ou incluso o Dinoseto, caído en desgracia tras alzarse –tamén co impulso municipal– como punto de referencia para os selfies de turistas e veciños. Por non estar, na ecuación deste Nadal vigués non aparecen nin as Illas Cíes.
“Podería ser o Nadal de calquera centro comercial en calquera parte do planeta”, critica Carme Adán, profesora de Filosofía no IES Politécnico de Vigo e exdeputada do BNG por Pontevedra. Adán bota en falta que se aproveite o evidente éxito de público de fóra para “acompañalo dunha oferta cultural que faga país, que mostre a música ou a artesanía galega, que poña en valor a nosa lingua”. “Unha vez que a xente chega e consigue aparcar o coche, mira as luces e que máis? Non hai nada máis, comer e comprar. Non hai actividades para crianzas, non se aproveita desde o punto de vista educativo nin cultural. Non hai referencias inclusivas porque non hai nada nin minimamente reivindicativo. O que temos agora é un espectáculo máis do capitalismo. Non me parece que sexa o ocio cara ao que temos que camiñar como sociedade”, engade.
O editor e mestre Manuel Bragado, presidente da asociación Premios da Crítica de Galicia, lembra que o Nadal converteuse no século XX, por influencia dos Estados Unidos, nunha celebración cada vez máis vinculada co consumo. “As sociedades cada vez máis opulentas no consumo crean estes fenómenos como o Nadal de Nova York, baseado en decorar a cidade, ou o Nadal alemán, moi centrado nos mercados. En cada sociedade adoptan unha expresión e aquí Caballero fixo como un museo desas expresións. Fai unha montaxe que finalmente é un pastiche. Sintetiza aquí os elementos do Nadal e pretende buscar unha identidade terciaria para a cidade porque os grandes intereses do Nadal de Vigo están nunha parte da hostalería, en aqueles que xestionan as atraccións ou na empresa que coloca as luces”, argumenta.
"Partindo do feito que o programa do Nadal está concibido basicamente coma unha festa de consumo coido que queda pouco espazo para a cultura", asevera a historiadora Mercedes Bangueses
O orzamento do Concello de Vigo para o Nadal supera ao das outras seis cidades galegas xuntas. O contrato cuadrienal que ten asinado coa empresa Ximenez ascende aos 9,44 millóns de euros, que este ano se corresponden con arredor de 2,36 millóns de euros en iluminación e un millón máis para outras decoracións ligadas á celebración do Nadal. “É o dobre do que se gasta en bibliotecas e o equivalente ao que se gasta en museos”, apunta Manuel Bragado, cronista da cidade a través dos seus artigos semanais, algúns deles recollidos nos libros Vigo, puro milagre e Vigo, abella da ribeira, ambos editados por Xerais.
“Partindo do feito que o programa do Nadal está concibido basicamente coma unha festa de consumo, no que se quere subliñar as múltiples atraccións, tómbolas, noria, carrusel, pista de xeo, etc. e a abundancia de postos gastronómicos, coido que queda pouco espazo para a cultura”, asevera a historiadora da arte Mercedes Bangueses.
Bangueses destaca dous exemplos que sobreviven no Nadal vigués: “Os concertos organizados baixo o fermoso título Un mar de corales tendo a música como protagonista e o tradicional Belén Napolitano exposto na Casa das Artes, que merece a pena ver con calma e sobre todo ler as cartelas nas que se explican as escenas bíblicas representadas e nas que tamén se fai referencia á historia mesma da cidade, como por exemplo á importancia da cerámica do Castro (representada en pequenas vasillas de barro), a réplica da Fonte de Neptuno, que desapareceu da Porta do Sol a finais do século XIX, aras romanas colocadas entre os soldados, como unha chiscadela ao pasado romano da cidade, etc”.
"Fai unha montaxe que finalmente é un pastiche. Sintetiza aquí os elementos do Nadal e pretende buscar unha identidade terciaria para a cidade", sinala Manuel Bragado
Para Manuel Bragado hai iconas alternativas posibles para o Nadal vigués, como as rondallas metropolitanas e a celebración dos Manueles na Asociación Cultural Casco Vello, ou as pezas do gaiteiro no portal do retablo da igrexa de Santa María de Vigo, que desde o século XVII relacionan o Nadal con ese gaiteiro que expresa o principio da festa. “Dentro desa tradición, para min é máis alternativa para o Nadal o concerto que Carlos Núñez leva facendo vinte anos por estas datas ou o que este ano vai facer Abraham Cupeiro presentando o proxecto Mythos”, afirma. Xoán Carlos Abad lembra os ranchos de Nadal e de Reis, que involucraban tamén a toda a veciñanza da periferia de Vigo, e que a xente máis nova case nin coñece.
O historiador vigués valora que “normalmente o turismo ás cidades adoita chegar cando unha cidade ten algo que os cidadáns gozan e que pode ser exportable, pero no caso do Nadal de Vigo non existiu este proceso, fíxose unha inversión non para a veciñanza, senón para atraer xente de fóra, por tanto iso chámase parque temático”.
"Estaría ben que houbera unha proposta cultural potente e alternativa ao consumo, pero non só para o Nadal", resume Xoán Carlos Abad
Xoán Carlos Abad concede que o éxito turístico é “inmenso”, mais observa con preocupación que pode estar “superando as capacidades reais da cidade”. “Os que vivimos en Vigo dificilmente podemos gozar do Nadal no centro da cidade. Por un lado está a problemática da xente que vive no centro, pero tampouco é doado para os que aínda dicimos que ‘baixamos ao centro’ desde os nosos barrios porque non podemos baixar, está todo cheo. Non se fai atractivo para a propia cidadanía, porén, vese que a que xente de fóra desfruta. Penso que deberan facer un reequilibrio entre a oferta externa e a interna”, razoa Abad.
Nese equilibrio poden analizarse tamén cuestións como a pegada que produce toda esta acción festiva cando supostamente o camiño é o da descarbonización, ou valorar a contaminación lumínica á que se expón a contorna viguesa durante estas semanas. “Estaría ben que houbera unha proposta cultural potente e alternativa ao consumo, pero non só para o Nadal”, resume Abad, quen incide en que se pode facer pedagoxía “practicamente con todo” se hai vontade.