A plataforma SOS Sanidade Pública de Vigo esixe "coñecer os termos do contrato" entre Sanidade e Povisa e que a Xunta "cumpra" coa súa obriga de transparencia
A plataforma SOS Sanidade Pública da área sanitaria de Vigo denunciou este martes a "opacidade" e a "falta de transparencia" do novo acordo asinado entre a Consellería de Sanidade e o hospital Ribera-Povisa. Critican que o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, "comprometérase a proporcionar información sobre o acordado" antes de que a súa sinatura se fixese pública, mais faltou á súa palabra. Agora, esixen "coñecer os termos do contrato" e que a Xunta "cumpra" coa súa obriga de transparencia.
O novo contrato incremeta ata os preto dos 100 millóns de euros anuais a contía que a Xunta pagará á empresa privada Ribera-Povisa, propietaria do hospital que atende a aproximadamente 120.000 persoas na área sanitaria de Vigo. Este acordo, que se demorou por dificultades para chegar a un entedemento entre as partes, reformúlase e xa non abonará unha contía concreta por paciente atendido, senón que pagará polos servizos que reciba cada persoa en concreto.
"A negociación deste acordo prodúcese nunha situación de desigualdade, na que a Consellería de Sanidade non dispón de recursos sanitarios públicos, nin materiais nin humanos, para atender ao 100% da cidadanía, mentres que o grupo Ribera-Povisa está nunha fase de crecemento e expansión", aseguran desde SOS Sanidade Pública, para incidir en que a negociación "está condicionada polo grupo privado, cuxo obxectivo é incrementar os beneficios económicos dos seus accionistas".
Piden "un plan de investimentos que permita recuperar os recursos asistenciais públicos previstos inicialmente" en 2006, cando se planifica o Novo Hospital de Vigo
A relación entre a Xunta e Povisa, que se estenderá ata o ano 2027 segundo a información divulgada polo propio presidente Alfonso Rueda a raíz da sinatura do novo acordo, é para SOS Sanidade Pública "un dos factores determinantes da redución do deseño arquitectónico e do plan funcional do Novo Hospital de Vigo".
A plataforma leva máis dunha década denunciando que o proxecto do actual Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo restrinxiuse para "poder manter a actividade asistencial do contrato con Povisa". Por este motivo, insiste na súa petición á Consellería de Sanidade para que "desenvolva un plan de investimentos que permita recuperar os recursos asistenciais públicos previstos inicialmente no deseño e planificación" da área sanitaria no ano 2006, momento no que se planifica a construción do Novo Hospital de Vigo, da que o Consello de Contas estimou un sobrecusto de 470 millóns pola decisión de Alberto Núñez Feijóo de facer o hospital de Vigo cunha concesión, e que un informe de expertos eleva a mil millóns de euros a maiores por optar por ese modelo de financiamento.
A plataforma leva máis dunha década denunciando que o proxecto do actual Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo restrinxiuse para "poder manter a actividade asistencial do contrato con Povisa"
Na rolda de prensa deste martes, os portavoces de SOS Sanidade Pública na área de Vigo solicitaron un incremento do investimento en sanidade pública nesta área que figure nos próximos orzamentos da Xunta, pois entenden que "a renuncia do PP a dotarnos dos recursos sanitarios públicos necesarios para atender ao 100% da cidadanía" é a que "condenou a unha parte desa cidadanía a ser atendida nun hospital privado".
A plataforma reclama á Consellería de Sanidade a ampliación do Hospital Álvaro Cunqueiro; a reordenación asistencial da área urbana de Vigo, cun Centro de Alta Resolución no centro da cidade que acolla as especialidades máis demandadas pola poboación; a construción do Centro de Alta Resolución previsto no Morrazo e a "recuperación da atención primaria", cun reforzo dos Puntos de Atención Continuada (PACs) da área sanitaria.