Vigo inviste un 2,36 millóns de euros na iluminación de Nadal, ao que hai que sumar outro millón de euros doutros gastos ligados aos festexos, que comezaron o pasado sábado 16 de novembro. A cambio, recibe decenas de milleiros de visitantes durante varias semanas
Estamos xa ás portas do Nadal e, de feito, hai xa dúas semanas que Vigo levou a cabo o acendido da súa iluminación, un ano máis a máis ambiciosa de Galicia e unha das máis caras en todo o Estado. A cidade olívica gasta ao redor de 2,36 millóns de euros na iluminación de Nadal, como parte dun contrato cuadrienal que se eleva a 9,44 millóns. Haberá que sumar o custo do resto das actividades ligadas ás celebracións, que terán un custo doutro millón de euros.
Admiradas ou odiadas, as luces de Nadal de Vigo atraen cada ano durante semana a milleiros de persoas ao centro da cidade olívica, procedentes de toda Galicia e mesmo de fóra do país, especialmente do norte de Portugal pero tamén doutras comunidades autónomas españolas. A recentemente creada Plataforma Fronte a Masificación Turística de Vigo e O Morrazo alertou a pasada semana da "masificación" que estas instalacións provocan no centro da cidade.
Vigo gasta moito na iluminación de Nadal, pero que pasa nas outras cidades galegas? Sexa pola influencia do aumento do orzamento na cidade olívica, polo efecto de atracción turística que as luces provocan ou polas demandas dos comerciantes dos barrios céntricos, o certo é que as cidades galegas cada vez invisten máis nesta partida. E aínda que é certo que o dispendio nas restantes urbes é moi inferior ao de Vigo (de feito, a cantidade orzamentada anualmente na cidade olívica supera a suma das outras seis cidades), toda a Galicia urbana vai progresivamente aumentando a dotación destas partidas.
A Coruña aumenta nun 60% o investimento en relación ao 2023, pasando de medio millón de euros a uns 820 mil. Ourense (593 mil euros) mantén a mesma cantidade do ano anterior. E Santiago aumenta a partida un 23%, de 215 mil a 263 mil euros
Neste 2024 destaca especialmente o caso da Coruña, que aumenta nun 60% o investimento en relación ao 2023, pasando de medio millón de euros a uns 820 mil. A contía inclúe tamén o gasto xerado pola iluminación do Entroido, que supón, iso si, unha parte pequena do desembolso. A seguinte cidade en gasto é Ourense (593.010 euros), que mantén a mesma cantidade do ano anterior.
Xa a certa distancia aparece Santiago de Compostela, con 263.780 euros, tamén cunha suba notable (do 23%) dende os 215 mil do ano anterior.
Con orzamentos máis reducidos aparecen as restantes cidades, encabezadas por Lugo, cuns 208 mil euros, unha cantidade na que se inclúe o gasto da iluminación do Sam Froilán. O orzamento en Ferrol é de 153.757 euros, a mesma cantidade que o pasado ano, como parte dun contrato bianual que, ademais, inclúe o gasto da iluminación do Entroido. Finalmente, Pontevedra é a urbe galega cun menor gasto, con 144.595 euros.
Dende o ano 2016 o gasto na iluminación de Nadal multiplicouse por catro nas cidades galegas, dende pouco máis dun millón de euros ata os 4,5 millóns actuais
En total, o gasto das sete cidades nas luces de Nadal suma preto de 4,5 millóns de euros, aínda que nalgunha destas partidas tamén se inclúen os gastos da iluminación doutros festexos. Máis da metade corresponden á cidade de Vigo.
A cidade olívica distínguese tamén do resto pola data escollida para o acendido das luces (este pasado 16 de novembro). No resto de urbes houbo ou haberá que agardar dúas ou tres semanas. Santiago acendeu a súa iluminación este venres 29 de novembro, Ferrol escolleu este domingo 1 de decembro, mentres que na Coruña, Pontevedra e Ourense a data será o xoves 5 de decembro.
O investimento disparouse en Vigo o pasado ano, co novo contrato asinado coa empresa Ximénez. Ourense dera un salto importante no seu gasto en 2022 e A Coruña fíxoo neste ano 2024
As cidades galegas veñen incrementando notablemente o seu gasto en luces para estas datas, que pasou de sumar pouco máis dun millón de euros en 2016 a cuadriplicar esta cifra na actualidade. Destaca o salto dado por Vigo o pasado ano co novo contrato asinado coa empresa Ximenez, cunha duración de catro anos. Pero tamén en 2022 Ourense incrementou notablemente o seu orzamento, situándose nese momento como a segunda cidade con máis gasto. Algo semellante sucedeu este ano na Coruña, coa sinatura dun contrato de moita maior contía con Ximenez ata comezos do ano 2027.
Sanxenxo, Narón, Ribeira ou Vilagarcía superan tamén os 100 mil euros de gasto en luces
O incremento do gasto na iluminación de Nadal non é exclusivo das cidades. Son numerosas as vilas que dedican a esta partida importantes contías que, en termos relativos á súa poboación, superan en moitos casos os das urbes. Por exemplo, Sanxenxo destina 131.890 euros ás luces, case tanto como a cidade de Pontevedra e máis que Narón (118.757 euros), Ribeira (116.000) ou Vilagarcía (115.000). Por debaixo dos cen mil euros aparecen Monforte (87.000), Nigrán (83.429), Arteixo (78.000), Porto do Son (70.000), Carballo (68.000), Culleredo (66.000) ou Cambados e Ribadeo (ambos, 60.000 euros).