O TSXG censura que o Concello "mantívose inactivo respecto da contaminación acústica que se producía" malia que "existe un deber dos poderes públicos de garantirnos o goce do noso descanso e tranquilidade mínima"
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) divulgou este mércores unha sentenza que condena o Concello de Vigo por vulnerar os dereitos fundamentais á intimidade persoal e familiar e á inviolabilidade do domicilio dunha veciña do centro da cidade polo ruído provocado durante a celebración do Nadal 2022-23. Os maxistrados decretaron que adopte "as medidas necesarias" para evitar "a reiteración da súa conduta lesiva dos dereitos fundamentais" e para garantir "que os niveis de ruídos exteriores e interiores non pasen os limiares fixados polas normas aplicables". Ademais, impoñen o pagamento dunha indemnización á demandante de 600 euros polos danos ocasionados.
A sección terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do alto tribunal galego acolleu parcialmente o recurso de apelación interposto por unha veciña da rúa Areal contra outra sentenza previa do Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Vigo que rexeitara a demanda presentada contra o Concello polo ruído provocado polo mercado temático de Nadal e o parque de atraccións situados nas inmediacións do seu domicilio. A muller solicitaba unha indemnización de 1.640 euros, equivalente ao prezo de arrendamento dunha vivenda de iguais características e situación durante ese período, pero o TSXG fixouna en 600 euros.
O tribunal acredita o "carácter persistente" do ruído xa que durou "practicamente dous meses"
A Sala considera acreditado que "o ruído padecido pola apelante tivo carácter persistente, xa que a súa continuidade perdurou (nos horarios permitidos) practicamente dous meses, e foi intenso porque superou os límites legais permitidos". A afectada, segundo a sentenza, "tivo que desenvolver a súa vida diaria xunto aos seus dous fillos de pouca idade -de 1 e 3 anos-, convivindo cun ruído que excedía dos límites do permitido, segundo a normativa de aplicación".
Os maxistrados do alto tribunal galego salientan que todo iso "podería supoñer unha afectación potencial á saúde das persoas", á vez que resaltan que "implica un menoscabo do desenvolvemento da personalidade, ao imposibilitar o desenvolvemento da vida diaria, o que vulnera os dereitos fundamentais denunciados como violados".
Ademais, afirman que o Concello "mantívose inactivo respecto da contaminación acústica que se producía, a cal é atribuíble exclusivamente ao ente local, que é o que tivo o control do foco emisor en todo momento, como dador das correspondentes autorizacións para celebrar a actividade de lecer e responsable da súa supervisión".
O TSXG lembra que "existe un deber dos poderes públicos de garantirnos o goce do noso descanso e tranquilidade mínima, segundo as circunstancias, polo que ao ente local non lle debe caber dúbida de que o interese xurídico que ha de resultar prevalecente, o máis digno de protección, é o dereito dos cidadáns á non recepción de ruídos molestos, en canto expresión de calidade de vida digna". A sentenza non é firme, pois cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.
O goberno local considera que con esta sentenza condenatoria da súa inacción ante o ruído "PP e BNG perderon porque o Nadal de Vigo segue adiante"
Tras coñecerse a sentenza, o goberno local de Vigo considera que con ela "PP e BNG perderon porque o Nadal de Vigo segue adiante".
O Concello, por boca do concelleiro Carlos López Font, salienta que a sentenza "refírese ao Nadal do ano 22-23 e fai referencia exclusivamente ao ruído" e "estas cuestións están practicamente corrixidas e cada ano se adoptan medidas para mellorar o proxecto".