A conselleira de Medio Ambiente salienta nun acto dos populares no Senado que desde 2009 as mandas pasaron de 68 a 93
A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, participou este martes nun acto do PP estatal no Senado no que varios responsables populares de diversas comunidades autónomas criticaron o aumento de protección do lobo ibérico decidido polo Ministerio para a Transición Ecolóxica. Na súa intervención Vázquez dixo que ninguén ten que dar leccións ao PP sobre “como xestionar a biodiversidade” porque segundo ela cos populares á fronte da Xunta o lobo aumentou tanto en número de exemplares como en distribución polo territorio.
Segundo unha nota divulgada polo PPdeG, a conselleira salientou que “Galicia ten un plan de xestión do lobo desde o ano 2009, o que propiciou que pasara de haber 68 mandas a 93 na actualidade”. Tamén se gabou de que “nos anos noventa o lobo estaba nun 80% do territorio galego e agora está nun 94%”.
Ángeles Vázquez di que a Xunta fai un traballo "científico, non ideolóxico" tras falsear as conclusións do último censo do lobo para dicir que ten "evolución positiva" malia que o documento técnico fala de poboacións "estables"
Porén, as afirmacións da conselleira son matizables. O plan de xestión do lobo de 2009 ao que fixo referencia foi aprobado polo goberno anterior de PSdeG e BNG. Ademais, o último censo da especie en Galicia que vén de facerse público hai dous meses chegou sete anos despois do anterior, un período sen datos actualizados que non impediu ao Goberno galego seguir realizando todo tipo de valoracións sobre o estado da especie.
Vázquez tamén dixo no Senado que a Xunta fai co lobo un traballo “intenso e científico, non ideolóxico”. Porén, malia que o último censo conclúe que as poboacións de lobo “mantéñense estables”, a Xunta publicitouno falseando as conclusións e dicindo que a especie está en “evolución positiva”, expresión que non se emprega en ningún punto do documento.
Por outra banda, ese último censo do lobo sinala que a súa distribución chega ao 91% do territorio, en lugar do 94% sinalado este martes pola conselleira, cifra que se corresponde coa distribución do anterior censo de 2015.