Santiago recada 1,76 millóns de euros nos primeiros 9 meses de taxa turística

A concelleira de Turismo de Santiago, Míriam Louzao, e a marca para informar dos proxectos financiados coa taxa turística © Concello de Santiago

O Concello presenta unha marca para informar de como os cartos recadados son destinados a proxectos de diversificación turística e de "mellora da vida das persoas que viven en Compostela"

A taxa turística chegou a Galicia, só en Santiago e A Coruña e a petición dos concellos, o pasado outubro. E nos primeiros meses da súa aplicación xa está a supoñer relevantes ingresos para as arcas municipais. Se na Coruña os tres primeiros meses de aplicación supuxo uns ingresos de 407.000 euros, Santiago informou este mércores de que nese mesmo período de tempo recadou 617.000 euros, e outros 1,14 millóns nos primeiros seis meses deste ano, á espera dos meses do verán nos que se reciben máis turistas. 

Turistas en Santiago de Compostela © Xunta

A taxa turística, de entre 1 e 2,5 euros por día ata un máximo de cinco noites, comezou a aplicarse na Coruña o pasado 29 de setembro, e dous días despois, o 1 de outubro, en Santiago. Nove meses despois, o goberno local compostelán valora que "tendo en conta que faltarían tres dos meses máis potentes en estadías e que este ano no mes de maio tivemos pechado o aeroporto Rosalía de Castro, acadamos case os 2 millóns de euros, unha cifra que nos vai dando unha idea xa máis apegada á realidade de como este imposto pode repercutir nas arcas municipais”, segundo a concelleira de Turismo, Míriam Louzao. 

Louzao fixo públicas estas cifras no marco da presentación da marca coa que o Concello está identificando as actividades, eventos e proxectos que se financian co recadado a través do imposto ás estadías turísticas, que son tanto actividades de diversificación turística como "para mellorar a vida das persoas que viven en Compostela". Trátase dunha imaxe que encaixa o texto "financiado co imposto ás estadías turísticas" na forma dunha maleta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.